Sábado, 19 Xullo de 2025

A Banda da Agrupación Musical do Rosal pon o broche de ouro ás festas do verán do Pilar

0

A Banda da Agrupación Musical do Rosal pechou cun gran éxito de público as festas do verán do Pilar no Concello do Rosal, que contaron cunha decena de actividades para todos os públicos. A Banda, acompañada da soprano Ana San Martín e o tenor Enrique Martínez, levaron ao público a un percorrido polos mellores musicais de Broadway.

As actividades musicais das festas arrancaron o pasado sábado co concerto de Uxía e Javier Ruibal, que ateigaron a Praza do Calvario. Esta praza foi tamén o escenario do espectáculo infantil Pinga Pinga e do concerto do grupo galego Helen & Shanna.

O luns, o Festival Xente Xida superou as expectativas coas excelentes actuacións de Trebón dos Xidos, Os Melidaos e A Requinta da Laxeira. Nesta quinta edición deste festival a Praza do Calvario viuse ateigada pola afluencia de público.

O peche das festas tivo lugar o martes con numerosas actividades. Comezou cunha misa de mañán, cantada pola Coral Ecos do Folón, e pola tarde xogouse o  IV Torneo de Xadrez Concello do Rosal, grazas á colaboración do Clube de Xadrez Albatros, e contou con 90 participantes. O público infantil gozou do espectáculo ‘Trogloditas na rúa’ de Tanxarina, e á noitiña o Encontros dos Pobos uniu en escena aos grupos de baile tradicional galegos Vento Mareiro e Do Lusco ó Fusco, cos polacos  Bychlewianka.

Desde o Concello agradecen a súa asistencia a todas as persoas que se achegaron a gozar da música e as actividades das Festas do verán do Pilar, que superaron as expectativas de público, así como a todos as asociacións, artistas e técnicos que fixeron actuacións do máis alto nivel para todos os rosaleiros.

Nigrán celebra o Día dos Avós en Camos

0

O Concello de Nigrán festexou onte o ‘Día dos Avós’ en Camos (pavillón de Os Barreiros) co xa tradicional almorzo popular e baile posterior. Un total de 80 xubilados nigraneses (o máximo admitido) se apuntaron este ano á cita que cada ano organiza a Concellería de Maiores na efeméride de San Xaquín e Santa Ana. O obxectivo é vivir unha xornada festiva nun ambiente familiar e distendido.

A xornada comezou ás 13:00 horas cun photocall profesional de agasallo e despois almorzaron con empanada de atún, xamón asado e rosca de sobremesa. A continuación, a partir das 16:00 horas, os maiores bailaron coa música en directo do dúo ‘La Mecánica’. 

Ponteareas acolle o venres un contacontos adicado a Fernández del Riego

O vindeiro venres, 28 de xullo, ás 18:30 horas, o Parque da Perillana acolle o contacontos “Un día para as Letras. Pequena biografía de Francisco Fernández del Riego”, dirixido ao público familiar e a cargo de Polo Correo do Vento.

Neste contacontos altérnase a narración da vida do homenaxeado co Día das Letras Galegas coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais, e remata cun obradoiro no que cada persoa asistente realizará a súa propia carictura do persoeiro.

Esta actividade sobre a vida de Fernández del Riego está organizada polo Departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra, e será realizada polo colectivo Polo Correo do Vento.

É unha actividade de balde e non é necesaria a inscrición previa. 

A figura de María Vinyals protagonista no Castelo de Soutomaior

A figura da aristócrata María Vinyals, que naceu e viviu longas temporadas no castelo de Soutomaior, foi protagonista este mércores do programa provincial Aquí faltan páxinas, un ciclo de relatos sonoros e conferencias que nace da colaboración da Deputación de Pontevedra con O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias. A deputada provincial Sandra Bastos participou na charla impartida pola escritora Isabel Blanco nos xardíns do castelo.

Vinyals, escritora, articulista, artista, conferenciante e sufraxista, naceu e viviu no castelo de Soutomaior a finais do século XIX. Foi unha das primeiras mulleres en formar parte da Real Academia Galega. Ademais de protagonizar a conferencia nos xardíns do castelo a historia da María Vinyals está tamén xa dispoñible no podcast Aquí faltan páxinas (nas principais plataformas de streaming de audio e no sitio web da institución provincial) e a través dun roteiro virtual que inclúe os lugares claves na biografía da protagonista, centrado no Castelo de Soutomaior, que María Vinyals herdou do seu tío no ano 1908. No pavillón de invitados exterior do castelo, que hoxe é a Pousada, a tamén marquesa de Ayerbe creou xunto ao seu marido, o médico Enrique Lluria, o Sanatorio Lluria, no que a propia Vinyals traballou no 1916 atendendo aos pacientes. Ademais, mentres ela viviu alí, Soutomaior converteuse nun lugar polo que pasaron ministros, embaixadores, aristócratas e artistas como Sorolla e Benlliure, intelectuais como Castelao ou Pardo Bazán, e ata o rei Alfonso XII.

A relatora Isabel Blanco baseou o seu faladoiro no seu ensaio María Vinyals. Un talento rebelde (2018). Licenciada en Dereito pola Universidade de Granada, exerce desde 1989 en Vigo como avogada especializada en dereito matrimonial e de familia, e en violencia de xénero e menores, actividade que combina coa súa paixón pola escritura e a creación. Como creadora, promoveu as mostras Rompe, xoga en igualdade (Deputación de Pontevedra, 2018); Amores que matan non son amores (2018) coa dirección artística de Irene Silva e Espazos roubados (Deputación de Pontevedra, 2021), así como o espectáculo Literarias, con Silvia Penas e Mariana Carballal. Como escritora publicou case unha ducia de libros, que van desde a poesía e o relato ata a novela, o álbum ilustrado ou biografías.

O proxecto Aquí faltan páxinas inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por mes, para pór en valor os logros de 12 grandes mulleres relacionadas coa provincia: María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.

O Mercado de Tomiño renova por catro anos o selo de ‘Mercado Excelente’ que concede a Xunta de Galicia

0

O Director Xeral de Comercio, Manuel Heredia, acudiu hoxe ao Mercado Municipal de Tomiño para entregar a renovación do selo de ‘Mercado Excelente’, que avala por catro anos máis a calidade desta praza de abastos, en canto á súa innovación e modernización, sen perder o compromiso coa tradición e a profesionalidade dos e das praceiras.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a todas as persoas que traballan no Mercado o seu labor á hora de manter a calidade do servizo, así como á cidadanía que se achega a mercar alí cada día.

O selo de ‘Mercado Excelente’ valora catro aspectos globais dos mercados: a imaxe do mercado, as instalacións e accesibilidade, a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos, así como a implicación e integración do mercado na vida social do Concello.

Este selo é un distintivo difícil de acadar, de feito só tres concellos de Galicia o teñen:  o mercado de Pontedeume, o de Vilagarcía e o de Tomiño. O selo renóvase cada catro anos, e neles o Mercado de Tomiño traballou para manter e mellorar os seus servizos, infraestructuras e trato ao público. Un selo no que a praza tomiñesa é pioneira, posto que foi a primeira en recibir esta distinción que outorga a Xunta de Galicia.

Margarida Mariño e Laura Iturralde poñen en escena mañá xoves en Tui “As voces da Conciencia”

0

A praza norte da Catedral de Tui será mañá  o escenario de “As voces da conciencia” con Margarida Mariño e Laura Iturralde e dentro do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra.  

“As voces da conciencia” é unha peza multidisciplinar na que as protagonistas son as voces de distintas mulleres  que narran en primeira persoa cómo a violencia machista afectou ás súas vidas, en calquera das  súas moitas formas, conseguindo crear un ambiente incómodo que convida á autoreflexión como  sociedade. 

Margarida Mariño e Laura Iturralde achegan tamén unha mensaxe esperanzadora, que “loita por acadar una consciencia colectiva que consiga  rematar dunha vez por todas con esta lacra”.  “As voces da conciencia” é unha obra coral entre mulleres, que se expresa a  través da música, das escenas sonoras, da videocreación e da iluminación camiñando entre estilos  dende o violoncello clásico ata o máis vangardista, mesturado con electrónica e deixando ao  ouvinte coa última palabra e a súa libre interpretación.

Margarida Mariño é  autora da  idea, e da composición musical, violoncello e electrónica , mentres que Laura Iturralde realizou a composición visual, videoarte, e iluminación.

O acto é a aberto a todo o público. A concelleira de Igualdade,  Ana Núñez, agradece a Deputación está iniciativa, ao  tempo que convida a asistir a toda a cidadanía e visitantes a esta actuación artística que “ten como fin último a loita contra violencia de xénero”.

