Domingo, 20 Xullo de 2025

Achégase o día grande das Festas do Monte 2023

0

Imaxe de arquivo

Achégase o agardado domingo da Festa do Monte 2023, un evento emblemático que reúne á comunidade ao redor da rica historia e cultura de Galicia. Co obxectivo de garantir unha celebración segura e respectuosa, o Concello de A Guarda fai un chamamento aos asistentes a gozar da festa con responsabilidade e sentidiño.

Dende o equipo de goberno, animamos a todos a mergullarse na alegría da ocasión, pero tamén a recordar a importancia de facelo con respecto polo contorno histórico e cultural que rodea o Monte Santa Trega.

O patrimonio histórico que comprende o Monte Santa Trega é inestimable. É vital que, durante a Festa do Monte, todos os asistentes sexan gardiáns deste legado, evitando calquera dano ou alteración. Por iso, rogamos que as reunións familiares así como o tradicional xantar se faga só nos lugares habilitados.

A comunidade é chamada a gozar da Festa do Monte con sentidiño. Isto significa que, mentres se celebra con entusiasmo e alegría, fágase con consideración e respecto polos demais e polo contorno.

A Festa do Monte 2023 promete ser unha experiencia enriquecedora para todos os que se unan á celebración. Invítase a todos os asistentes a unirse a este viaxe a través do tempo, mentres se honra o noso patrimonio e se crea un ambiente festivo.

María do Ceo ofrece o sábado o espectáculo “Galicia nai” na Cañiza

0

A cantante María do Ceo ofrecerá este sábado 12 de agosto un concerto que dará comezo, da man da Deputación, á programación da 57ª Festa-Feira do Xamón da Cañiza. A actuación, que se celebrará desde as 23:00 horas na praza Maior do concello, enmárcase no programa provincial “Musigal”. A Deputación de Pontevedra puxo en marcha esta iniciativa para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e, ademais, fomentar o uso e a normalización social da lingua.

Nada en Porto (Portugal) e afincada en Galicia, María do Ceo fai 25 anos de carreira musical neste 2023. Ao longo destes anos, a súa extensa traxectoria acumula 17 discos no mercado. O máis recente foi publicado este mesmo ano baixo o título ‘Galicia nai’, un traballo comprometido coa lingua galega e coa violencia de xénero. No concerto que ofrecerá este sábado, a cantante interpreta poesías de autores galegos como Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Armando González, Carvalho Calero, Xosé Velo, Manuel María ou Ramón Cabanillas acompañada dunha banda de catro músicos.

Nigrán invita á cidadanía a pedalear para “prender” o cine ao aire libre

0

“A túa enerxía alimenta o cinema, pedalea para que prenda o proxector”. Esta é a premisa do festival de cine, deporte e medio ambiente ‘Cinema a Pedal’ que, por segundo verán consecutivo regresa a Nigrán novamente como única cita en España, nesta ocasión o sábado 12 de agosto desde as 22:00 horas no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz. Tal e como xurdíu este evento promovido desde o Concello de Nigrán, a proposta é gozar dunha selección de películas de recoñecido prestixio que teñen como tema principal o uso de bicicletas nunha contorna natural máxica (nesta edición a curta ‘Padre e hija’, gañadora dun Óscar no ano 2000, e a longametraxe ‘El niño de la bicicleta’, dos irmáns Dardenne, Gran Premio do Xurado no Festival de Cannes 2011). Con todo, a gran diferencia é que o público debe pedalear nas 10 bicis facilitadas por Decathlon Vigo e Decathlon Nigrán para que a súa enerxía poña en funcionamento o proxector. O resultado é sorprendente: os asistentes aplauden o esforzo e van substituíndo aos primeiros ciclistas para que o filme non se deteña. O Festival Cinema a Pedal naceu en 2013 organizado pola Cinemateca Uruguaia en Montevideo e conxuga varios elementos: o amor polo cinema, o pracer de andar en bicicleta, a convivencia co medio ambiente, as vantaxes de levar unha vida saudable e a necesidade de utilizar enerxías renovables.

Á marxe disto, a programación inclúe desde as 19:00 horas o inicio da carga das baterías pedaleando e unha serie de actividades familiares. Ademais, no recinto instalarase un ecomercado de produtos de proximidade que poñen o foco nas vantaxes de levar unha vida saudable e na necesidade de usar enerxías renovables (neste apartado do festival colaboran entidades locais como a Cooperativa SomosTerra, Vanetta Food, Cervexa Artesá Banda ou La Isla de Tali).

“O ano pasado o estreamos en Nigrán por vez primeira en España e a experiencia foi moi divertida. Integra aspectos que nos interesan especialmente: o deporte, o traballo en equipo e, por suposto, o cine de calidade e o fomento do uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable”, refire o alcalde, Juan González, quen precisamente incluíu no goberno local a concellalía de ‘Cultura e Desenvolvemento Sostible’, abarcando o último aspecto o programa municipal ‘Vía Bici’ para facilitar o uso da bicicleta entre a veciñanza, un dos grandes obxectivos deste mandato.

A incorporación deste innovador festival ao panorama cultural estatal débese á paixón polo cinema e polo ciclismo das súas organizadoras, a directora artística de Cinemateca Uruguaia Alejandra Trelles, a xestora cultural e programadora Ana Gontad, e as creadoras de contido Patricia Menéndez e Tamara Alonso. A organización fai fincapé na necesidade de promover este tipo de actividades para que o público tome conciencia da importancia do seu rol no coidado do medio ambiente e agradece o compromiso do Concello de Nigrán e o seu alcalde, Juan González, por acoller o festival “nunha poboación cun forte compromiso coa dinamización da bicicleta como ferramenta de gozo e medio de transporte sostible e saudable, tal e como pon en evidencia o continuo movemento de ciclistas polo carril bici que abeira o auditorio do Esteiro da Foz”.

Por último, o festival será novamente punto de recollida de bicicletas e material deportivo usado a favor de ‘Recycling. Bicicletas solidarias’, unha organización lalinense sen ánimo de lucro dedicada á recollida e restauración de bicis para donar a persoas con poucos recursos que poderán darlles unha nova vida.

Nueva York e Barcia de Mera unidos pola Danza Contact Improvisación

0

Esta danza postmoderna de improvisación naceu a principios dos ano 70 en Nueva York e supuxo unha revolución dentro do campo artístico da danza ao expresarse dun modo máis espontáneo a partir das posibilidades de cada corpo. Quen lle ía dicir ao coreógrafo Steve Paxton e á bailarina Nancy Stark Smith, creadores desta modalidade, que aterrarían nunha parroquia de Covelo grazas ás e aos profesionais que no último ano organizaron diferentes actividades na Casa do Pobo de Barcia de Mera. Tres edicións da Xuntanza Galega de Contact-Impro; obradoiros para formadores chegados de todo o mundo e, nestes últimos meses, unha formación internacional para formadores financiada por Europa no marco do programa ERASMUS que utiliza a danza como ferramenta pedagóxica son algunhas das iniciativas desenvoltas en Barcia de Mera.

Movementos procedentes doutros campos artísticos, técnicas deportivas ou artes marciais son algúns dos ingredientes nos que se apoian para deixar voar as posibilidades de cada corpo e xogar co punto de gravidade e co contacto co chan. 

Barcia de Mera e as súas xentes foron un apoio fundamental para que repitan a experiencia e organicen obradoiros, retiros intensivos, formacións para formadores e todo tipo de actividades como a prevista para o mes de setembro na que o recoñecido experto israelí Yaniv Mintzer ofrecerá unha formación. “Terá un aforo limitado e organizarase mediante inscrición previa pero estará aberta a todo tipo de persoas, dende as que se queren iniciar a profesionais da danza. Por este motivo será un encontro rico”, explica a organización do Covelo Contact-Impro. Ante o éxito da primeira formación ofrecida pola bailarina italiana Linda Bufali a organización repite en Barcia de Mera “polo bo acollemento que nos deron facilitándonos as instalacións públicas da casa do pobo, polo fermosa contorna natural e pola complicidade do albergue Alentea”. Agradecidos pola boa acollida estudan organizar unha sesión demostrativa e participativa ao aire libre para dala a coñecer entre as persoas da parroquia e do resto de Covelo.

Sen decatarnos, a danza Contact-Impro xoga cos apoios, coa repartición do peso e coa enerxía das persoas que bailan concentrados en conectar co seu interior para expresarse e para experimentar sensacións.

A vivenza sensorial, a creatividade e a liberdade de compor a túa propia danza son a esencia desta modalidade que se pode iniciar e practicar a calquera idade.

Esta disciplina complexa e profunda ten de fondo un traballo somático de coñecemento do corpo combinado con partes acrobáticas pero tamén de reflexión. A súa versatilidade fai que teñan aplicacións dende terapéuticas a artísticas. “Está aberta a calquera idade e persoa. Non é un espectáculo é un recurso que empregamos moito en programas de traballo social e de inclusión, tamén con persoas con limitacións e doenzas físicas ou psíquicas, tamén lúdico porque non esixe ter un fondo físico determinado. Non procura mover o corpo por un motivo estético máis ben de concentrarse no corpo e no seu movemento. É unha actividade participativa máis ca demostrativa. Non é para ver, é para sentir e para participar”, explican o equipo de formadores do ERASMUS Contact-Impro.

