16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAlberto Fortes, «O verán en Lucenza»

    Alberto Fortes, «O verán en Lucenza»

    Alberto Fortes volve ao primeiro plano da actualidade narrativa cun traballo de corte intimista, cun punto nostálxico e algo de iniciático. ‘O verán en Lucenza’ é unha novela sobre a memoria e sobre como a memoria debuxa as nosas lembranzas, independentemente da súa veracidade, a través dos ollos dun rapaz, o fillo do Cortizo, que pasa as vacacións de verán na casa das súas tías maiores, nunha aldea do rural galego dos anos 70.

    A historia está relatada en primeira persoa dende a perspectiva do rapaz, amosándonos a súa actividade e tamén os seus pensamentos máis fondos, de aí a apreciación sobre o intimismo. El é quen nos relata os sucesos que lle darán forma a esa etapa de bonanza climatolóxica e ocio, na que a súa meirande afección, a pesca, adquire un papel esencial. Deste xeito, o relato afonda nas lembranzas de tempos pasados e na felicidade do desfrute da vida, coma un Tom Sawyer de andar pola casa. De aí ese punto nostálxico que ten a novela. Ese algo de iniciático ao que fixemos referencia máis arriba vén dado pola aprendizaxe que lle implican ao protagonista as vivencias relatadas. Mesmo podemos apreciar certa evolución psicolóxica da personaxe principal, pois custa recoñecer nas últimas páxinas ao neno inocente que aparece ao principio do relato.

    No difícil equilibrio que supón navegar entre a evocación e a realidade, asistimos a momentos nos que a fantasía se desborda e lle dá a man á maxia para crear intres que redundan nese pasado tan noso, tan mitolóxico e tan peculiar. En tal contexto, falar cos mortos, por poñer un exemplo, semella algo case natural e fondamente enraizado, parte do noso propio ser.

    O estilo narrativo, debido a ese factor intimista do que xa falamos, distánciase moito da típica novela de acontecementos. A pesar de que hai acción de maneira constante, non existe un fío narrativo que vaia alén das vivencias do rapaz nun contexto tan concreto como é esa aldea galega e ese tempo dos anos 70. Por momentos, podería pasar por unha colección de relatos breves que, perfectamente ensamblados, dan lugar a unha novela aberta ou inacabada, na que o troco na orde, mesmo a eliminación ou engadido de novas pezas, non muden substancialmente o fondo da historia.

    Con todo, coido que un dos elementos máis destacables de “O verán en Lucenza” é a linguaxe ou, por dicilo mellor, a fluidez da linguaxe, que semella moi natural por estar plenamente absorvida polo autor. Non hai un gran alarde de figuras retóricas, nin construcións reviradas, nin xogos experimentais que vaian alén de deixarse levar polas lembranzas e sacar fóra todo o que o neno protagonista (no que non custa traballo adiviñar ao propio autor) leva dentro. Desta maneira consegue unha ambientación plenamente identificable para todos aqueles que tivemos a sorte de pasar algún verán da infancia na nosa Lucenza particular.

    Alberto Fortes

    O verán en Lucenza

    Xerais