Laura Iturralde é técnica Superior en Imaxe e en Gráfica Publicitaria e Titulada Superior en Arte Dramática na especialidade de Escenografía. Nos seus traballos destaca a dirección artística de Terra, do grupo galego Tanxugueiras para o festival de Benidorm ou o deseño de iluminación e videoescena de Fariña. Traballa como iluminadora, escenógrafa e videocreadora con múltiples proxectos escénicos, artistas ou compañías como Mercedes Peón, Brigitte Vasallo, A Quinta do Cuadrante, Centro Dramático Galego, Cía Borja Fernández, ou  Pálido Domingo. Desenvolve tamén o seu traballo máis persoal nos proxectos de música con visuais como Corvax e en instalacións como Fenda ou Centinela.

No seu haber ten varios Premio María Casares á mellor escenografía polo seu traballo en Resaca , en iluminación por Invisibles,  O Empapelado Amarelo  e Bailar Agora. Foi galardoada en 2021 co premio  Rogelio de Egusquiza, da Asociación de Directores de Escena de España pola iluminación de Fariña, de Ainé Producións. Margarida Mariño é licenciada no Conservatorio Superior Liceu de Barcelona. Explora os límites sonoros i estéticos do violoncello, experimentando con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, coma a improvisación libre e o jazz, música espontánea i experimental, electrónica ou música tradicional galega. Ten formado parte de diferentes formacións coma a Orquestra Ressonance (Suiza), La Via dei Concerti (Italia) ou a Filharmonía de Galicia. No ano 2015 foi galardonada co dúo Treme polo premio Música Xove á mellor banda galega. No ano 2018 foi solista da producción do Teatro Real, Pulcinella.  Ten dous traballos discográficos publicados co multiinstrumentista Fernando Barroso: Silence Lovers Club (2018) e Xograr (2020), co trío de música clásica e contemporánea Eixos Cromáticos (2020) e co quinteto de jazz Límbico (2021).  En febreiro de 2020 presenta o seu traballo en solitario Cello&Electronics, fusionando o violoncello clásico coa electrónica. Ten composto e interpretado música orixinal para o cine.     

Esta fin de semana, torneo de fútbol sala en Arbo

0

Esta fin de semana volve a Arbo os grandes momentos do fútbol sala na localidade, cun gran ambiente no pavillón polideportivo municipal.

O Concello de Arbo no seu interese para  apoiar e promocionar o deporte, organiza o XXVIII Torneo de fútbol sala “Vila de Arbo” durante tres días con partidos seguidos.

Os días 28, 29 e 30 de xullo, 12 equipos entres os que se atopan veciños de Arbo, asi como dos Concellos limítrofes competiran polo premio de 1.100 euros que se levará o equipo gañador.

Tres días cargados de deporte e emoción, con zona de acampada e cantina nos farán disfrutar de este deporte que leva máis de 28 anos sendo unha actividade con moita afluencia de público.

O Concello de Nigrán inicia unha nova contratación da recollida de lixo

0

O goberno de Nigrán levará ao pleno ordinario deste mércores 26 de xullo o inicio do expediente de contratación do futuro servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. Tras case tres anos prorrogado a Cespa-Precero, os novos plegos pasarán dunha concesión de 16 anos por 26 millóns de euros a unha adxudicación de servizo con valor máximo de 32,9 millóns de euros e 10 anos de duración sen dereito a prórroga. Este será o contrato con maior dotación económica na Historia do Concello de Nigrán e o obxectivo da multiplicación orzamentaria non é outro que a renovación absoluta da calidade da prestación.

“Elaboramos uns plegos transparentes e innovadores que implicarán unha mellora radical no servizo prestado, incluíndo brigadas exclusivas de limpeza viaria, selección de orgánica ou o sistema electrónico de recollida intelixente “, explica o alcalde, Juan González, quen xustifica o tempo de demora do inicio de expediente na elaboración “absolutamente minuciosa das bases”. “Este non é un contrato que se elabora nuns meses, optamos por darlle unha volta por completo ao anterior transformando todos os conceptos; a diferencia é que este é un contrato innovador e moi aberto que non quedará obsoleto en 4 anos porque ten visión de futuro, a esixencia á empresa é moi alta pero tamén lle outorgamos libertade para que cumpra do xeito que ela crea convinte coa calidade que se lle pide, xa non é unha subasta dun servizo, vai máis alá diso”, explica o rexedor, quen engade que na adxudicación puntuará un 55% a mellor oferta económica e un 45% a mellor proposta técnica, estimándose que o concurso quede resolto a inicios de ano.

A cidadanía notará o cambio desde o mesmo momento en que se estree a concesión porque se estipula que a empresa realice un investimento inicial de 3´4 millóns de euros para aumentar nun 20% o número de contedores e renovalos todos, ademáis de incorporar a recollida orgánica para a hostalaría (irá extendéndose progresivamente a toda a veciñanza) e dispor obrigatoriamente dunha flota de vehículos e maquinaria totalmente nova. Ademais, o plego beneficiará aos residentes dos diferentes SAUs ou a Porto do Molle, zonas que non figuran a día de hoxe por ser posteriores ao ano 2004 e que non tiñan cabida coa concesión actual (entrou en vigor nese ano). “O vindeiro contrato ten visión de futuro no seu plantexamento, cubrirá todo o territorio independentemente do desenvolvemento urbanístico que experimente Nigrán nos próximos 10 anos”, subliña González.

A veciñanza tamén notará a mellora na calidade do servizo grazas á creación por vez primeira de dúas brigadas adicadas en exclusiva á limpeza urbana (viaria, de marquesinas ou pavimentos) cun máximo 22.000 horas ao ano e outra rural para a recollida de podas, desbroces, etc. “Son todos aqueles traballos que se saen da rutina diaria da concesionaria e que agora estarán sempre atendidos”, explica González, quen incide en que “o control de calidade por parte do Concello será rigoroso”. “Este plego non impón as técnicas ou métodos de limpeza que ten que usar a empresa, o foco de atención e de sancións será non cumprir coa calidade que se lle esixe, damos liberdade a cambio de que asuman a responsabilidade pactada. Esas 22.000 horas de limpeza viaria poden distribuílas no ano como eles estimen, asi que xa non hai excusa cando chegue o verán e se multiplique a poboación: eles teñen unha carteira de horas máis que suficiente para cumprir escrupulosamente”. Neste sentido, o contrato contempla un reforzo en calquera evento multitudinario que se requira e un aumento do punto limpo móbil, ademais, atendendo aos efectos do cambio climático no uso dos areais, amplíase a tempada de limpeza de praias do 15 de Xuño ao 30 de Setembro (actualmente é só ata o 15 de setembro).

Os traballadores da futura adxudicataria tamén verán melloradas as súas condicións ao establecer o propio plego revisións salariais anuais obrigatorias, ademais de establecerse un aumento do persoal. O seu labor será tamén máis eficiente grazas a estar todos os contedores dotados con dispositivos electrónicos que informarán da súa capacidade en tempo real, permitindo mellorar a eficacia da recollida. “Este sistema intelixente fará que en canto se suban ao camión teñan a súa disposición as rutas que teñen que tomar ese día atendendo a capacidade en que se atopan os contedores”, finaliza.

A Graña celebra cunha merenda a rehabilitación da fonte da Ponte en Eido Gonzalo

0

O Concello de Covelo, dentro do seu plan de recuperación de fontes públicas, procedeu á rehabilitación da fonte da Ponte en Eido Gonzalo, na Graña. A veciñanza quixo inaugurar esta emblemática fonte xunto ao río do Portiño Escuro e gozar así duns intres de confraternización e recordos, vividos xunto á fonte, compartindo unha merenda.

Con medios propios o persoal municipal realizou tarefas de limpeza, saneamento do manancial, acondicionamento da pía e recollidas de auga ademais de cambios de tubaxes e colocación dunha billa, entre outros traballos. Tamén se limpou o acceso á fonte sendo este un lugar moi visitado pola veciñanza e no que pasar un momento agradable ao fresco.