Dín que Barcia de Mera ten unha maxia especial, enerxías nas que poder volver á orixe, “Barcia de Mera é o lugar ideal polo seu entorno rural e o contacto coa natureza. Procuramos fomentar a cultura e a arte no rural e, á vez, ter a posibilidade de nutrirnos da natureza e atopar o equilibrio entre a cidade e a orixe”.

Últimos días para apuntarse na XXXVIII edición da popular carreira “Andar e Correr”

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, celebra o vindeiro domingo 20 de agosto unha nova edición de “Andar e Correr”, a carreira pedestre popular que é un referente da programación estival e deportiva na área metropolitana de Vigo e na comarca do Val Miñor. O prazo de inscrición para esta tradicional cita deportiva por Baiona está aberto ata o vindeiro martes 15 de agosto a través da páxina web “Baiona co Deporte”: https://baionacodeporte.gal/es/page/andar-e-correr?fbclid=IwAR2HibMtISuJGkNhi8mC5Vr7xfgsShb5NgmOfiAZfwUc47IdhnfC0cC267k

Asímismo, nesta edición 2023, e xa van XXXVIII, a Concellería de Deportes do Concello  de Baiona deu un paso máis aló na procura de novos participantes para o que se realizará unha campaña a pé de rúa. A xa tradicional promoción municipal da carreira, compleméntase con esta rechamante acción na que se están repartindo adhesivos cun código QR, que leva directamente a través do teléfono ao formulario de inscrición, polo Casco Lanuxe e polas rúas da localidade para animar aos viandantes para participar no evento deportivo.

A cita será o domingo, 20 de agosto, un evento imprescindible que se consolidou no calendario de carreiras populares de Galicia. Unha carreira que terá como epicentro de saída das distintas categorías o parque de “A Palma” e que no seu tramo máis longo transcorre polo Camiño Portugués da Costa nun percorrido de 10 quilómetros, onde os atletas pasarán por monumentos emblemáticos como o Cruceiro da Santísima Trindade, Santa Liberata, a subida de San Antón, Baredo para regresar polo Rompeolas ao emblemático parque baionés.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, que  presentou a semana pasada  a carreira xunto a Concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez, xunto con varios deportistas que levan anos disputando esta tradicional proba baionesa destacou “o total compromiso do actual Equipo de Goberno Municipal co Deporte e a aposta firme do alcalde, pola promoción da práctica deportiva e os hábitos de vida saudables, para o que son imprescindibles seguir incentivando este tipo de probas con tan ampla tradición como ten a nosa carreira pedestre popular”.

Neste sentido, remarcou que se trata de “a carreira decana en Baiona” e lembrou a participación como corredores en varias edicións de destacados deportistas, mostrando a súa satisfacción porque o 20 de agosto volverán ter a sorte de poñerse un ano máis o dorsal e participar na carreira xunto cos centos de cidadáns anónimos que con ilusión enfróntanse a esta proba.  La Carrera pedestre Popular “Andar e Correr” de Baiona contou durante toda a súa historia con participantes como Carlos Pérez, atleta  recoñecido deportista e 3 veces olímpico (que  competiu nos 5 continentes ou Loreto Rodríguez Martínez,baionesa participante do Club Atletismo Baiona, así como outros deportistas do Club Atletismo Baiona e do Club Runnig Baiona, que son “contrasinal do deporte baionés”.

Moitos deles achegáronse a semana pasada  ao momento de saída da carreira, a entrada do Parador de Baiona, para apoiar coa súa presenza a presentación da proba. Tamén viñeron á presentación  os nenos e nenas do Campus de Atletismo e da Escola de Running de Baiona.

A Xunta promociona o programa de voluntariado interxeracional do Concello de Mos

0

A Xunta de Galicia impulsa, coa producción dun vídeo promocional que se está a gravar estes días, o programa de voluntariado interxeracional do Concello de Mos, centrado na atención ás persoas maiores do municipio.

A concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informou de que participan nesta iniciativa o máximo de voluntarios admitidos pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que desenvolve esta iniciativa: un total de 16 persoas, 8 maiores e 8 mozos.

O programa leva por título ‘Compartindo experiencias de vida. Sinerxia Xeracional’. E cómpre lembrar que os maiores do municipio mosense son moi activos participando en iniciativas que organiza o Concello como os programas ‘Tempo de Lecer’, ‘Tempo de Excursións’, ‘Exercítate’, ‘Cultiva a túa mente’, cursos sobre uso de novas tecnoloxías… Como tamén o é a rapazada do Concello de Mos, por elo ambas xeracións están a formar parte activa deste programa de voluntariado interxeracional.

O proxecto mosense, que se presentou a comezos de ano e destaca como un dos máis activos de Galicia, contempla a realización dun amplo programa de actividades nas que xente nova e persoas maiores compartirán experiencias. Entre as accións que se levan a cabo, salientan os faladoiros, lectura, exercicios físicos na casa, musicoterapia, actividades lúdicas ou ensinanza de instrumentos tradicionais. O obxectivo desta proposta é que as mozas e mozos se impliquen no coidado e atención aos veciños de máis idade.

Onte, os mozos participantes colaboraron cos maiores no coidado e traballo da horta; e na elaboración dunha empanada na cociña do Centro de Día O Son do Regueiro de Torroso para que puideran degustala os usuarios do devandito centro. Laura Loureiro aprendeu a traballar a horta na casa de Paqui Campo e Laura Sobral fixo a empanada con Mari Carmen Alonso no Centro de Día de Torroso. As mozas Laura Loureiro e Laura Sobral aprenderon das súas compañeiras sendos procesos de cultivo agroalimentario e cociña, respectivamente; e, pola súa banda, Paqui e Mari Carmen recibiron das xoves coñecementos e consellos sobre o uso das Redes Sociais.

O Concello de Mos é unha da vintena de entidades locais e de acción voluntaria que desenvolven proxectos a través da primeira edición do programa de voluntariado interxeracional no rural posto en marcha polo Goberno galego. A través de experiencias como a que se leva a cabo en Mos quérese favorecer a formación e intercambios de coñecementos entre os maiores e a mocidade.

Oportunidades

A finalidade é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais para a mocidade. O voluntariado interxeracional permite conxugar o talento e a experiencia das persoas maiores coas inquedanzas e curiosidades da xente nova.

Trátase de que as  persoas de máis de 55 anos compartan a súa experiencia en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio e o turismo con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Estes poden devolver este coñecemento achegando á xente maior nocións en modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outros.

Titorización

O proxecto mosense está integrado por un grupo humano interxeracional e funcionan por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargase de titorizar a un mozo.

O mercado do Rosal acolle a obra da artista Nadia Otero

0

A artista plástica, Nadia Otero, abre a  exposición ‘Do Lérez ao Tambre’ este venres, 11 de agosto, no Gastrobar Daordaria, no Mercado do Rosal.

A artista guardesa formouse na Facultade de Belas Artes de Salamanca, e está especializada en pintura ao óleo, facendo das paisaxes o seu motivo principal, nomeadamente paisaxes marítimas, nas que o territorio galego ten unha presenza salientable.

A exposición estará aberta ao público desde este venres, 11 de agosto, ata o 1 de setembro, no Gastrobar Daordaria, situado no Mercado do Rosal, na Praza do Calvario, 3, 1º andar.

Actividades e música encherán Redondela no seu XXIV Entroido de Verán

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Turismo, celebra o sábado 19 de agosto o XXIV Entroido de Verán. As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20.00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa. Ás 21.30 arrancará a xa tradicional Gala Drag con Cristian de Samil como mestre de cerimonias e que repartirá 1.800 euros en premios. Rematada a gala comezarán os concertos. Os primeiros en subir ao escenario ás 23.00 horas serán os integrantes da banda A Quinkillada. Logo actuará o artista galego Ortiga e por último o canario Dasoul. O DJ redondelán Rodri Vegas será o encargado de pechar a festa. A concelleira de Turismo e Cultura, Rita Pérez, sinala que o programa ten un marcado acento galego “con agrupacións e artistas do país que ademais ofrecen temas en galego, un xeito de apoiar desde Redondela o talento da nosa comunidade, que é moito”. Neste caso ademais a banda A Quinkillada e o músico Ortiga ofrecen uns espectáculos “moi acaídos para o Entroido de Verán, cunha posta en escena divertida e festeira que porá a bailar a todo o público”, apunta a concelleira.

Actividades para público infantil

O Concello de Redondela volve apostar polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións no centro da vila. A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga e na pista da Petanca o grupo Animar-T fará bailar a grandes e pequenos co espectáculo “A bailar”. A praza da Torre acollerá un touro mecánico e o inchable “Eliminator”, mentres que na praza de Lenda haberá pistas inchables de fútbol e baloncesto. As actividades infantís rematará ás 21.30 coa Festa da Escuma na pista da Xunqueira. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación “que teña en conta ao público de todas as idades, para que tanto os mozos e adultos como nenos teñen o seu propio espazo con actividades específicas”. Estas actividades ofrécense en cinco espazos diferentes repartidos pola vila “para evitar aglomeracións e que o público infantil e familiar poida rotar polos diferentes recintos”, explica a rexedora local.

Liñas de transporte

Como en anos anteriores o transporte público reforzarase con liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta ata as 06.00 horas.

