10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelDiego Ameixeiras, «O cervo e a sombra»

    Diego Ameixeiras, «O cervo e a sombra»

    Diego Ameixeiras tennos afeitos a un tipo de escrita moi persoal e honesta, pero sempre intensa e emocionalmente arroutada. O seu novo traballo non fai máis que afondar nesta percepción e faino a través dese mundo que habita nos arrabaldes da sociedade, un escenario xa recorrente na súa narrativa. O desazo pasa a ser unha personaxe máis nesta historia na que o autor nos leva transitar polo fío da navalla, coma se procurase, máis ca nada no mundo, evitar a nosa indiferenza. E abofé que resulta difícil ficar indiferente perante un relato destas características e unhas personaxes de tanto calado.

    O protagonista é, nesta ocasión, Mateo, un mozo que trata de superar a perda dos seus pais nun tráxico accidente mentres malvive trapicheando coa cocaína ou participando en pequenos delitos, ao tempo que axuda nos seus quefaceres diarios a unha anciá, mestra xubilada, e tamén a un cura impreciso na súa fe pero colaborativo co barrio. Un xogo de dobre moral que nos amosa as dúas facianas da realidade e que debuxa unha personaxe contraditoria e atormentada, pero tremendamente sólida. Mateo, narrador en primeira persoa, arrástranos ao seu mundo marxinal e esquecido a través dunha espiral de dramatismo e violencia, na que os vencellos de amizade teñen un peso específico moi relevante. Mais todo se trastoca coa chegada ao barrio de Irene, unha antiga moza da que o protagonista segue completamente namorado.

    A pesar do exposto, non estamos diante dunha novela derrotista nin desafiuzante, pois a esperanza na capacidade de redención do relator e, por extensión, do seu entorno, paira libremente ao longo das súas páxinas. Mateo procura unha saída á devandita espiral que non semella doada, porque as cousas non sempre son sinxelas. E, da mesma maneira que un grupo okupa se establece no barrio para tratar de darlle unha volta a todo e son reconvertidos para a ocasión en «anxos insurxentes», tamén os abismos da noite e da marxinalidade lle restan luz ao ambiente dificultando a percepción e a clarividencia das decisións que o protagonista terá que tomar. Cicatrices abertas, medos e silencios que son lousas esmagadoras, abeiran un abismo perigosamente próximo polo que Mateo pasea conscientemente.

    Estruturada en capítulos curtos, que son como fotografías da realidade que rodea ao protagonista, Ameixeiras consegue inxectarlle ao relato un ritmo frenético que arrastra ao lector polas rúas dun Ourense decadente e antolladizo, acompañando a Mateo nas súas propias contradicións. Diálogos áxiles e moi efectivos, frases curtas e directas, unha linguaxe sabiamente seleccionada en cada liña e unha dosificación da trama perfectamente medida, fan da lectura de «O cervo e a sombra» unha auténtica aventura da que resulta difícil desengancharse.

    Diego Ameixeiras

    «O cervo e a sombra»

    Xerais