Ao longo deste ano tamén se rehabilitou a fonte do Barreiro, en Santa Marina e a fonte do barrio Alén, en Barcia de Mera. Para o alcalde, Pablo Castillo, as fontes públicas non só son un servizo útil e básico, “tamén forman parte da historia dos nosos barrios por iso ao longo deste último ano procedemos á reparación de tres fontes públicas e proseguiremos para que todas estean en condicións óptimas e todas e todos poidamos achegarnos e rememorar historias e acontecementos sociais”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

Arbo organiza unha andaina popular co gallo da Festa da Lamprea

0

O vindeiro sábado 12 de agosto, entre os actos que o Concello de Arbo organiza co gallo da Festa da Lamprea Seca, está prevista a V Andaina Popular da Lamprea Seca. A actividade arrancará ás 10:30 horas dende o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Museo Arabo” con un percorrido de 8 km e unha dificultade media-baixa e rematará na Carballeira de Turbela.

Os interesados en participar deberán realizar as inscricións no correo electrónico  [email protected] ou no teléfono 639829445 ata o 9 de agosto, haberá  sorteos e agasallos entre os participantes. 

As persoas  que acudan a este  roteiro poden participar noutras actividades lúdicas e culturais que terán lugar ao longo do día na Carballeira de Turbela, organizadas con motivo da Festa da Lamprea

Na Carballeira de Turbela, un área recreativa con mesas, sillas e sombra, poderan  degustar nos postos habilitados este manxar nas súas diferentes variedades, asada, rebozada, rechea… acompañada dos mellores viños das adegas de Arbo presentes no recinto incluidas dentro da D.O. Rías Baixas, mentras desfrutan  coas actuación dos grupos de Arbo como Barca de Loimil e Mel de Meiga, concertos, charangas…

Mañana pecha o prazo de inscrición no curso de tenis de Tomiño

0

O Concello de Tomiño abre o prazo de inscrición para participar no Curso de Iniciación ao Tenis, que se desenvolverá ao longo do mes de agosto. Esta actividade está dirixida á poboación infantil e adolescente menor de 16 anos.

O Curso de Tenis realizarase os martes, mércores e sábados e conta con tres quendas: de 10 a 11h, de 11 a 12h e de 12 a 13h. Levarase a cabo nas pistas de tenis municipais no Mosteiro e será impartido por unha persoal profesional.

As inscricións faranse a través dun formulario que pon a disposición a OMIX: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScgLHQssp6c2JqmrO6aXvci70T3b0HnHV-aWvDSiW5ZA5RBMw/viewform.

As inscricións deberán ser realizadas polo pai, nai ou titor de cada participante. Unha vez pechado o prazo de inscrición, comunicaráselle a cada participante o programa e a duración por correo electrónico.

Para máis información:  https://tomino.gal/omix/.

Nigrán ofrece o xoves un roteiro nocturno polos petroglifos de Priegue

0

O Concello de Nigrán ofrece este xoves 27 de Xullo un novo roteiro nocturno polos petróglifos do municipio, neste caso polos da parroquia de Priegue (anteriormente foi Monteferro) e guiados por arqueólogos da cooperativa Árbore, encargados de mellorar a sinalización e o estado destes gravados.

Os interesados en participar tan só deben presentarse ás 20:30 horas ante o cruceiro de Navás (Priegue) provistos dunha lanterna (serviría un móbil con lanterna) e con roupa axeitada para afrontar unha camiñata de dificultade alta pola gran pendente da mesma e a duración dunhas 2 horas. Entre os diferentes petroglifos que apreciarán destaca o de ‘O Currelo’, considerado un dos máis espectaculares do municipio polo seu gran tamaño e a variedade de motivos que presenta. Ademais, visitarán tamén o das ‘Requeixadas’, o barrio de A Mámoa (toma o nome precisamente deste tipo de sepulcros megalíticos) e un gran miradoiro na cima da parroquia. Os seguinte roteiro nocturno para apreciar petróglifos máis nítidamente que a pleno sol será o día 10 de agosto en Chandebrito, a parroquia onde máis se poden atopar de todo Nigrán. 

Ars Longa cerrará as “Noites de Música Antiga” este venres en Santa Clara

A igrexa do Convento de Santa Clara acolle este venres 28 de xullo ás 20:00 h o segundo concerto das Noites de Música Antiga, que cada verán organiza o Museo de Pontevedra. Ars Longa será a formación encargada de clausurar a XIV edición do ciclo con “Tesouros de América”. O concerto será de balde pero, debido á alta demanda da actividade e a capacidade limitada do espazo, o acceso realizarase mediante reserva previa de praza, escribindo ata o mesmo venres ás 14:00 h a [email protected]. Indicarase o nome completo e poderanse reservar como máximo dúas prazas por persoa.

Teresa Paz e Aland López crearon Ars Longa en 1994 en La Habana, con intérpretes saídos dos conservatorios da capital cubana e do Instituto Superior de Arte. Os membros da formación dedicáronse á recuperación e estudo do repertorio entre a Idade Media e o Barroco, con especial atención á música do período colonial na América Hispana. Ao longo destas case tres décadas de vida, o grupo actuou en relevantes festivais de música nacionais e internacionais de Europa e América e gravou once álbums dedicados á música do período colonial de España en América.

A formación no concerto en Pontevedra estará composta por Teresa Paz (soprano e dirección), Andrea Trueba (mezzosoprano), Aland López (arquilaúde e guitarra barroca) e Beatriz López (viola da gamba). Interpretarán, co título “Tesouros de América”, un programa que comprende unha ampla e coidada selección de compositores que se moven entre América e España, ben persoalmente ou ben a súa música, integrada como parte do patrimonio da música das cidades do Novo Mundo hispano. Entre pezas vocais e instrumentais, achegarase un repertorio variado e representativo da altura artística que se acadou nos ámbitos relixiosos e profanos, con mestura de ritmos, xiros melódicos e linguas.

A oficina do padrón de Ponteareas volve ao edificio do Concello

O padrón municipal regresa esta semana ao edificio do Concello. O traslado realizarase o mércores, e a partir do xoves a cidadanía de Ponteareas poderá acudir a esta nova oficina para calquera trámite relacionado co padrón.

Desde o Concello, sinalan que esta é unha medida máis que se pon en marcha para achegar a Administración á cidadanía e facilitar as xestións que se realizan no Concello, simplificando os procesos e optimizando os servizos á cidadanía.

Tui rehabilitará cinco vivendas municipais en Caldelas para destinalas a alugueiro social

0

O Concello de Tui vai rehabilitar 5 vivendas no edificio de titularidade municipal en Caldelas, o que suporá un investimento de 425.743,84€. Deste total o Instituto Galego de Vivenda e Solo financiará 250 mil euros ao abeiro da convocatoria das Subvencións para rehabilitar as edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social. O prazo de execución remata o 25 de outubro de 2024.

En concreto as vivendas a rehabilitar serán no portal 1 o baixo C, no portal 2 os baixos D, E e F, e a vivenda adaptada do Portal 3.

Nas vivendas procederase ao cambio da carpintería exterior e a colocación dun elemento metálico para ocultar a unidade exterior de aerotermia. As obras a executar contempla o cambio da instalación de fontanería, saneamento, calefacción, eléctrica e de telecomunicacións, así coma da carpintería interior. Tamén se procederá ao revestimento e trasdosado, con cambio dos pavimentos, alicatados, guarnecidos e pinturas. Nas cociñas instalarase o mobiliario e electrodomésticos , mentres que nos baños cambiaranse os sanitarios, instalarase un moble de lavabo e a mampara de ducha.

Amais no caso da vivenda adaptada mellorarase a accesibilidade da mesma. Así para facilitar a mobilidade igualarase a cota do solo da garaxe á da vivenda, farase unha redistribución da zona  eliminando a actual porta de acceso á garaxe e substituíndoa unha ventá que dará iluminación ao rocho, e abrirase unha nova porta de acceso ao garaxe  na fachada. Tamén se modificará a rampla de acceso á vivenda e a súa varanda.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicaba que o arranxo destas vivendas para dedicalas a vivenda social  “era unha reivindicación histórica á que este goberno lle quería dar cumprimento”, ao tempo engadía que con esta actuación comeza “a cumprirse ese compromiso de comezar a colocar vivenda de uso social” o que engadía “é unha magnífica noticia”.  Dos 425 mil euros de investimento previsto o IGVS aportará 250 mil euros, polo que Enrique Cabaleiro indicaba que terán que estudar se financiar con fondos propios o importe restante ou conseguir unha subvención adicional. Así sinalaba que “estudaremos cal é a forma menos onerosa para a Tesourería local e tamén a máis áxil, e ese é o traballo que teremos que facer a partir de agora”.

Salienta o alcalde de Tui que tras esta actuación quedarán xa rehabilitadas todas as vivendas que neste intre están baleiras neste edificio municipal. Lembraba amais como no mandato anterior con financiamento da Deputación acometéronse obras importantes de rehabilitación neste edificio.