Artistas participantes

A Quinkillada

Grupo galego que ofrece un espectáculo que eles denominan “Verbena-Fusión-Rap”. Temas propios con estilos que van desde a rumba á cumbia pasando por sons modernos con letras maioritariamente en galego. con gran diversidade nas letras, desde a básica desconexión de festa a porse serios falando dos golpes desta vida. En 2022 verá a luz esta aposta co único fin de facer o teu día un pouco mellor. O título do seu primeiro traballo Gozar, Sentir, Bailar define moi ben o que transmiten enriba dun escenario.

Ortiga

Ortiga é o proxecto musical en solitario de Manuel González alias Chicho. Músico, cantante e compositor formou parte do dúo Esteban & Manuel e tamén de  Boyanka Kostova. Ofrece unha divertida fusión de cumbia, merengue, bachata e autotune. O artista compostelán fai referencia sempre nos seus á súa terra e a xente real. A súa arte non pode entenderse sen a maxia das verbenas galegas, e as súas colaboracións coa cantante Pili Pampín son todo un éxito. Xuntos teñen versionado clásicos como “Eu chorar chorei” ou “O galo”.

Dasoul

O artista canario, autor de grandes éxitos latinos, achegará a Redondela os seus temas máis bailables, nos que mistura funk e electrónica. Pezas como “Él no te da” levárono a acadar o doble disco de platino. O seu último lanzamento é “Noches de San Juan”.

Este venres proxéctase “Encanto” no Paseo Fluvial

0

Este venres, 11 de agosto, temos unha nova cita co cinema ao aire libre coa proxección da película de animación “Encanto”. A proxección será as 22.15 h no Paseo Fluvial de Tui dentro da programación “Tui, verán na rúa”.

A película “Encanto”, dirixida por Byron Howard e Jared Bush, conta a historia da familia Madrigal, que viven nunha máxica casa nun lugar chamado Encanto. Todos os membros da familia teñen poderes excepto Mirabel, que cando descubre que a maxia que rodea Encanto está en perigo será a última experanza para salvar á súa excepcional familia. 

“Encanto” está inspirada na cultura colombiana e xa obtivo numerosas nominacións e premios, chegando a gañar o Globo de Ouro á mellor película animada e o Óscar á mellor película de animación.

A Xunta licita a redacción do proxecto a VAC Tui-A Guarda no enlace entre Areas e a PO-350

0

Imaxe de arquivo das obras na VAC Tui-A Guarda

A Xunta vén de licitar a redacción do proxecto da VAC Tui-A Guarda, no treito entre o enlace de Areas e a estrada PO-350.

A redacción deste proxecto suporá un investimento estimado de preto de 140.000 euros e enmárcase nun contrato de servizos máis amplo, para a redacción de proxectos da Axencia Galega de Infraestruturas, que xa foi licitado.

O obxectivo deste contrato é darlle continuidade ás obras xa en execución, actualmente no tramo de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55.

Para isto, é preciso redactar un estudo para definir a solución construtiva do enlace completo co polígono de Areas, incluíndo os ramais en sentido Tomiño.

Tamén se redactará un proxecto do novo treito de autovía, que abrangue a construción dun paso inferior baixo a autovía que duplique o existente, de acordo co determinado no estudo previo para completar o enlace de Areas cara a Tomiño.

De xeito paralelo, a Xunta segue avanzando nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55, cun grao de execución que supera o 82%.

Estas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas supoñen un investimento autonómico de 30 M€ e son estratéxicas para reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade nesta contorna.

Contrato máis amplo

A redacción deste proxecto forma parte dun contrato de servizo máis amplo de apoio á redacción de proxectos que desenvolve a Axencia Galega de Infraestruturas, licitado por un investimento global de 4 M€ e que abrangue as catro provincias.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a algún dos 4 lotes que inclúe o contrato ata o vindeiro 7 de setembro.

Trátase de prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas.

O contrato inclúe a redacción de proxectos de trazado e construtivos e de proxectos máis sinxelos, como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas; pero tamén de proxectos máis complexos que levan aparelladas estruturas, proxectos de urbanización e humanización de travesías en treitos urbanos das estradas da Xunta ou incluso para infraestruturas de novo trazado.

Este contrato permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria.

Para facilitarlles aos licitadores a presentación das súas ofertas, o contrato recolle a valoración de proxectos singularizados, como a redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525, que suporá un investimento estimado de 5 M€, ou a redacción do proxecto da 2ª fase de mellora da estrada LU-651 en Folgoso do Courel.

Música e teatro este xoves no Castelo de Soutomaior

O grupo de música infantil Mamá Cabra protagoniza este xoves 10 de agosto no Castelo de Soutomaior a nova proposta do ciclo da Deputación de Pontevedra “Tras as Ameas”. O xardín da fortaleza converterase no escenario do novo espectáculo do grupo, baixo o título ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’, que comezará ás 19:00 horas e para o que xa están todas as prazas esgotadas.

Esta proposta, dirixida ao público infantil a partir dos 3 anos, está cargada de mensaxes que apostan por un mundo mellor. O espectáculo inspírase no libro de Mamá Cabra ‘A bruxa Discordia’ e narra a historia desta bruxa, que está feliz destruíndo a paz e facendo que todos os animais e os humanos se leven mal, ata que un día sucede algo que cambiará o seu mundo para sempre. No elenco protagonista figuran Prepablo Patinho (autor do texto e director do espectáculo), Luchi Iglesias, Gloria Mosquera, Tomi López, Diego Maceiras e Harry Prince.

Esta actividade é unha das 13 programadas ao abeiro de “Tras as Ameas”, o programa co que este verán a Deputación de Pontevedra está a encher de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso. O ciclo arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo. As actividades están divididas en cinco bloques: ‘Noite no castelo’ (accións nocturnas), ‘Música con historia’ (concertos para público familiar), ‘Nin príncipes nin princesas’ (contacontos), ‘O teatro vén de visita’ (teatro de rúa), ‘Creando no xardín’ (obradoiros participativos de arte), ‘Vaia circo este castelo!’ (espectáculos de circo exterior) e ‘Entre muros de maxia!’ (espectáculos de maxia).

Os próximos tres espectáculos, os últimos da actual edición do programa, teñen xa tamén todas as prazas esgotadas: ‘Nino & Nambrú’ de Nauta, o 17 de agosto no Castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia ‘Superheroe’ de Fran Frei, o 22 de agosto no Castelo de Sobroso; e por último o obradoiro ‘Lingoroteira’, de Xarope Lulú, o 29 de agosto tamén en Sobroso.

Belesar celebra a Festividade de San Lorenzo

0

A parroquia baionesa de Belesar prepárase para acoller, hoxe mércores, o propio día de San Lorenzo o xoves (día 10 de agosto) e o venres, as festas de celebración en honra ao seu patrón.

Hoxe mércores, 9 de agosto ás 22:00 horas, comenzarán as festas coa verbena a cargo do grupo “Mar de Arousa” e o trío “La noche de O Grove”.

O xoves, o propio día de San Lorenzo, ás 12:00 h terá lugar a Misa Solemne  cantada pola coral “San lorenzo de Belesar” na igrexa parroquial seguida da procesión acompañada pola banda de música “Agrupación Musical de Belesar”.

Xa pola noite, a partir das 22:00 h será a gran verbena amenizada polo “Trío 3.com” e polo “Grupo Bomba de Canarias”.

O venres, 11 de agosto, ás 17:00 da tardé haberá o tradicional partido de fútbol soleteiros&casados. Ás 22:00 h comezará a verbena amenizada polos tríos “Tic Tac” e “Soprano”.

Campo de voluntariado e campamento na illa de San Simón

0

A Xunta leva á illa de San Simón un campamento e un campo de voluntariado de temáticas cultural e ambiental. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá os participantes nestas actividades, que forman parte da campaña de verán posta en marcha polo Goberno galego.

‘A illa das historias’ é nome do novo campamento xuvenil que por primeira vez se desenvolve no complexo cultural da Illa de San Simón. Desde o día 3 de agosto e ata pasado mañá, xoves, os participantes nesta actividade desfrutan de actividades náuticas e de educación ambiental. Ademais, realizan obradoiros para o coñecemento da tradición marítimo-pesqueira local, así como de creación artística e literaria.

Pola súa banda, no campo de voluntariado danse cita catorce persoas procedentes de Galicia, País Vasco, Estremadura, Canarias e Castela e León. Durante a súa estadía realizan visitas interpretativas e teatralizadas polas illas de San Simón e San Antón, o que lles permite coñecer dun xeito lúdico e educativo o pasado e presente destes enclaves, que ao longo da historia foron testemuña de traxedias e avatares marítimos, refuxio monacal, lazareto para doentes infecciosos ou cárcere.

Traínas, bateis e observacións astronómicas

Ademais, os voluntarios levan a cabo intervencións medioambientais, coa limpeza das marxes marítimas, e apoian as tarefas de conservación do patrimonio deste espazo, declarado Ben de Interese Cultural e integrante da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido. O programa desta experiencia de verán complétase coa iniciación a dous deportes náuticos tradicionais como son as traíñas e os bateis, observacións astronómicas e visitas aos municipios da contorna.

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 é a máis ampla con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén e a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo e que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión e que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival.

O Ramo do Rosario volveu relucir en Godóns

0

Un ano máis o tradicional Ramo do Rosario desfilou en Godóns para perpetuar os rituais populares que acompañan a historia dos veciños desta parroquia e da contorna. Este ano, por vez primeira, tomou o relevo a recentemente creada Asociación O Ramo do Rosario, que naceu para manter vivas as tradicións e legalas ás novas xeracións. A súa vocación é promover vivos estos costumes que provocan momentos de encontro e fomentan a unidade veciñal.

