13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAlberte Momán Noval, «Terra Nullius»

    Alberte Momán Noval, «Terra Nullius»

    «Terra nullius» é unha expresión latina utilizada maiormente nos tempos das colonizacións para referirse a certos territorios sen dono, case sempre deshabitados e que, en principio poderían ser reclamados por calquera país. Sobre esta idea, Alberte Momán argallou unha novela breve na que a súa protagonista, coma se fose un destes territorios sen dono, defende a súa propia liberdade e reclama a súa condición de terra sen conquistar, se se me permite a expresión. Pero non lle vai resultar doado porque o entorno é quen de fustrigala sen contemplación. A idea da violencia estrutural das sociedades modernas campa polas páxinas da novela ofrecendo un relato que aparenta ser de perdedores pero que, no fondo, do que nos fala e desa procura da independencia e da liberdade á que me referín máis arriba.

    Tal procura é a que move á nosa protagonista, unha personaxe que, para potenciar a idea de que representa a calquera de nós, nin sequera ten nome. Ela reivindica a súa independencia a partir da idea do sexo como acto puramente pracenteiro, sen vinculacións afectivas. Sen dono. E esa defensa do seu corpo acarrearalle algúns problemas nunha sociedade que non acaba de asumir a aqueles que non obedecen as normas establecidas e pretenden ir por libre.

    Ao longo do relato, a protagonista padece unha serie de situacións que redundan na idea da violencia estrutural contra os versos soltos da sociedade, que van dende a agresión ata a precariedade laboral. Mesmo resultaría doado buscar unha correlación entre a súa situación e certas consideracións sobre o capitalismo salvaxe e o aburguesamento (mesmo aborregamento) da sociedade contemporánea, que son sutilmente suxeridas polo narrador. Pero non todo resulta tan negativo como pode parecer e sempre aparecen algúns personaxes amables e dispostos a comprender, mesmo colaborar, na procura iniciada pola nosa protagonista, representadas neste caso por unha parella homosexual.

    A narración está dividida en dúas partes de desigual extensión. A primeira ocupa dous terzos do total e responde ao mesmo título da novela. A segunda leva o título de ‘Terra queimada’ e vén a presentar a situación da protagonista logo de padecer todo aquilo ao que me referín no parágrafo anterior (tamén a da parella de amigos). Coido que estes títulos son suficientemente descritivos como para que non faga falla afondar máis no contido da novela, e así evitaremos estragar a sorpresa da lectura.

    Finalmente, cabe salientar que boa parte da extensa produción literaria de Momán está dedicada á lírica e iso, como en tantísimos outros casos, semella levar implícito un considerable dominio da palabra ata atopar a precisión requerida en cada intre, elemento este que marca a súa produción narrativa. Tal condición, xunto coa acción continua, fan de «Terra nullius» unha lectura moito máis doada e áxil do que aparentan os extensísimos parágrafos. Mais é no trasfondo de cada frase e de cada idea onde o autor deposita a semente que agromará en nós segundo avanzamos entre as súas páxinas.

    Alberte Momán

    Terra Nullius

    M Editora