Nova sesión de ‘Ioga e meditación no Solpor’ na praia de Patos

0

O gran mestre internacional Madhana, pioneiro na práctica do Ioga en España, introductor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo, repite este mércores 26 de Xullo as 20:30 horas as sesións de ‘Ioga no Solpor’ organizadas polo Concello de Nigrán na praia de Patos (na propia area, ao carón do posto de Protección Civil). As seguintes citas serán os mércores 2 e 23 de Agosto, respectivamente, sempre ás 20:30. A primeira delas tivo lugar o pasado venres 21 de Xullo con centos de asistentes que, como o verán pasado, conxugaron a beleza e a harmonía deste areal co benestar físico e mental que proporciona o ioga e a meditación.

O célebre yogui realizará unha demostración e posterior clase iniciática gratuíta aberta a toda aquela persoa que desexe participar, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse cunha toalla ou esterilla, botella de auga e protección solar.

Milladoiro chega a Covelo este martes ao abeiro do programa da Deputación

0

O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, chega este martes, 25 de xullo, Día de Galicia, ao Concello de Covelo co recoñecido grupo Milladoiro. O concerto terá lugar no Campo da Feira da vila ás 17:30 horas.

Nesta nova xira 2023, Milladoiro, que acumula unha extensa traxectoria de máis de 40 anos, está a facer un percorrido polos seus temas máis emblemáticos, así como os pertencentes aos traballos máis recentes. “Seguimos –aseguran os seus integrantes- á procura da beleza e da harmonía nunha singradura que ten a Galicia como epicentro dunha longa espiral sen fronteiras, e que agarda e demanda de cada un de nós que esteamos sempre á altura do seu horizonte de mar, ceo e terra”.

Milladoiro está considerado como un dos grupos de música folk máis valorados e tamén un dos principais embaixadores da música galega polo mundo. Ten realizado durante anos un arduo labor de recuperación da musical galega tradicional empregando, ademais, instrumentos locais como a gaita galega, a irlandesa, a arpa celta, a pandeireta, a zanfona xunto a outros máis universais como o clarinete, a frauta transversa ou o violín. Entre os galardóns que acumula o grupo está o Goya á mellor música orixinal pola banda sonora da película La mitad del cielo, así como a Medalla Castelao (2004) ou a Medalla de Oro de Galicia (2012).

Música ao aire libre coa programación “Tui, verán na rúa”

0

O festival IKFEM, a Noite Internacional do Miño, os primeiros concertos de Sons na rúa e cinema ao aire libre centran a programación de “Tui, verán na rúa”.

Mañá martes, 25 de xullo, rematará a décimo primeira edición do festival IKFEM que se está a celebrae na Eurocidade Tui-Valença.

Abraham Martínez ofrecerá un concerto no órgano da Catedral de Tui hoxe luns, ás 20 h, baixo o título “Retablo Sonoro. Improvisaciones Hierofánicas”. Ás 22.30h a actividade trasladarase a igrexa de San Domingos cun concerto de música cubana da man da soprano Pilar Moráguez e da pianista Arabel Moráguez.

O IKFEM 2023 despedirá a edición deste 2023 o martes, 25 de xullo, con tres novas propostas musicais. O pianista Daniel Pereira interpretará catro das sonatas máis famosas de Beethoven – Sonata op. 13, Patética; Sonata op. 28, Pastoral; Sonata op. 31, núm. 2, La Tempestad e Sonata op. 23, Appassionata-  ás 19 h na Igrexa de San Domingos, nun concerto inclusivo no que se contará con dispositivos especiais para que persoas xordas poidan gozar tamén do concerto a través das vibracións da música. Serán mochilas vibratorias, equipadas cunha tecnoloxía que converte o son en vibración que fará que  para que as persoas xordas poidan sentir a música

Para celebrar o Día de Galicia ás 22 h no Paseo da Corredoira actuará a Banda de Gaitas Arume de Malvas con “Percorrendo Camiños” no que plasman a experiencia e as influencias destes nove anos coma agrupación. Por último ás 22.30 h na praza de San Fernando, clausurando o IKFEM, chegará o espectáculo sonoro e visual “Experiencia Sol Invictus” da Fundación Alqvimia Musicae con Abraham Martínez, Alfonso Padilla, Antonio Alcántara, Maria Camps e Beatriz Rivas.  Amais cada mañá celebrarase o Balcón do IKFEM no Espazo Xove. A programación detallada pode consultarse en ikfem.com.

“Tui, verán na rúa” ten cita destacada tamén o próximo martes, 25 de xullo, ás 21.30 h no Parque do Laxal en Rebordáns coa Noite Internacional do Miño coa participación dos grupos Hei Show Tamure de Tahití, Akademsko Drustvo Novi Beograd de Serbia e African Zebra Kings de África do Sur. O evento está organizado pola Escola de Baile e Música San Fins, coa colaboración do Concello de Tui.

O venres, 28 de xullo, haberá dobre proposta de lecer: música e cinema.

Así terán lugar os dous primeiros concertos de “Sons na rúa”.  Ás 21 h no Paseo da Corredoira actuará Acevedos Delgados. Este grupo de Goián formado polos músicos Andrés Acevedo e Davinia Delgado, interpretará versións de cancións xa populares pero tamén interpretarán os seus propios temas con toques de pop, blues e rock. E ás 22 h na praza do Concello actuará Pacheco Bros. Este dúo, formado polos irmáns vigueses Javi e Diego Pacheco, ofrecerá un espectáculo en acústico combinando guitarras e voces. Percorrerán a historia da música pop rock e o blues dos anos sesenta, con versións de temas máis recoñecidos e tamén actuais.

E por último o venres 28 ás 22.15 h no Paseo Fluvial dentro das proxección de cinema ao aire libre poderase ver “La Canción del Mar” dirixida por Tomm Moore.

As Neves presenta a Festa do Viño Tinto Rías Baixas

0

Presentación da Festa do viño Tinto Viño Rías Baixas que se celebra os días 24 e 25 de xullo
nas Neves.

A pasada semana fíxose a presentación pública da Festa das Tinto Rías Baixas desde o miradoiro do Monte de Sanomedio, onde, o Alcalde José Manuel Alfonso acompañado dos seus concelleiros, presentou a programación da festa e ao catador Sebastián Eduardo González Flores, que será o responsable de levar a cabo dúas catas gratis que se celebrarán o luns 24 de xullo de 2023; unha cata profesional ás 19:30 h na Casa da Mocidade das Neves e unha cata pública que se celebrará o mesmo día ás 20:30 h na carpa da festa; ambas as catas estarán acompañadas de Requeixo das Neves e de diferentes variedades de Mel de Galicia.

Na devandita festa, contaremos con diferentes tipos de viños tintos procedentes de adegas
como son Señorío de Rubiós, Adega Caveiral, Eido Novo, Chan de Vide, Eido da Fonte e Eido Sela.

Unha festa que abre as súas portas o 24 ás 19:00h e que contará ese mesmo día con dúas
actuacións como son a do grupo “Son dás tabernas” e a de “DJ Iván”. O 25, o día principal da festa ás 09:00h haberá unha andaina gratis con avituallamiento e degustación de viños tintos. Ás 12:00h teremos o pasacalles a cargo do grupo “Muiños de Oliveira” e ás 13:00h o pregón desde o Balcón do Consistorio a cargo de Juan Gil de Araujo e Careaga, expresidente do Consello Regulador de Denominación de Oxigen Rías Baixas. A festa estará amenizada por diferentes grupos e charangas como son “Charanga vos Imperiais”, “Charanga NBA”, Grupo de “The Taverners” e o Grupo “Errantes”.

Ese mesmo día pola tarde, realizaranse diferentes actividades gratis para os máis pequenos como son un tobogán acuático, talleres infantís e conta contos.

A piques de comezar a XXVIII Festa da Lamprea Seca

0

A vila de Arbo sabe sacarlle partido á lamprea tamén o resto do ano a través da denominación seca, un exquisito fumado que admite o recheo de ovo e xamón e que tamén pode tomarse con fideos e tirabeques. Son moitas as formas de preparar a lamprea e cada restaurante, garda con esmero os seus pequenos segredos.

A primeira quincena de agosto, na Carballeira de Turbela, este ano coincidindo os días 11, 12 e 13 de agosto, a vila de Arbo volve converterse na capital mundial da lamprea, coa celebración da XXVIII Festa da Lamprea Seca. 

Durante todo o día pódense degustar, nos postos habilitados, este manxar nas súas diferentes variedades, asada, rebozada, rechea, con  fideos… acompañada dos mellores viños da D.O Rías Baixas presentes no recinto, mentres se goza das diversas actividades que propiciarán un ambiente festivo apto para todos os públicos.