Ao non ser posible que o relevo o collan os matrimonios casados na igrexa parroquial, a asociación suplirá esta circunstancia e confeccionará, a partir de agora, o ramo ao estilo tradicional: unha rama de piñeiro de como mínimo cinco rodas de polas, adornos de papel de cores, flores e fitas coroando cada rama, unha cabaza con viño, unha rosca e un polo simbolizado agora por unha figura e dar, así, cumprimento á Lei de Protección e Benestar Animal.

Cada primeiro domingo de agosto sairá o Ramo do Rosario da Casa Cultural de Godóns para acadar a igrexa e acompañar a procesión. A veciñanza gozará dun picoteo que emulará o que ofrecían os maiordomos nos seus fogares.

Mos celebra a súa 33 edición da Festa dos Maiores

0

O domingo 27 de agosto celebrarase a tradicional Festa dos Maiores do Concello de Mos que nesta súa trixésimo terceira edición homenaxeará a 47 matromonios mosenses que neste 2023 celebran as súas Vodas de Ouro.

Prevese a habitual afluencia de entre 700 e 800 persoas que se congregarán en Costoias para homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos, nunha festa que a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Cultura, Sara Cebreiro, definen como “a máis entrañable de todas as que temos en Mos”.

Os matrimonios que serán homenaxeados en Costoias, parroquia de Tameiga trátanse de parellas, das dez parroquias mosenses, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. 10 matrimonios son da parroquia de Tameiga, 5 de Sanguiñeda e 5 de Torroso, 4 da parroquia de Cela, 4 de Dornelas, 4 de Guizán, 4 de Louredo, 4 de Mos, 4 de Petelos e 3 de Pereiras.

Esta emblemática festa concíbese desde a administración local mosense como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

A xornada do domingo 27 de agosto desenvolverase contando cunha serie de actos celebrados a partir das 12:00h con Misa cantada polo Grupo de Canto Popular Nosa Terra de Pereiras, seguida ás 13:00 h da actuación da Charanga Sacacorchos, a partir das 14:00 horas comezará o xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados. E a partir das 16:00 h homenaxe aos matrimonios e actuación a cargo do grupo ‘3.com’.

Nigrán traslada á nova delegada da Xunta en Vigo as principais demandas do municipio

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu onte en visita institucional ao Concello a Ana Ortiz, nova delegada da Xunta en Vigo. O rexedor aproveitou a ocasión para trasladarlle persoalmente todas aquelas cuestións do municipio que son de competencia autonómica e que urxe abordar, como é a obtención da titularidade municipal da vivenda de mestres de Balinfra (Camos) cedida por Educación a unha docente que non reside aí. Ademais, plantexou posibles colaboracións do organismo autonómico en aspectos clave no municipio como pode ser a humanización de Manuel Lemos (tramo da Ramallosa) ou a posta en valor do arco visigótico de Panxón. Ao finalizar a reunión, González destacou o bo talante e actitude da delegada durante este primeiro encontro, confiando ao mesmo tempo en que as peticións realizadas sexan finalmente asumidas desde o organismo autonómico.

No recinto de Balinfra o Concello de Nigrán dispón desde 2015 das antigas escolas infantís asociadas as dúas casas (empregadas por diferentes asociacións) e desde 2017 obtivo a titularidade dunha das dúas vivendas (a emprega o CEE Juan María no seu programa de respiro familiar) restando só a desafección educativa da segunda en cuestión, reclamada por Concello e veciñanza reiteradamente. A edificación completa foi construída hai máis dun século para fogar dos profesores de Camos é consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas residencias pareadas (números 43 e 45). Cada casa conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela municipal de 2.789 metros cadrados acondicionada como parque infantil. “A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, resulta ata obsceno ter unha casa en desuso, máximo se pertence a unha admistración pública”, considera o rexedor, quen incide en que, precisamente, o único ‘parche’ do recinto de Balinfra é esta vivienda deshabitada.

“A relación coa Xunta é boa pero nos gustaría que iso viñese tamén acompañado de investimentos para Nigrán”, transmitíulle González, quen asimismo recoñeceu o bo traballo conxunto entre as dúas administracións para estar actualmente a piques de levar o PXOM a Aprobación Provisional ou, “finalmente e tras telo pelexado”, acadar que a cociña construída íntegramente polo Concello cun investimento de 374.000 € no CEIP Humberto Juanes sexa incluída na licitación da Xunta como punto no que deberá cociñar o futuro catering adxudicatario do lote de colexios públicos de Nigrán.

Igualmente, a delegada da Xunta interesouse por proxectos relevantes para Nigrán nos que o goberno autonómico podería colaborar. Neste sentido, González destacou a humanización da rúa Manuel Lemos no tramo urbano da Ramallosa, cun proxecto de 1,1 millóns de euros que inclúe ampliación de beirarrúas, zonas de descanso ou vexetación en altura como protagonista mediante unhas novidosas pérgolas para trepadoras. “Non conquerimos que a Xunta reparase Otero Pedrayo e tivemos que solicitar a súa titularidade para facelo nos, agora convidámoslle a firmar un convenio para arranxar esta estrada autonómica”, incide.

Neste sentido, o rexedor destacou a necesidade tamén de que a Xunta colabore co Obispado para arranxar o problema de pingueiras no Templo Votivo de Panxón e, a maiores, o alcalde destacou o proxecto do Concello para investir 321.000 euros destinados a recuperar todo o enclave do arco visigótico como verdadeiro referente patrimonial do municipio e como museo ao aire libre. “É un investimento moi pequeno pero está atascado por temas legais e administrativos coa diócese, polo que a colaboración da Xunta poderá ser fundamental para arranxalo”, considera.

Covelo volve vivir a experiencia galego-saharaui en Godóns

0

O goberno de Covelo, a través do seu alcalde Pablo Castillo, recibíu hoxe á familia galego-saharaui que participa no programa Vacacións en Paz organizado pola asociación Solidariedade Galega Co Pobo Saharaui (SOGAPS). Sidati, que reside no campamento de Bojador, pasará o verán na parroquia de Godóns no fogar da familia de Belén Carballo.

Por segundo ano consecutivo, o pequeno veciño saharaui participará, ao igual que o resto das cativas e cativos de Covelo, nas actividades ofertadas polo Concello e gozará da paisaxe do rural.

A delegada de zona de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Conchi Fernández, quixo acompañar a esta familia galego-saharaui no momento da recepción na Casa do Concello e anima a todas as persoas a vivir esta experiencia exemplo de convivencia e integración de todas as persoas nunha comunidade.

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto, que en Galicia desenvolve SOGAPS, a petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias galegas acolledoras .

Este programa conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia, e o apoio dos concellos, ademais a asistencia sanitaria é posible grazas a un convenio entre SOGAPS e Sergas que se suman aos múltiples convenios que a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui ten con ocultistas, ópticas, dentistas…

O alcalde de Covelo recoñeceu o importante papel que xogan as familias que amosan o seu lado máis solidario proporcionando durante dous meses un fogar a estas nenas e nenos que naceron no exilio no medio dun clima de guerra e que, en Galicia, teñen a oportunidade de coñecer formas distintas de vida.

Conchi Fernández, pola súa parte, suliñou que grazas á implicación das familias reciben asistencia médica e alimenticia.

Os Campamentos de Refuxiados Saharauís están situados no suroeste do territorio alxeriano, exactamente na súa zona fronteiriza co Territorio saharauí

Neles viven ao redor de 165.000 persoas, fundamentalmente mulleres e nenos, xa que a maior parte dos homes se encontran nas chamadas zonas liberadas do Territorio nacional( Sahara Occidental), encadrados nas diferentes divisións do exército saharauí. E

KmZero, Manuel Madarnás, Acevedos Delgados e Pachecho Bros actúan en ‘Sons na rúa’

A música en directo será a protagonista deste venres e do próximo luns en Tui coa celebración do programa ‘Sons da rúa’. Esta actividade estaba prevista para o mes de xullo pero tivo que ser aprazada daquela debido á previsión de choiva.

Este venres a cita musical comeza ás 21 h no Paseo da Corredoira co grupo KMZero. É un grupo tudense creado en Rebordáns e conformado por Karla Lima (voz) e Fran Gómez (guitarra). Ambos realizan versións de temas actuais pero tamén máis clásicos e recoñecidos, recorrendo ao pop.  Ás 22 h no mesmo lugar actuará o trompetista tudense Manuel Madarnás presentando o seu proxecto musical “La MMarca”, que está enfocado na música pop. Nesta ocasión estará acompañado polo guitarrista Sic Salem e do baterista Jorge Pimentel.

O luns 14, de novo na Corredoira, ás 21 h Acevedos Delgados, de Goián, abrirá a proposta musical do día. O grupo está formado polos músicos Andrés Acevedo e Davinia Delgado. Realizan versións de cancións populares pero tamén interpretarán os seus propios temas con toques de pop, blues e rock. Mentres ás 22 h Pacheco Bros, dúo formado polos irmáns vigueses Javi e Diego Pacheco, ofrecerá un espectáculo en acústico combinando guitarras e voces. Percorrerán a historia da música pop rock e o blues dos anos sesenta, con versións de temas máis recoñecidos e tamén actuais.

