11.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelRosa Aneiros, «Sibila»

    Rosa Aneiros, «Sibila»

    Logo dun tempo centrada na literatura infaltil e xuvenil, Rosa Aneiros regresa á narrativa para adultos cunha novela sorprendente e chea de matices e de interpretacións, con personaxes fortes e ben definidas, e cunha historia que navega entre unha nebulosa (real e simbólica) que o invade todo e que impide definir perfectamente os perfiles que lle dan forma. Non debe interpretarse esta afirmación en sentido negativo, pois entendo que forma parte da intención da autora, que prefire que naveguemos polo relato sen saber moi ben cara a onde nos vai conducir. Ese é, ao meu entender, un dos grandes acertos de «Sibilia», capaz de manter a intriga nun lector desorientado que está desexando comprender que é o que acontece entre as páxinas da novela.

    Sibila, unha reputada investigadora científica, regresa ás agochadas a unha illa na que pasou a súa infancia cunha misión que cumprir, pero ese retorno, interpretado coma unha ameaza polos actuais poboadores, terá importantes consecuencias sobre ela, axudaralle a comprender un pouco mellor seu pasado, encarreirará o seu futuro e descubrirase a si mesma entre os derradeiros habitantes do lugar. A illa, auténtica personaxe central da historia, é unha especie de paraíso perdido, ancorada na boca da ría, de acceso limitadísimo e hipercontrolado, por iso ten que entrar nela ás furtadelas. A trama lévanos a pensar nun lugar de tintes distópicos, malia que tal cousa non se defina con claridade (velaí a nebulosa, outravolta). Nin o espazo nin o tempo, a pesar de varias referencias a un futuro próximo, son evidenciados en ningún momento, como tampouco o é ata as páxinas finais a misión que move á protagonista nin os segredos que a illa agocha.

    A sensación de aillamento é permanente, mais sen chegar a ser abafante. A autora foi quen de crear un microcosmos peculiar no que o lector deambula sen ter pónlas ás que se aferrar, abaneado polo vento caprichoso de Aneiros, que desenvolveu, a maiores, unha fermosa colección de topónimos e microtopónimos que manexa con soltura para darlle veracidade á fantasía do relato. Para desenvolver a trama, recorre a imaxes moi potentes e a escenas certamente fantásticas, como aquela na que Amalia desvela as razóns polas que perdeu o siso e polas que pasa o día esperando o regreso da súa filla afogada, tan estarrecedora e tan fermosa. Só unha autora cunha capacidade de fabulación e cunha delicadeza como a de Rosa Aneiros sería quen de relatar o suceso con tanta habilidade e tenrura como para conseguir que o lector sinta a perda coma propia e empatice coa pobre da tola.

    O emprego dunha linguaxe sempre coidada e puída, que por momentos chega a ser lírica, é outro dos segredos para facer da lectura desta novela un verdadeiro goce. Mais non é o único. Fican entre as súas páxinas as diferentes lecturas de corte social que se poden facer, de procura da propia identidade, de indagación sobre o futuro que estamos a construír e de revisión do pasado cun ollo na nostalxia e o outro no concepto de estirpe. Son só algunhas das referencias que, coma as matrioskas rusas, se agochan unhas dentro das outras ao longo do relato e que o lector deberá descubrir por si mesmo.

    Rosa Aneiros

    Sibila

    Xerais