A festa da Lamprea Seca é unha fórmula perfecta para propulsar o turismo e o interese sobre Arbo, o seu patrimonio, a súa cultura e tradicións. Unha fórmula onde ten moita presencia a poboación local, xa que son parte activa da celebración: os bares e os restaurantes que nestes días aumentan considerablemente o número de comensais, e que ademais algúns deles participan ofrecendo Lamprea seca, nas súas distintas variantes na Carballeira de Turbela. Tamén son parte importante da festa diferentes asociacións de Arbo que participan na organización da festa como son, por exemplo, a Coral Polifónica de Arbo,  a Asociación Deportiva LimpreBike  na organización da Festa da Bicicleta, a as actuación dos Grupos Folcloricos de Arbo

A festa da Lamprea Seca contribúe de maneira clara e directa á economía da vila, ás empresas, ás adegas, casas de turismo rural, hostalaria…. Unha fonte de ingresos para toda a poboación en xeral, xa que durante este período festivo Arbo permanece chea de visitantes doutros pobos e incluso tamén de Portugal e outras zonas.

Nigrán consulta á veciñanza sobre a regulación de acceso dos cans ás praias en verán

0

“Considera vostede oportuno regular a presenza de animais nas praias do municipio de xeito que no periodo estival poidan acceder a elas entre as 22:00 e 9:00 horas? (actualmente, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, está prohibida a presenza de animais en todos os areais de Nigrán agás na Praia do Carreiro e Praia do Canto)”. Esta pregunta, con posible resposta afirmativa ou negativa, é a primeira consulta pública do Historia do Concello de Nigrán e ten como obxectivo dirimir se o goberno local modifica ou non a ordenanza municipal de convivencia cidadá e ornato público que, entre outros aspectos, regula a presenza de cans nos areais. A veciñanza poden expresar a súa opinión ata o 15 de agosto a través de escrito ou instancia presentada no rexistro xeral ou sede electrónica (sede.nigran.org) ou ben mediante un formulario google en https://forms.gle/KVAW1vArkq8cEC7e9.

“Temos moitas opinións encontradas ao respecto entre a propia cidadanía e mesmo entre ornitólogos ou ecoloxistas e propietarios de mascotas”, incide o alcalde, Juan González, quen o verán pasado deu o paso para permitir a presenza de cans durante o periodo estival nas praias de O Canto e Carreiro, ademais de ser un municipio pioneiro na instalación de sanecáns no 2017 para depositar as cacas das mascotas. “Os propietarios de cans siguen demandándonos unha maior apertura ao respecto pero tamén temos moita veciñanza que se opón. Non é unha cuestión tan sinxela e queremos, deste xeito, palpar a opinión xeral da cidadanía”, explica o alcalde, quen non valora en ningún caso “unha modificación de cara a que poidan acceder os cans durante o resto do día coincidindo coa presenza de milleiros de bañistas”.

Multas graves

O alcalde de Nigrán incide en que, como contempla a ordenanza e non se pretende modificar, os cans deberían pasear pola praia atados por correa como nos demais espazos públicos do municipio e, igualmente, é totalmente obrigatorio que o dono recolla os seus excrementos. “En caso de que finalmente se modifique a ordenanza ímos ser especialmente vixilantes de que os donos recollan as cacas porque, do contrario, se considerará unha infracción grave con multas de ata 600 € por ser este un espazo de convivencia onde acuden cada día milleiros de persoas, entre eles crianzas que, precisamente, veñen a xogar na area.; este é xa un motivo suficiente para que non se poida soltar o can e que defeque en calquera lugar onde o dono non o pode controlar”, insiste o alcalde, quen ve nisto “unha liña vermella” para que funcione a convivencia entre bañistas polo día e donos de cans pola noite e primeira hora da mañá.

“Esta é a primeira consulta pública que facemos pero virán máis ao longo deste mandato como unha fórmula máis de participación e transparencia”, finaliza.

Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo. Branca leva no sangue a súa paixón pola poesía, ou quen sabe se os misterios da xenética e o feito de criarse nun entorno como o Courel terán algo que ver, o caso é que, unha vez máis, íspese emocionalmente para nós nunha colección de textos, maiormente breves, que non nos deixará indiferentes.

«As cunchas baleiras» é un poemario que, máis que «minimalista, eu definiría como «esencialista», pois o que fai a autora é amosar a esencia das cousas que a rodean. Para iso sérvese do mencionado minimalismo ao eliminar toda referencia ornamental que poida desviar a atención do lector, para centrarse na consecuencia ou, por mellor dicilo, na cerna da idea expresada. Velaí o verdadeiro valor da palabra como elemento comunicativo entre o «eu» interior e o «eu» externo, como ponte de tránsito entre ambas caras da moeda, como balconada dende a que asomarse ao mundo, como xogo entre significante e significado co que afondar no pensamento íntimo. Mais, a pesar do dito, custa traballo atopar nestes versos un «eu poético» individual e diríase que o conxunto de textos semella máis preocupado por recoller o sentimento da colectividade, a través dun tratamento que vai dende o reflexivo ao meramente contemplativo.

A condensación das ideas e o emprego de simbolismos non sempre xogan a favor da claridade expositiva, pero a autora consegue que isto non supoña un atranco para o disfrute da lectura, pois induce ao lector á reflexión, da que andamos tan carentes dun tempo a esta parte. Deste xeito, resulta doado deixarse levar pola cadencia rítmica dos versos cara á propia introspección dentro da globalidade da que formamos parte. Cada poema agocha unha fondura de pensamento que o achega a conceptos filosóficos, ás veces expresados como meros aforismos, ás veces cunha linguaxe puramente lírica, ás veces como pegadas firmes do pensamento. Pero sempre provocadores. Non se podería cualificar o poemario de pesimista, a pesar de que o mundo que nos rodea parece empurrarnos día a día nesa dirección, pero si hai certo transfondo de tristura existencial sobrevoando os versos, sobre todo nos fragmentos relativos á enfermidade e á debilidade do corpo para enfrontarse a ela.

Branca xoga con elementos, como dicimos simbólicos, en canto ao fondo. No que respecta á forma semella buscar os límites da poesía como xénero, coma se andivese na procura de novos camiños que percorrer entre a lírica tradicional e a poesía visual, mesmo entroncada co teatro e a danza. O resultado desta década de traballo e de condensación, é unha pequena alfaia pensada para aguilloar o noso pensamento e espelir o noso sentimento. O que non é pouco nos tempos que corren.

Branca Novoneyra

«As cunchas baleiras»

Chan da Pólvora

O Concello honra á talentoda compositora e directora pontareá María Domínguez

O Concello de Ponteareas honra a paixón, talento e creatividade da compositora e directora María Domínguez. A alcaldesa, Nava Castro, presidiu un acto en homenaxe a esta talentosa artista que vén de conseguir un logro extraordinario como gañadora do prestixioso Concurso de Novos Compositores ‘Juan José Olives’ coa súa magnífica obra ‘No vértice da escuma’.

“María é o vivo exemplo do rico legado musical de Ponteareas, berce de grandes compositores e compositoras que ao longo da historia levaron o nome da nosa vila máis alá das nosas fronteiras”, como salientou a rexedora. Nava Castro tamén resaltou a ilusión por presenciar a estrea no Festival Ensembles 2023 desta peza, que cativou ao xurado coas súas envolventes melodías, cores e texturas, o minimalismo sonoro e as variacións rítmicas.

Durante o acto a alcaldesa fixo entrega a María Domínguez dunha batuta que realizada polo alumnado da Escola de Xoiería do Atlántico, unha peza única de apenas 10 gramos que simboliza a paixón da artista pola música e a dirección. Trátase dunha batuta excepcional, unha obra de arte feita en madeira e metacrilato degradado de branco a incoloro coas iniciais da homenaxeada grabadas en prata no mando. As alumnas Anetha McLean e Noemí Domínguez, que contribuíron coa súa creatividade a dar vida a esta magnífica peza, contaron ao público asistente como foi o proceso de creación.

Nava Castro quixo agradecer ao alumnado da Escola de Xoiería do Atlántico a súa habilidade e dedicación para realizar a preciosa batuta que se agasallou á nova compositora e directora.