Aberto o prazo de inscrición nun novo curso sobre uso de tecnoloxía móbil para maiores

0

Desde a Axencia de Colocación do Concello de Mos e concretamente desde a Concellería de Participación Cidadá, que dirixe a edil Julia Loureiro, infórmase da organización dun novo Taller: Expertclick de uso de apps móbiles para Maiores de Mos para o que xa se atopa aberto o prazo de inscrición.

Impartirase en dúas datas do vindeiro mes de setembro: 25/09/2023 de 16:00 a 18:00 (Sesión 1) e 26/09/2023 de 16:00 a 18:00 (Sesión 2) en modalidade presencial.

Expertclick é un programa de formación para achegar ás persoas maiores de 55 anos as ferramentas necesarias que lles permitan aproveitar plenamente as vantaxes que brindan as novas tecnoloxías co fin de aumentar a súa calidade de vida.

Nos cursos gratuítos presenciais e en liña, os maiores aprenden a navegar con seguridade e confianza por Internet e a utilizar o seu teléfono móbil ou tablet para comunicarse por videoconferencia, facer xestións co seu banco, pedir unha cita médica, comprar en liña ou aproveitar o seu tempo de lecer creativo na rede.

O obxectivo é aumentar a súa independencia e autonomía persoal á hora de comunicarse, realizar trámites e participar de forma activa na sociedade, mellorando así a súa autoestima e favorecendo un envellecemento activo e saudable.

O Concello de Nigrán colabora con ‘Bolos da Carrasca’ na súa semana cultural

0

O Concello de Nigrán colabora co Centro Cultural e Deportivo ‘Bolos da Carrasca’ para organizar a súa ‘XXVIII Semana Cultural’ que arranca hoxe e que ten o seu día grande o venres 11 de agosto coa undécima festa dos ovos con chourizo, evento gastronómico que o goberno local promoverá para que obteña o distintivo de ‘Interese gastronómico galego'”. Ese día, a partir das 21:30 horas, unha trintena de persoas da entidade estarán a traballar para poder ofrecer 1.500 racións nunha praza da Carrasca totalmente preparada para a ocasión e cuberta por paraugas de cores grazas á colaboración de Juan Alves e o Queimada.

“A festa dos ovos con chourizo é a única festa gastronómica de Nigrán que se mantivo no tempo grazas precisamente a unha entidade cultural e gañando cada vez máis público ata ser unha das máis populares da comarca, polo que consideramos que merece ser declarada de ‘Interese Gastronómico Galego’, unha distinción que podería obter a partir de cumprir os 15 anos”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que desde o Concello xa se está a traballar nese sentido.

A semana cultural arranca hoxe a partir das 21:30 horas co concerto das corais ‘Son dos cantares de Mos’, ‘Polifónica Lira de San Miguel de Oia’ e ‘Ecos do Castelo’. O mércores, o Concello ofrece polo Día da Xuventude a actuación do grupo San Rockers ás 21:30 horas. Xa o xoves, ‘Día do Neno’, a partir das 17:30 horas, o Concello achega o espectáculo do Mago Charlie Braun ao que se lle sumarán hinchables e festa da escuma. Finalmente, o venres será a festa dos ‘Ovos con Chourizo’ coa actuación do grupo ‘Os Alegreso do Val Miñor’, tamén aportación do Concello. “Desde o Concello transmitimos os nosos parabéns ao Centro Cultural A Carrasca polo seu traballo incansable durante todo o ano que contribúe a dinamizar a vida cultural e social da parroquia”, explica González, quen incide en que o goberno local ven de aprobar unha subvención directa de 30.000 € para facer accesible a súa sede, que dispón do auditorio no terceiro andar ao que, a día de hoxe, só se pode chegar por escaleiras.

Salvaterra celebrará un torneo de fútbol modesto e de base

A empresa Electra Alto Miño vén de pechar un acordo co Concello de Salvaterra de Miño para recuperar o “Memorial EAM Matías Candeira”, torneo de fútbol modesto e de base que se celebrará en categoría senior o vindeiro 19 de agosto a partires das 17:30 horas no Campo Municipal de Dextros (Salvaterra de Miño), e nas categorías alevín e benxamín o 23 e o 30 de setembro, respectivamente, no campo de Casal.

Trátase dunha aposta clara e moi importante para o fútbol local, xa que se estima un investimento superior aos 15.000 € que a empresa eléctrica e instaladora quere facer de xeito anual.

Ademais de asumir todos os gastos derivados da actividade, Electra Alto Miño quere axudar aos clubes de xeito directo, sendo coñecedores dos gastos que teñen que afrontar os clubes en cada tempada; por iso, aportarán axudas económicas por inscricións e premios que serán destinadas ás numerosas necesidades en cuestión de tramitacións de licencias, material deportivo, arbitraxes, desprazamentos… que precisan os clubes.

A empresa “Augas De Mondariz” tamén quere dar o seu apoio aportando as augas para todos os participantes.

O 19 de agosto en formato dun cuadrangular, os equipos senior da S.D.SALVATERRA, ATLÉTICO ARNOIA (Ourense), PORRIÑO INDUSTRIAL E CASELAS F.C., estrearán o novo memorial a partires das 17:30 horas. A entrada para este torneo é de balde. Ao remate da entrega de trofeos, os 4 equipos gozarán xuntos duns pinchos para recuperar forzas tamén por cortesía do patrocinador.

O 23 e 30 de setembro será o turno dos rapaces e rapazas, a verdadeira esencia deste torneo, que contará con 6 clubes/escolas invitados da comarca do Condado ainda pendentes de determinar, que participarán coas categorías alevín e benxamín e que tamén rematará nunha merendola para os nenos e nenas participantes.

Gran iniciativa desta importante empresa galega no apoio ao desenvolvemento do fútbol modesto e de base, que suporá unha gran axuda no inicio de cada tempada.

O faladoiro “Aquí faltan páxinas” céntrase na redondelá Ernestina Otero

0

A historia da mestra redondelá Ernestina Otero protagoniza este mes de agosto o programa da Deputación “Aquí faltan páxinas”, un ciclo de relatos sonoros e conferencias que nace da colaboración da institución provincial con O Cable Inglés para dar a coñecer a traxectoria de mulleres galegas extraordinarias. Este xoves 10 de agosto, a Alameda Castelao de Redondela acollerá a partir das 20:00 horas un faladoiro sobre a docente conducido por Marián Fernández e impartido por Manuel Puga Pereira e Montse Fajardo. Ao encontro asistirá a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos.

Ernestina Otero Sestelo foi unha mestra de Redondela que traballou por mellorar a calidade da ensinanza e por estendela a unha maior porcentaxe de poboación. Firme defensora dun modelo educativo renovador e dos dereitos das mulleres, puxo en marcha iniciativas como os roupeiros e os comedores escolares para conseguir que as familias tamén enviaran as nenas á escola. A súa vida divídese entre os logros profesionais acadados durante a Segunda República e as persecucións e represalias contra ela e a súa familia durante o franquismo por causa das súas ideas.

O faladoiro estará a cargo de Manuel Puga Pereira e Montse Fajardo. Puga é autor dunha biografía sobre Ernestina Otero e posúe unha dilatada traxectoria no mundo farmacéutico e da cultura. Licenciado en Ciencias Biolóxicas e Farmacia e doutor en Ciencias, é académico da Real Academia de Farmacia de Galicia e Real Academia Nacional de Farmacia. Preside a Fundación Penzol, é vicepresidente da Editorial Galaxia e a Fundación Otero Pedrayo e forma parte do padroado da Fundación Carlos Casares.

Pola súa banda, Montse Fajardo é licenciada en Ciencias Políticas, aínda que a súa traxectoria profesional está vinculada ao xornalismo. O seu último libro é ‘A vida incerta, biografía de Virxinia Pereira’, publicado en 2020, e en 2018 foi galardoada co II Premio de Periodismo Lueiro Rey polo seu artigo ‘O universo de Carlos’, que protagoniza un neno con autismo.

Ademais da conferencia, a historia de Ernestina Otero estará tamén dispoñible a partir do xoves no podcast de “Aquí faltan páxinas” (nas principais plataformas de streaming e no sitio web da institución provincial) e nun roteiro virtual que inclúe os lugares da provincia claves na biografía da protagonista. Entre eles, a primeira Escola Normal de Pontevedra (hoxe un dos edificios do Museo de Pontevedra) onde cursou os estudos de mestra elemental, ou a nova Escola Normal (actual Edificio Administrativo da Deputación), na que ensinou Pedagoxía, da que foi directora e onde coincidiu con Castelao.

O proxecto “Aquí faltan páxinas” inclúe unha antoloxía de 12 podcasts, un por mes, para pór en valor os logros de 12 grandes mulleres relacionadas coa provincia: María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.

Fernando Bartolomé presenta hoxe o seu libro en Baiona

0

O Multiusos Mercado de Sabarís acolle hoxe martes, 8 de agosto, ás 20:30 horas a presentación do libro de Fernando Bartolomé: “Gondomar. El Embajador. Diplomacia y arcabuces”.

Tras varios anos de investigación sobre a figura do conde de Gondomar, o escritor e catedrático de Lingua Española e Literatura, e estudoso da cultura e historia do Século Oro, Fernando Bartolomeu, presentou onte na cidade de Vigo o seu novo libro, “Gondomar, el Embajador”, unha exhaustiva biografía sobre Diego Sarmiento de Acuña, conselleiro de Estado e de Facenda, diplomático, embaixador e bibliófilo, gobernador e capitán xeral do reino de Galicia.

Nun volume de 640 páxinas, Fernando Bartolomé recolle nesta ocasión a vida dun dos nobres máis destacados da provincia de Pontevedra, o conde de Gondomar, debido a que tras o seu nomeamento como embaixador en Inglaterra pola súa maxestade don Felipe III, no ano 1612, converteuse nun personaxe crave da política internacional como poucos membros da elite española. Ademais, Sarmiento de Acuña defendeu a costa sur de Galicia do ataque de piratas ingleses.

O escritor e catedrático estará acompañado de Jose M.ª Peláez e do propio alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, que será o encargado de facer a presentación do autor.

A Cañiza retoma, despois de 12 anos, o Curro do Pedroso

0

Este domingo, 6 de agosto, a Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil recuperou a celebración do curro, algo que non ocurría desde hacía 12 anos. A soleada xornada foi todo un éxito, contando co apoio do Concello, da veciñanza e do público asistente.

Unha festa chea de enxebrismo onde se reeditou esta tradición cabalar que naceu no 1º domingo do mes de agosto do ano 1994 e que estivo cargada de emotividade e respeto ás tradicións populares galegas, sobre todo no momento en que os organizadores lle renderon unha merecida homenaxe a Don Castor Pablo Rodríguez Pérez, fundador do Curro.

Dende o Concello, o alcalde felicitou “a todos os que integran a Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, organizadores do Curro nesta nova edición e ao resto dos colaboradores que fixeron posible que a xornada de onte se desenvolvera nun auténtico clima de festa e confraternidade”.

“Unha xuntanza na que se volveu a recuperar non só unha tradición popular, senón tamén a capacidade de congregar en torno a este evento a distintas xeracións. Xuntos para disfrutar do noso e compartilo cos demáis”. Afirmou o rexedor, facendo referencia ao “verdadeiro espíritu deste curro que ademáis o converte en senlleiro, con aceno de identidade propio” .

Luis Piña volveu a manifestar o “apoio incondicional e compromiso de colaboración do Concello da Cañiza con este Curro, en futuras edicións,  así como con todas aquelas iniciativas que se sumen aos activos turísticos da Cañiza, e que redunden en beneficio do noso municipio”.

[su_image_carousel source=”media: 75359,75360,75362″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Unha xornada vibrante e emocionante

Como xa adiantaran os organizadores do evento na presentación do Curro o pasado 27 de xullo, a xornada de onte celebrouse nun ambiente de festa, campestre, enxebre, vibrante e emocionante que comezou ás 7 da mañá coa subida ao Curro á busca dos rabaños.

Durante toda a xornada se puido comer, beber, facerse con lembranzas e posar en photocall e sobre todo disfrutar do espectáculo que ofreceron os cabalos: nas montañas e no propio recinto.

Como todo curro que se preze, durante a xornada se sanearon os animais, colocaron os microchips e se desenvolveron “compras e vendas”  entre os gandeiros. Todo isto nun ambiente amenizado con música tradicional e boa gastronomía da que deron boa conta os centos de veciños e visitantes.

O Curro non defraudou e despois de 12 anos, como tamén se dixo na presentación do evento “entre todos conseguimos que se convertera nun inesquecible día de romaría e festa e un espectáculo de colorido e bravura propio da nosa rexión”.

O Concello de Tui solicita un novo obradoiro para acondicionar a Senda río Miño

0

O Concello de Tui presentou á Consellería de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia a solicitude dun obradoiro de emprego cunha duración de doce meses e un investimento previsto superior aos 700 mil euros. O obxectivo deste obradoiro será a recuperación da Senda Río Miño Areeiro-Penedo e formaría a vinte persoas coma alumnado-traballador en dúas especialidades Forestal e Madeira.

De ser concedido o Concello de Tui aportaría 183 mil euros e a Xunta de Galicia 526 mil euros.

O alumnado traballador que participaría sería de 10 persoas en cada especialidade. No caso da de forestal, as persoas interesadas non necesitarían nivel formativo previo, mentres que para a especialidade de madeira necesitarían un nivel formativo de ESO. Ao remate do obradoiro recibirán o correspondente certificado de profesionalidade.

A actuación centrarase na mellora da accesibilidade da Senda PRG-19 (Tui-Caldelas-Tui), no tramo comprendido entre a Praia de Areeiros e Caldelas de Tui, até conectar co Sendeiro Municipal do río Miño entre o río Caselas en Tui e o Parque Municipal da Canuda.

A actuación prevista realizarase nun tramo de 6,535 metros á beira do Miño nas parroquias tudenses de  Guillarei, Paramos, Baldráns e Caldelas de Tui, mellorando a accesibilidade e establecendo zonas de lecer e descanso, para poñer en valor a súa contorna e achegar á poboación os recursos paisaxísticos e patrimoniais que se atopan neste entorno coma é o caso do Petróglifo das Carneiras, a Ínsua de Mouros, o xacemento de Igrexa Vella, o local social de Augas Termais de Caldelas de Tui e o xacemento romano do Pombal. 

A senda transcorre en boa parte por terreos de titularidade municipal e o concello traballa xa na solicitude dos permisos necesarios para a súa realización. No proxecto contémplase o seu acondicionamento baixo criterios de máxima integración ambiental e respecto á paisaxe e contorna. O ancho da senda será de 1,50 metros, cunha pendente transversal do 2% para evitar a formación de charcos e favorecer a drenaxe, adaptándose ao terreo natural minimizando os movementos de terra.  Para salvar pendentes considerables contémplase a execución de pasarelas elevadas de madeira, e na zonas con desniveis superiores aos dous metros colocaranse varandas de madeira.

Co proxecto presentado a este obradoiro de emprego o concello de Tui mantén a súa posta pola recuperación das sendas fluviais, coma está a facer o actual obradoiro coa senda do río Furnia, xunto a recente execución das sendas entre a Mariña e a praia de Areeiros, coa pasarela peonil sobre o Louro, e coa actuación proxectada dende Caldelas até o límite con Salceda, no entorno do río Caselas coa CHMS.

Ao tempo o Concello de Tui mantén o seu compromiso coa formación e o emprego, xa que as persoas que participen neste obradoiro ao seu remate recibirán o certificado de profesionalidade en dúas especialidades que contan con gran demanda na actualidade.

Con estas e outras iniciativas formativas desenvolvidas ao longo dos últimos anos mellórase a empregabilidade das persoas en situación de desemprego, algo que queda reflectido nos positivos datos de descenso do número de persoas inscritas nas listas dos Servizos Públicos de Emprego, que suma cinco meses consecutivos de descenso.

Hoxe comeza o festival Chandefolk cunha observación de perseidas

0

O Concello de Nigrán quece motores para o gran concerto do Chandefolk (luns 14 con Susana Seivane) ofrecendo este martes 8 de agosto unha observación nocturna das perseidas guiada por un experto do Centro Astronómico de Trevinca desde as 22:00 horas no ‘Bosque da Memoria’ (explanada do Castro de Chandebrito, zona libre de contaminación lumínica e con ampla bóveda celeste, polo que resulta especialmente idónea; recoméndase acudir con toalla ou esterilla para poder tumbarse). O Concello de Nigrán iniciou a actividade no 2015 sendo a día de hoxe unha das propostas de referencia no calendario de verán que permite dar a coñecer Chandebrito, parroquia do interior con gran riqueza natural, patrimonial e etnográfica. Precisamente, por este mesmo motivo, este ano incorpórase o xoves 10 de agosto ao ‘Chandefolk’ unha ruta nocturna para descubrir os espectaculares petróglifos da zona a cargo de Árbore Arqueoloxía (a andaina parte desde o Colexio Estudio ás 21:30 horas aproveitando a noite para poder aprecialos mellor, é preciso levar lantera ou móbil con ese dispositivo).

Todas as actividades, incluído o concerto, son gratuítas e abertas á participación de veciñanza e visitantes, que tan só deben acudir ao lugar na hora indicada con roupa de abrigo e calzado axeitado. Ademais, o concerto de Seivane terá as mochilas vibratorias do Concello a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail [email protected] ou no WhatsApp 690679675.

No Chandefolk colabora de xeito activo a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, o concerto forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega. No recinto (carballeira de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol) disporase de barra de bebidas con chouripáns á venda.

Susana Seivane

Naceu en Barcelona en 1976 no seo da familia Seivane, un dos apelidos con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia. Comezou a súa andaina musical s anos de idade ao 3 da man do seu pai, Álvaro Seivane. Aos 9, trasládase, xunto coa súa familia, a Cambre (A Coruña). Xa en Galicia, entra en contacto con mestres ci gaiteiros da talla de Ricardo Portela ou Moxenas que, xunto co seu propio avó , Xosé Manuel Seivane, influenciarían grandemente o seu xeito de entender e interpretar a música tradicional galega. Aos 10 anos xa daba concertos por todos os recunchos do país e durante a súa adolescencia cursou estudos de solfexo e piano e formou parte de diferentes agrupacións musicais tradicionais. Aos 20 anos toma contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista invitada. A partir deste momento comeza a súa andaina como solista creando un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas. Consegue, deste xeito, un enfoque fresco e orixinal.