Nigrán pecha o encontro internacional de cerámica

0

Unha cocción a ceo aberto, como na época prehispánica se facía, pechou o venres o ‘IV Encontro Internacional de Cerámica’ organizado polo Concello de Nigrán e adicado nesta ocasión a México. Os dous grandes mestres oleiros Juana Gómez (Chiapas) e Tomás Esparza (Jalisco), impartiron durante toda a semana cadanseu obradoiro no CEE de Panxón xunto a Alejandro Camacho (Ciudad de México) e Miriam Salgado (Xochimilco), estes dous últimos expertos en técnicas de cartonaxe para a fabricación de ‘alebrijes’ e xoguetería tradicional. Estes catro reputados artesáns viñeron ex-profeso desde diferentes puntos do país azteca para este evento organizado polo Concello de Nigrán a través da Escola Municipal de Cerámica (a más antiga de Galicia con 40 anos de vida).  Nas anteriores edicións foi adicado a Xapón, India e os países periféricos de España.

“Foi unha honra acoller en Nigrán a estes mestres mexicanos e que puidesen compartir os seus coñecementos coa nosa escola municipal, seguiremos apostando por estes intercambios culturais porque nos fan todavía mellores”, explica o alcalde, Juan González.

Así, durante esta semana, xaguares xigantes de barro, bruñidos cerámicos impresionantes, ou métodos de coccións a ceo aberto foron os protagonistas.   “México mantén practicamente intacta unha cultura milenaria de gran riqueza que nos achega ao máis ancestral e primario do mundo da cerámica, por iso consideramos moi enriquecedor traer aos mellores mestres deste país”, explica Emilia Guimeráns, directora da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e quen contactou cos catro artistas invitados a través da Escuela Nacional de Cerámica de Guadalajara (México).

Covelo recibirá a formadores de oito países no marco do ERASMUS+

0

O Concello de Covelo prepárase para recibir á vintena de participantes do curso de preparación de formadores no que se analizará o impacto do noso estilo de vida no medio ambiente.

Esta iniciativa está organizada pola asociación Covelonatural, co apoio da ANE (Agencia Nacional Española), e cofinanciado polo programa ERASMUS+ da Comisión Europea.

A cuarta edición do Rosal Cámara Fest xa enche o concello de música

0

A igrexa de Santa Maríña do Rosal foi o escenario elixido para dar o pistoletazo de saída á cuarta edición do Rosal Cámara Fest, un festival organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello que naceu durante a pandemia como un xeito de paliar a imposibilidade de facer concertos con grupos grandes e que acadou un grande éxito de público, converténdose nun referente cultural do verán galego.

O concerto de solistas da Agrupación Musical do Rosal foi o encargado de poñer en marcha este evento cultural que deleitará ao público con ata oito concertos de gran relevancia a nivel musical baixo o lema ‘Melodías do verán: concertos para recordar’.

Nesta cuarta edición, ademais de concertos a cargo de diferentes conxuntos da agrupación rosaleira, O Rosal Cámara Fest contará con grupos que presentarán ao público un repertorio baseado na música tradicional, como o Cuarteto Caramuxo, que actuará na Praza do Calvario o vindeiro 3 de agosto, ou o Camerata Arven, que interpretará un repertorio clásico de compositores galegos o 8 de agosto na igrexa de Santa Mariña do Rosal.

Dentro da programación, destaca tamén o concerto que realizará a Banda da Agrupación Musical do Rosal o vindeiro 25 de xullo na Praza do Calvario, no que acompañará á soprano Ana San Martín e ao tenor Enrique Martínez, que interpretarán unha escola dos mellores musicais de Broadway.

Todos os concertos están programados entre o 20 de xullo e o 8 de agosto e terán lugar, como en edicións anteriores, en diferentes espazos do Rosal, como as Escolas de San Miguel, a Finca Son Rural de Tabagón ou a igrexa de Santa Mariña. A entrada será gratuíta e algúns dos concertos estarán precedidos dunha ruta guiada pola zona previa inscrición en [email protected] ou no 677 783 296. Ademais,

O Concello de Ponteareas aproba a súa organización municipal

O Concello de Ponteareas aprobou este xoves en pleno a organización e funcionamento da Corporación municipal para o mandato que acaba de comezar. Na sesión plenaria deuse luz verde por maioría ás diferentes áreas delegadas, así como ás dedicacións exclusivas e parciais e as súas retribucións.

Neste sentido, o Concello de Ponteareas mantén a dedicación exclusiva para a Alcaldía, que tamén se encargará de supervisar as áreas de Turismo e Facenda. A retribución será de 45.000 euros brutos ao ano. Establécense ademais outras tres dedicacións exclusivas, co 100% da xornada e 30.000 euros brutos ao ano que serán para a Concellería de Impulsa-Tea, Revitalización do Comercio e Cultura, Ensino, Mocidade e Voluntariado; para a Concellería de Réxime Interior, Proximidade Cidadá, Recursos Humanos, Deportes, Modernización Tecnolóxica e Seguridade; e para a Concellería de Medio Ambiente, Urbanismo, Vivenda e Infraestruturas verdes de lecer.

Por outra banda, o pleno aprobou tamén unha dedicación parcial para a Concellería de Mantemento e Infraestruturas Viairas, así como para os voceiros ou persoas designadas de BNG, ACIP e PSdG-PSOE, todas elas ao 53 % da xornada e cunha retribución de 20.000 euros brutos anuais. Ademais, establécese unha indemnización para aqueles concelleiros e concelleiras que non conten con dedicación de 140 € por asistencia ao pleno, 110 € a Xunta de Goberno e 75 € ás comisións informativas.

Concelleiros e concelleiras tamén aprobaron por unanimidade a creación de seis comisións informativas permanente conformadas por sete membros que se reunirán antes das sesións plenarias mensuais para tratar asuntos relacionados coas áreas de Contas e Facenda; Réxime Interior, Tráfico e Seguridade cidadá, Emerxencias, Protección Civil, Persoal, Honras e distincións, Patrimonio, Participación cidadá, Transparencia e Servizos tecnolóxicos e Organización e funcionamento; Cultura e Normalización Lingüística, Ensino, Festexos, Deportes e Mocidade; Benestar Social, Igualdade, Saúde e Consumo; Desenvolvemento económico, Emprego, Comercio e Turismo; e Urbanismo, Obras Públicas, Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos Básicos.

Pola outro lado, durante a celebración do pleno, a alcaldesa, Nava Castro, amosou a disposición do Goberno municipal de poñer a disposición dos distintos grupos políticos un local e correos electrónicos municipais para facilitar a atención á veciñanza, promovendo unha administración máis próxima.

O luns abre o prazo para inscribirse no “Flota Como Poidas”

0

O Concello de Nigrán abre desde este luns 24 de xullo e ata o 4 de agosto ás 12:00 horas o prazo de inscrición para participar na xa tradicional concentración de “artefactos flotantes” chamada “Flota Como Poidas”, que terá lugar o domingo 6 de agosto ás 17:30 horas desde a ponte de Ramallosa, no Río Miñor. Os interesados deberán anotarse no formulario web do Concello en www.nigran.es. A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 16.00 a 17.00 horas. Entre tódolos participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e o seu diploma e agasallo sorpresa. O evento, como é habitual, coincidirá coa celebración da festa de comerciantes ‘Portobello’ organizada coa asociación de empresarios Ovalmi.

É obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada participante. O Concello premiará o artefacto flotante máis ‘currado’ e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao “Titanic” da edición.

O Encontro dos Pobos chega a Oia este domingo coa súa música folklórica internacional

0

O Encontro dos Pobos, consolidado festival que cada verán enche o Baixo Miño de música folklórica de diversas partes do mundo, chegará este domingo a Oia cun programa no que participarán grupos da zona (Oia e A Guarda), xunto con agrupacións procedentes de Tenerife e Polonia.

O concerto desenvolverase a partir das 20.00 horas na Praza Centinela, no barrio histórico do Arrabal, e nel participarán o grupo Tra-lo Mosteiro (Oia), a agrupación Do Lusco ó Fusco de A Guarda, organizadora do evento, e máis as formacións Parranda Chaboco (Tenerife) e Bychlewianka (Polonia).

O Concello de Oia informa de que, para o desenvolvemento do concerto, o tráfico rodado nos accesos á Centinela quedará cortado o domingo entre as 19.45 e as 21.30 horas.

Festival folklórico de grande tradición na comarca baixomiñota, o Encontro dos Pobos celebra este ano a súa XXVIII edición. Está organizado polo grupo guardés Do Lusco ó Fusco e conta coa colaboración dos concellos nos que se desenvolven as distintas actuacións musicais do programa. Este ano, o festival arranca o sábado 22 na Guarda para continuar o domingo 23 en Oia, o luns 24 no Rosal e o martes 25 en Tomiño.