Arranca no Porriño unha exposición para a concienciación sobre o cambio climático nas emerxencias

O Porriño acolle a primeira das exposicións itinerantes organizadas pola AXEGA que terán lugar na área transfronteiriza para concienciar á poboación ante as emerxencias derivadas do cambio climático e dos desastres naturais.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto coa Directora de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, presentaron esta mañá a mostra enmarcada dentro do proxecto de Protección Transfronteiriza de Emerxencias dirixido á poboación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (PROTEMPO). As exhibicións teñen como obxectivo promover a concienciación sobre o cambio climático e a prevención e xestión de riscos, así como aumentar a resiliencia territorial ante os perigos naturais nas zonas de fronteira.

A do Porriño está instalada no centro cultural e estará dispoñible para toda a poboación durante seis días. A continuación, será posible achegarse a coñecer os avances do proxecto e o contido do diverso material multidisciplinar interactivo nas poboacións de Salvaterra, As Neves, Ponteareas e Tomiño.

Mediante o proxecto PROTEMPO, a AXEGA pretende reforzar a transferencia de coñecementos aos grupos de poboación máis vulnerables, os nenos e as persoas maiores, co fin de que sexan conscientes e teñan capacidade para actuar ante os riscos de emerxencias relacionados co cambio climático, cada vez máis frecuentes e de maior virulencia, para conseguir un incremento da eficacia na prevención, mediante campañas e accións de capacitación cara ao público obxectivo con menor coñecemento sobre como protexerse ante as distintas situacións de emerxencia climática.

Ademais, a finalidade da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da AXEGA, é incrementar a rapidez e a eficacia de resposta dos efectivos de emerxencias, e a súa coordinación coa cidadanía, ante os desastres naturais.

Co proxecto PROTEMPO, que comezou no ano 2011 como Ariem112 e despois como ARIEM PLUS, dótase de medios aos diferentes servizos de emerxencias, realízanse simulacros para perfeccionar a coordinación entre as distintas institucións ante unha catástrofe natural e tamén levase a cabo a difusión de material de auto protección a través das distintas canles informativas.

A Xunta humanizará unha nova rúa do centro urbano de Arbo

0

A Xunta de Galicia destinou ao redor de 315.000 euros á humanización dunha nova rúa no concello de Arbo para liberar o tráfico do centro urbano da localidade ao comunicar a rúa Vázquez Estévez e a estrada PO-400.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada do alcalde da localidade, Horacio Gil, visitou hoxe a nova vía, que ten unha anchura de 10 metros, que comprende dúas beirarrúas de 2,5 m., aparcamento de 2,1 m. e calzada de 2,9 m.

Para facilitar a mobilidade peonil, reducirase a velocidade a 30 km/h, sinalizáronse 3 pasos peonís elevados e fíxose unha senda peonil no entronque coa PO-400 coa previsión de poder continuala no futuro ao longo desta estrada.

A maiores, tamén se levaron a cabo actuacións como demolicións, escavacións, recheos e rozas; renovacións de pavimentos; melloras nas redes de abastecemento, pluviais, alumeado ou telecomunicacións, e instalación de sinalización de mobiliario urbano.

Estas obras acometéronse ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais.

Deste xeito, segundo explicou Encarnación Rivas, o Goberno galego financia o 70 % do custo das obras e o concello achega o 30% restante, un apoio económico que resulta clave para que moitos municipios poidan acometer obras de humanización que, como esta, inciden de forma moi positiva na calidade de vida da veciñanza e na habilitación de espazos públicos.

Éxito absoluto do ‘Flota como poidas’ na Ramallosa

0

O Concello de Nigrán festexou este domingo 6 de agosto o seu evento máis surrealista e hilarante do verán: a concentración de artefactos flotantes ‘Flota como poidas’. Un total de 30 tripulantes con idades comprendidas entre os 7 anos (Cloe Vázquez) e os 66 anos (Luis González Ramos) e distribuídos en dez ‘pseudoembarcacións’ construídas por eles mesmos competiron desde as 17:30 horas na Foz do Miñor ante centos de asistentes que desafiaron ás altas temperaturas con tal de presenciar o evento máis cómico do ano.

O xurado finalmente outorgou a ‘Juan Sebastián de Elpalo’ o premio ao artefacto ‘Máis Currado’; á familia máis divertida a ‘As Chuzas’; o ‘Titanic’ a ‘Petrogran’ por ser o primeiro en afundir; á tripulación máis simpática para ‘Escenas de matrimonio’; o ‘Máis cutre’ para ‘Villa Cousa’… Ademais, improvisáronse outros premis como o máis gafe para ‘Can de Palleiro’; o que máis distancia percorreu para ‘¡Mandacaballo!’; premio á resistencia para ‘Gondoleros en apuros’ ou recoñecemento ao vixiante da ponte para ‘A bicichoca’ e o máis enxeñoso para ‘Equipo Firulais’.

Como é xa habitual, o ‘Flota como poidas’ coincidíu coa celebración da festa de comerciantes ‘Portobelo’ organizada coa asociación de empresarios Ovalmi na Alameda de A Ramallosa durante todo o día.

[su_image_carousel source=”media: 75347,75348,75345″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Rosal Cámara Fest pecha mañá a súa cuarta edición

0

O IV Rosal Cámara Fest remata mañá cun concerto da formación Camerata Arven, que se realizará na Igrexa de Santa Mariña ás 21 horas. A actividade é aberta ao público e de balde.

Ademais do concerto, realizarase unha ruta guiada pola zona, tamén de balde, para a que é precisa a inscrición previa no teléfono 677783296 ou no email [email protected].

Camerata Arven é un grupo de músicos profesionais, moi dinámico en canto repertorio, e que aposta polos novos compositores. Desde 2018 son a formación residente dos seminarios de dirección do Centro Superior de Música de Galicia.

Con Camerata Arven remata esta cuarta edición do Rosal Cámara Fest, que comezou o 20 de xullo e ofreceu oito concertos e catro actividades paralelas  en diferentes espazos do Concello do Rosal.

Nesta edición, propúxose un cartel máis ambicioso, que fixo medrar o alcance dos concertos, convidando a bandas, agrupacións e corais de diferentes puntos de Galicia.

A XIII Festa do Cabrito ao Espeto do Porriño agota existencias

Centos de persoas achegáronse onte a Chenlo para degustar a súa ración de cabrito. A décimo terceira edición da Festa do Cabrito ao Espeto agotou existencias e deu mostra, un ano máis, de que se trata dun evento consolidado que cada primeiro de agosto é quen de congregar a persoas chegadas de toda a provincia.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer “á comisión que fai posible que esta festa sexa unha realidade, aos patrocinadores que co seu apoio axudan na organización e a toda  a xente que se achega a Chenlo a compartir cos veciños e veciñas este día tan importante para nosa parroquia”.

Esta festa gastronómica arrancou no ano 2009 da man dun grupo de veciños e co seu esforzo e implicación lograron facer da mesma unha cita ineludible da axenda estival da provincia.

O Castelo de Sobroso acolle o martes o concerto de Fisión Atlántica Ensemble

O Castelo de Sobroso acollerá este martes 8 de agosto un novo concerto no marco do ciclo “Música no Ar” da Deputación, que correrá a cargo da agrupación Fisión Atlántica Ensemble, formada por recoñecidos músicos das orquestras de Galicia. Na cita, para a que aínda quedan entradas dispoñibles (son gratuítas e poden reservarse en [email protected]), comezará ás 19:00 horas e xirará arredor da figura de Franz Joseph Haydn.

Fisión Atlántica Ensemble está formado por Luis Soto (frauta traveseira); Nikolay Velikov (violín); Ioana Ciobotaru (viola); Álvaro Quintanilla (violoncello) e Pablo Carpintero (pipa galega). O grupo une nos seus espectáculos música e literatura, dando cabida aos compositores máis recoñecidos da historia e coa fidelidade aos textos como sinal de identidade. O espectáculo centrado en Haydn é a última aposta da formación e complétase coa publicación do libro-disco O xenio da cidade, coa colaboración de Fina Casalderrey como escritora e Xosé Cobas como ilustrador.

Con “Música no Ar”, a Deputación de Pontevedra está a programar ao longo deste verán quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Tralo paso polo Castelo de Sobroso, a iniciativa continuará no xardín da Igrexa de San Martiño de Bueu (o día 18), na Igrexa de San Pedro de Crecente (o día 19), no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas (o día 24) e na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei (o día 27). En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no Santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).

Hoxe continúa o ciclo de conferencias “O Falar das Pedras”

0

Continúa o IV Ciclo de Conferencias “O Falar das Pedras” que se impartirán todos os luns lectivos de xullo e agosto no Multiusos Mercado de Sabarís ás 20:30 horas. Hoxe luns, 7 de agosto, ás 20:30 h,  é o turno da ponencia de Ricardo Viéitez Pérez “Nosotros teníamos los relojes pero ellos tenían el tiempo”.

Este ciclo de conferencias está organizado desde o Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal de Baiona. Iniciouse no ano 2019, sendo interrompidas no 2020 pola pandemia. Una vez superada a crise sanitaria  retomouse  a súa celebración e fíxose nunha nova localización,  o novo edificio rehabilitado Multiusos Mercado de Sabarís (rúa Benito Fariña, 3).

O ciclo, está formado por un corpus de presentacións de libros e charlas divulgativas como misión potenciar o patrimonio cultural e a actualidade editorial.