Reunión entre a alcaldesa de Mos e a delegada da Xunta

0

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este venres unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, dentro das reunións previstas con todos os rexedores da área.

A representante autonómica xa mantivo anteriormente encontros cos máximos responsables municipais de Baiona, Cangas, Moaña e O Porriño despois de dirixirse por carta a todos os alcaldes da área territorial para poñer en común as súas axendas e fixar o antes posible unha xuntanza de traballo.

Ademais da cidade de Vigo, o ámbito da área territorial abarca os municipios de Cangas, Moaña, Soutomaior, Fornelos, Pazos de Borbén, Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

O folclore de Tahití, Serbia e África do Sur protagoniza a Noite Internacional do Miño

0

O folclore de Tahití, Serbia e África do Sur protagonizará o próximo martes, 25 de xullo, ás 21.30 h a Noite Internacional do Miño. Este evento organizado pola Escola de Música e Baile San Fins de Rebordáns conta coa colaboración do concello de Tui e forma parte da programación de “Tui, Verán na rúa”.

O Parque do Laxal en Rebordáns  encherase de luz, cor e diferentes ritmos da man dos grupos Hei Show Tamure de Tahití, Akademsko Drustvo Novi Beograd de Serbia e African Zebra Kings de África do Sur.

A asociación Hei Show Tamure de Tahití foi creada en 2010 e está composta por unha escola de danza e un grupo de danza, sendo a escola unha das escolas Ori Tahiti máis grandes de Europa. O grupo de danza, formado por bailaríns e músicos, participa activamente no desenvolvemento da cultura polinesia a través da danza e das cancións tradicionais.   

Mentres os African Zebra Kings, son orixinarios de Ntuzuma, e Kwa-Zulu-Natal. O grupo conta con máis de 35 artistas baixo a dirección de George Oliphant. Ofrecen un espectáculo vibrante, con dinámicas tradicións sudafricanas, nas que destacan  as incribles voces do grupo e as coreografías, acompañadas por sete tambores tradicionais africanos Nguni e un Jembe como tambor principal.

Pola súa banda o grupo de Serbia Akademsko Drustvo Novi Beograd, fundado en 1974 e con sede en Belgrado, está formado por artistas, músicos, bailaríns, escritores, poetas e outros colaboradores, que crean performances auténticas e de gran calidade. Os traxes que empregan nos seus espectáculos están  elaborados por eles mesmos sendo fieis á súa historia.

Actuarán tamén os organizadores, a Escola de Música e Baile San Fins de Rebordáns, interpretando muiñeiras, pandeiros, ou xotas.

Verán cheo de actividades en Salvaterra de Miño

O Concello de Salvaterra de Miño presenta o Verán Cultural 2023, unha programación dirixida a todo o público sen esquecerse dos máis pequenos da casa, que este ano teñen un apartado especial.

O inicio do programa terá lugar o 28 de xullo co concerto de Verónica Codesal, no recinto amurallado, e rematará coa LXIV Festa do Viño do Condado do Tea.

O propio concello achegará a toda a veciñanza o programa desde Verán Cultural 2023 ás súas casas. As datas e eventos programados serán:

  • Venres 28 xullo: Concerto “Verónica Codesal”
  • Sábado 29 xullo: Concerto “Carlos Núñez”
  • Luns 31 xullo: O Mundo a Danzar
  • Mércores 2 agosto: Espectáculo infantil “Bambolina”
  • Xoves 3 agosto: Baile Moderno e Coliño Bailongo
  • Sábado 5 agosto: O Son da Muralla
  • Luns 7 agosto: Festa Hinchables de auga
  • Xoves 10 agosto: Festa de San Lourenzo
  • Sábado 12 agosto: Imos de Guateque
  • Luns 14 agosto: Festa da Espuma e Animación musical
  • Xoves 17 agosto: Cine Infantil
  • Venres 18 agosto: Cine Infantil

A programación pecharase os días 25, 26 e 27 coa LXIV Festa do Viño do Condado do Tea.

  • Venres 25 agosto: Inauguración, con concertos de “Lucky Duckies” e “A Roda”.
  • Sábado 26 agosto: Concertos de “SondeSeu” e “Fanfarria Taquikardia”.
  • Domingo 27 agosto: Concertos de “O Fiadeiro”, “La Sombra de Justine” e “La Patrulla”.

As Depo Andainas chegan este domingo á ruta da auga de Silleda

A segunda das catro Depo Andainas programadas este ano pola Deputación de Pontevedra, desenvolverase este domingo 23 de xullo por paraxes do concello de Silleda. As preto de 200 persoas inscritas farán un percorrido circular de 8,4 quilómetros pola ruta da Auga, que pasará polo núcleo de Eirexe, na parroquia de Graba. A camiñada transcorrerá polas carballeiras da Devesa e polo arroio dos Mosqueiros, onde hai unha serie de muíños dos que os e as participantes poderán coñecer a súa historia e funcionamento e visitar. Da mesma maneira, pasará polo rego da Puza, onde é posible ver a cascada de Santa Mariña desde un pequeno miradoiro.

O programa Depo Andainas consiste nunha serie de rutas destinadas á poboación en xeral que permiten vivir e coñecer diferentes lugares da provincia de Pontevedra a través dos seus ríos, bosques e a súa variedade patrimonial. Tras pasar pola Estrada no mes de xuño, e esta fin de semana por Silleda, o programa continuará o 10 de setembro pola ruta do miradoiro da Siradella no Grove, un percorrido que contará con 200 prazas e para o que as inscricións abren este  luns, 24 de xullo, en www.depo.es. O peche das Depo Andainas terá lugar en Cambados, cun percorrido pola ruta do Viño Rías Baixas o 8 de outubro (apertura de inscricións o 11 de setembro).

As Depo Andainas, nas que poden participar persoas, grupos de amigas e amigos ou familias, enmárcanse en Depo Actívate, o calendario de ata 13 accións que organiza a Deputación entre xuño e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Xunto a este programa inclúense tamén en Depo Actívate iniciativas como Depo Auga, as DepoRutas BTT e Depo Orienta.

Areeiro aconsella continuar coa vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite

A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella continuar a vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite. O centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte da importancia de aplicar tratamento debido ao aumento do oídio e tamén preparados antimildio naquelas viñas nas que, polo desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos. Ademais, Areeiro advirte sobre o aumento da erinose de verán e sobre novos síntomas de enfermidades de madeira.

No relativo o mildio non se ten detectado empeoramento nas viñas. Non obstante, naquelas zonas máis frondosas, onde non chegou o tratamento, si se teñen atopado novas manchas. Debido a previsión de posibilidade de precipitacións que se espera para os próximos días, recoméndase tratar as viñas cun funxicida a base de cobre.

A falta de choiva dos últimos días ten favorecido a presenza do oídio nas viñas. Areeiro detectou un incremento no número de acios afectados entre os cales, os máis danados son as variedades sensibles e en acios rebuscos. Debido a que o pintando non está completo, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar un antioídio á par do funxicida de cobre.

Tamén se recomenda o control e tratamento da viña ante o avance da botrite. En especial en viñas onde hai cepas de diversas variedades temperás, nas que o avance na fenoloxía conduce a un maior contido de azucre dos grans e hai máis afectación.  Neste caso, así como en variedades sensibles, é aconsellable aplicar un tratamento dirixido aos acios.

Como consecuencia da calor dos últimos días a sintomatoloxía das enfermidades de madeira acentuouse, así como o desequilibrio hídrico que está afectando a algunhas das viñas. Tamén segue a aumentar a erinose de verán.

A Cañiza mellorará o campo de Fútbol das Augas Ferreas

0

O pleno da corporación provincial da Deputación, celebrado o pasado 23 de xuño, acordou conceder ao Concello unha axuda de 479.948,21 € para subvencionar a actuación de “acondicionamento e mellora da eficiencia enerxética do Campo de Fútbol das Augas Férreas”, proxecto redactado pola enxeñería Calderón&Asociados Ingeniería Medioambiental.

Un proxecto que segundo informou esta mañá o alcalde, Luis Piña, “conta cun investimento total de  599.935,27 €,  que permitirá cambiar todo o céspede do terreo de xogo, o sistema de rego, a colocación de 4 torretas de iluminación, a colocación dunha caldeira de biomasa nos vestiarios, construir un novo acceso adaptado, sanear todo o pechamento perimetral da instalación e acometer outras melloras enerxéticas”.

O rexedor tamén avanzou que  “se os procedementos administrativos e os informes sectoriais o permiten, as obras poderán comezar no verán do ano que ven, aproveitando o fin da tempada deportiva 2023-2024”. Ademáis “estamos traballando para conseguir financiación para os 119.987,06€ da actuación que non cubren as axudas do PON2030”.

O proxecto

As obras deste importante proxecto contemplan os traballos de substitución de todo o céspede sintético do terreo de xogo (104,40 m x 65 m). Cambio da rede de rego e dos sistemas de iluminación do campo de fútbol coa colocación ademáis de 4 grandes torretas de luz. Impermeabilización da cuberta dos vestiarios. Construcción dunha caseta para aloxar unha caldeira de biomasa que substituirá á caldeira de gas-oil e colocación dun silo. Ademáis se reformarán as instalacións de ACS (calefacción dos aseos, vestiarios e duchas), o saneamento e os sistemas eléctricos. Por outra banda habilitarase un novo acceso á instalación polo extremo norte e sanearanse os muros de bloque perimetral de todo o recinto deportivo.

A execución desta reforma é outro dos compromisos adquiridos polo Alcalde co FÚTBOL da Cañiza, atendendo á grande afección a esta disciplina no noso Concello.

Aberto o prazo de inscición na carreira pola praia “XII Nigrán Area”

0

Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebran o domingo 13 de agosto a 12 edición da ‘Nigrán Area’, carreira popular de atletismo pola praia que é xa un referente da programación estival e deportiva na comarca. O prazo de inscrición para esta tradicional carreira por Panxón e Praia América está aberto en www.carreirasgalegas.com ata o 9 de agosto ás 23:59 horas.

O evento deportivo arranca ás 10:00 horas e está aberto a tódalas categorías, tendo saída desde Panxón. Os sub 16 percorrerán 2 km, o sub 14 farán 1500 m, os sub 12 un km, os sub 10 percorrerán 500 metros, os sub 8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros de xeito simbólico.

O percorrido para a proba absoluta son 6 km do areal de Panxón-Praia América cando a marea está baixa. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo. Contará con avituallamente ao remate e duchas no pavillón, servizo de ambulancia, seguro de responsabilidade civil e seguro de accidente deportivo para os participantes.

Os dorsais , serán entregados polo club organizador o día anterior á proba (sábado dia 12) no Club Marítimo de Panxón, situado na Praza José Moginmes Nº14 de Nigrán en horario de 16:30 a 20:30 horas e o mesmo día da proba no mesmo lugar, a partir das 08:30 horas da mañá, e ata 30 min. antes da celebración da carreira.

Cortes de tráfico no centro do Porriño pola celebración de Porrigalia

A Policía Local do Porriño informou hoxe dos cortes e restricións de tráfico que se aplicarán os 22, 23, 24 e 25 de xuño no centro urbano pola celebración de Porrigalia.

A avda. Domingo Bueno estará cortada ao tráfico e non se poderá estacionar, no tramo que vai dende o número 1 ata o cruzamento con Pío XII, dende as 9 h do sábado e ata as 9 h do luns. A prohibición de estacionamento nesta rúa estenderase ata o cruzamento con Fernández a partir das 15h do sábado e ata o luns.

Na rúa Pío XII estará prohibido estacionar dende o sábado en ambas marxes ata o acceso á rúa Fontevella e ás 12h procederase ao corte da rúa dende ese punto ata o cruzamento con Ramón González. Ambas permanecerán cortadas ao tráfico ata o mércores.

Dende o luns ás 12 h e ata o mércores ás 9 h cortarase ao tráfico e estará prohibido estacionar na rúa Antonio Palacios, dende o cruce con Enrique Peinador (sindicatos) ata o cruce con Pérez Leirós.

O luns, de 16 h a 19 h, cortarase tamén o tráfico na rúa Ramiranes dende a rotonda da Central ata o cruce coa rúa Estación.

En todos os casos, permitirase o acceso aos garaxes con vado.  

A Casa dos Alonso acolle a exposición “Catro médicos pintores en A Guarda”

0

O pasado día 18 de xullo inaugurouse na Casa dos Alonso a Exposición de Pintura “Catro médicos pintores en A Guarda”, unha exposición que recolle diferentes obras pictóricas de catro compañeiros de profesión que comparten tamén a súa paixón pola arte.

Nela se poden observar diferentes maneiras de entender e plasmar as variadas percepcións dos seus actores, Leopoldo García, Pablo Galego, Jesús Vázquez e Tino Cuesta.

Catro estilos totalmente diferentes e particulares que van dende o deseño dixital ata a abstracción, pasando polo collage, o conceptual ou a expresión.

Unha ampla mostra de cadros que van dende o pequeno formato ata o mediano, onde se teñen aplicado técnicas diversas e con cores chamativos.

A Exposición “Catro médicos pintores en A Guarda” estará aberta ao público ata o 31 de xullo en horario de 9:00 h a 14:00 h de luns a venres.

Covelo prepárase para os festexos do 25 de xullo

0

O Concello de Covelo celebrará o vindeiro martes día 25 as súas festas patronais e do churrasco con concertos, verbena, tirada de foguetes e postos de artesanía. A festa da xuventude abre o programa de festas esta noite a partir das 23:30 na praza Mestre Cerviño onde os Djs porán música e moito ritmo. Esta noite, ademais da oferta hostaleira do centro urbano, tamén haberá un posto de pizza italiana.

O programa continúa e, dentro da programación do Verán Cultural, o 23 de xullo organízanse varias quendas para poder participar na visita guiada ao Serradoiro dos Carranos, en Maceira, da man do guía de montaña Julio Eiroa. O 24 de xullo chegan as verbenas coa orquestra Ritmo Joven a partir das 23:30 horas e o día 25 ás 12 horas haberá misa seguida de procesión acompañada da actuación da Banda de Música Municipal de Mondariz. Co obxectivo de que todas as persoas propietarias de animais de compaña poidan tomar as medidas precisas, o Concello de Covelo informa que a tirada de foguetes das festas patronais e do churrasco serán o día 24 ás 12 e ás 21 aproximadamente e o día 25 de 10 a 13 horas.

26 bandas de 18 países participarán no Festival Sinsal esta fin de semana

0

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia sorprenderá esta fin de semana o público que acuda un ano máis á Illa de San Simón para gozar cun cartel musical secreto e que estará conformado por 26 bandas procedentes de 18 países. A Xunta apoia este encontro musical a través da marca FEST Galicia e mediante as subvencións a festivais profesionais de música e artes escénicas, liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 575.000 euros para contribuír neste 2023 á celebración de 26 eventos considerados estratéxicos.

O director da Axencia das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a deputada da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, desprazáronse ata San Simón para visitar a montaxe dos escenarios deste festival na compaña dos seus responsables, Luís Campos e Julio Gómez, e representantes doutros patrocinadores da iniciativa privada.

A visita transcorreu polas dúas illas do arquipélago, cuxo patrimonio natural e cultural lle outorga unha especial singularidade a este encontro, recoñecido pola crítica musical a nivel estatal por brindar unha coidada selección de nomes de vangarda. O público, pola súa banda, avala tamén cada ano de forma rotunda a calidade da programación deste festival, tal e como o demostra a venda de entradas, que xa levan días esgotadas.

Nove debuts en España

O cartel de Sinsal Son Estrella Galicia, secreto ata que o público comece a desembarcar mañá na illa, súmase este verán ás máis de 2500 actividades culturais impulsadas pola Xunta dentro da axenda global que se desenvolve baixo o lema A cultura galega é un CulturON. Así, as actuacións das 26 bandas e artistas procedentes de 18 países africanos, europeos, americanos e asiáticos intégranse de forma conxunta nesta variada oferta cultural.

A organización, para manter a sorpresa desta edición, só adiantou esta mañá que nove das formacións actuarán por primeira vez en España. Estes debuts, que se sucederán durante tres días nos catro escenarios cos que conta Sinsal este ano, fortalecen a vontade do festival por innovar e o seu carácter como porta de entrada para propostas musicais de vangarda da escena internacional.

O programa de Sinsal SON Estrella Galicia complétase, como é habitual, cunha serie de actividades paralelas á oferta musical, con experiencias divulgativas, deportivas ou documentais. Neste senso, cómpre destacar o proxecto A Escola Sinsal, que inclúe entre outras accións unha exposición sobre a historia do casete, ou a participación do experto  en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski.

Ademais, baixo o lema Descubre San Simón aglutinaranse diferentes accións, como unha ruta polo arquipélago formado polas Illas de San Simón e Santo Antón para coñecer a súa historia, ou as visitas guiadas que ofrecerá o investigador Xosé Lois Guitérrez Faílde.