A Illa de San Simón acolle as residencias literarias da Xunta de Galicia

0

Un total de 12 creadores poderán participar nas residencias literarias na Illa de San Simón que vén de convocar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, unha das novas accións contempladas no Plan de impulso ao libro galego, aprobado recentemente no Consello da Xunta.

Con esta iniciativa, a Xunta quere apoiar a creación literaria dunha ducia de persoas fornecéndolles unhas condicións idóneas a través dunha estadía na illa pontevedresa de entre 15 días e un mes como máximo. As residencias celebraranse nos meses de setembro, outubro e novembro e incluirán o aloxamento dos beneficiarios en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris da Illa de San Simón, en cuarto individual con espazo de traballo propio. Os participantes disporán, así mesmo, de espazos comúns de traballo, con varias estancias con conexión a internet e os medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de setembro. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar unha única candidatura acompañada dun documento (máximo de 10 páxinas) que deberá incluír a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverá na residencia, xénero, idioma da obra, currículo do aspirante, expediente artístico e carta de motivación, entre outros detalles.

Plan Xeración Cultura

Cun orzamento de 3M€, o Plan de impulso ao libro galego inclúe tanto medidas consolidadas como outras 11 novas iniciativas, entre elas esta. O obxectivo é permitir ao sector adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores.  As accións abarcan cinco áreas: o apoio á creación (na que se enmarcan estas residencias), o impulso á edición e distribución, a proxección exterior, a difusión e o apoio ás bibliotecas públicas.

Este plan é un dos seis que conforman o Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada de 34M€ para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego e xuntar esforzos desde a colaboración público-privada para a xeración de riqueza.

O goberno local de Ponteareas acelera o proceso de rehabilitación da nave de Aceros del Tea

O pleno do Concello de Ponteareas aprobou cos votos do goberno local e de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, o proxecto de execución da rehabilitación da nave de Aceros del Tea, unha rehabilitación que se cofinanciará con fondos de Desenvolvemento Urbano Sostible – EDUSI (80 %) e cunha parte de investimento municipal (20%), por un valor total de 637.016 euros para dotar de actividade a unha parcela de alto potencial para a cidadanía. 

Esta iniciativa do grupo de goberno vén marcada pola urxencia de acometer este proxecto antes de final de ano, data na que expira o período habilitado polo programa europeo de investimento para as entidades locais. A orixe deste procedemento arranca en 2016 e tivo un punto de inflexión no 2021 coa aprobación do novo PXOM. Estas dúas datas confiren marxe máis que suficiente como para ter xa en pleno funcionamento esta infraestrutura, pero que chega á recta final do prazo estipulado totalmente estancada debido á inacción dun goberno bipartito que en ningún momento foi quen de xestionar estas axudas levando ao Concello ao límite e con apenas marxe de manobra para tentar resolvelo.

Por elo, os concelleiros e concelleiras do executivo local traballan a contrarreloxo para tentar salvar estes fondos, sendo o primeiro escollo a salvar a necesidade de conseguir canto antes a titularidade dos terreos, que a día de hoxe non é municipal, para así poder xerar en Ponteareas un novo espazo para a cidadanía.

O complexo reto de tentar resolver en apenas 5 meses o que BNG e PSOE non fixeron en 7 anos superou xa a súa primeira proba ao obter a maioría absoluta no pleno para iniciar o procedemento, sen que ambas forzas apoiasen esta iniciativa. “En goberno non souberon facelo e agora en oposición non queren”, asegura Silvia Fernández, a concelleira delegada de Urbanismo.

O goberno local traballa arreo con esa premisa urxente de acadar a titularidade dos terreos para o Concello e acelerar así ao máximo os prazos, respectando todas as garantías no proceso, para intentar chegar a tempo coa data límite do 31 de decembro. “Sabemos das dificultades que conleva pero esgotaremos ata o último minuto a pouca marxe que nos deixou o anterior goberno porque a cidadanía ben merece contar nos novos espazos e servizos e non ten que asumir como normal que se perdan oportunidades e proxectos de alto valor, especialmente cando existen fondos non municipais que poden ser investidos aquí”, explica a concelleira.

Pola súa banda, Nava Castro agradece os apoios conqueridos no pleno e sostén a súa man tendida ao resto das forzas políticas da corporación neste, e nos demais temas e proxectos que se debatan durante o presente mandato, xa que “os veciños e veciñas queren que cheguemos a acordos polo ben común, e así o asumimos sempre neste goberno”.

Transparencia no proceso

O grupo de goberno convocará en próximas datas unha Comisión de seguimento para dar conta do estado dos fondos da EDUSI e para que todo o mundo saiba o estado real do proxecto, os prazos existentes e as decisións de gobernos anteriores que provocaron esta situación límite.

O goberno municipal anunciou na sesión plenaria que se convocará este órgano porque non poden quedar dúbidas da responsabilidade de anteriores responsables que permitiron chegar á actual situación poñendo en serio risco unha inversión tan importante como esta.

A gaiteira galega Susana Seivane estará o 14 de agosto no Chandefolk

0

O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk a Susana Seivane, ilustre gaiteira galega e auténtica lenda viva deste instrumento. A cita será o luns 14 de agosto ás 22:00 horas en Chandebrito (merendeiro de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol) pero o festival Chandefolk arranca xa este martes día 8 de agosto cunha observación das perseidas guiada por un experto do Centro Astronómico de Trevinca desde as 22:00 horas no ‘Bosque da Memoria’ (explanada do Castro de Chandebrito, zona libre de contaminación lumínica) e, como novidade, continúa o xoves 10 de Agosto ás 21:30 horas cunha ruta nocturna polos petróglifos da parroquia (a que máis gravados presenta de Nigrán) a cargo de Árbore Arqueoloxía (parte desde o Colexio Estudio). Todas as actividades son gratuítas e abertas á participación de veciñanza e visitantes, que tan só deben acudir ao lugar na hora indicada. Ademais, o concerto  terá as mochilas vibratorias do Concello a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail [email protected] ou no WhatsApp 690679675.

No Chandefolk colabora de xeito activo a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, o concerto de Susana Seivane forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega. No recinto do concerto os veciños disporán de barra de bebidas con chouripáns á venda.

“A presencia de Susana Seivane consagra definitivamente ao Chandefolk como un dos mellores festivais de folk de Galicia, estamos falando dunha das grandes estrelas da música galega que se suma aos protagonistas das anteriores edicións: Xulio Lorenzo, Roi Casal, Milladoiro, Budiño e Xavier Díaz”, explica o alcalde, Juan González, quen indica que Chandefolk naceu para promover Chandebrito como unha das parroquias con máis atractivos de Nigrán, “por iso o festival non se limita a un concerto e inclúe outras actividades”.

Susana estará acompañada no escenario por un elenco de músicos de talento, Miguel González ao saxo; Rubén Deschamps á guitarra e mandolina; Carlos Freire á batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez ao baixo eléctrico. Con eles consegue un espectáculo gran fresco, dinámico e orixinal que mantén a diversión do público dende os primeiros compases ata o último bis porque xuntos conquiren unha mestura áxil e moderna que afonda a súa raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos.

Susana Seivane

Naceu en Barcelona en 1976 no seo da familia Seivane, un dos apelidos con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia. Comezou a súa andaina musical s anos de idade ao 3 da man do seu pai, Álvaro Seivane. Aos 9, trasládase, xunto coa súa familia, a Cambre (A Coruña). Xa en Galicia, entra en contacto con mestres ci gaiteiros da talla de Ricardo Portela ou Moxenas que, xunto co seu propio avó , Xosé Manuel Seivane, influenciarían grandemente o seu xeito de entender e interpretar a música tradicional galega. Aos 10 anos xa daba concertos por todos os recunchos do país e durante a súa adolescencia cursou estudos de solfexo e piano e formou parte de diferentes agrupacións musicais tradicionais. Aos 20 anos toma contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista invitada. A partir deste momento comeza a súa andaina como solista creando un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas. Consegue, deste xeito, un enfoque fresco e orixinal.

Salceda busca financiación para o segundo pavillón de deportes

O Concello de Salceda de Caselas ultima xa o expediente para concorrer á convocatoria de subvencións do Consello Superior de Deportes co proxecto do segundo pavillón na zona de Altamira, logo de que a solicitude feita ante a Deputación de Pontevedra fose denegada.

A decisión de concorrer a esta convocatoria con este proxecto ratificouse na Xunta de Portavocías convocada a semana pasada pola alcaldesa Loli Castiñeira, á que asistiron os voceiros de MS e BNG e a voceira do PSOE.

Marcos Troncoso, concelleiro de Deportes, sostén que “Salceda ten a sorte de ter unha sociedade dinámica e de contar con unha ampla oferta deportiva, polo que temos que centrar os nosos esforzos en dar resposta ás necesidades do colectivo”.

O Concello de Salceda conta cos servizos dunha consultoría externa a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para xestionar esta solicitude. O equipo técnico da consultoría ultima xa os detalles do proxecto, adecuándoo naqueles aspectos que supuxeron a non aprobación da axuda por parte da Deputación. Agárdase deste xeito conseguir os 600.000 € aos que se opta, que suporía o 30 % do total do proxecto, que conta con un orzamento global de 1.864.656,89 €.           

Salceda conta actualmente con un único pavillón de deportes municipal na zona deportiva de Altamira, que resulta insuficiente para dar resposta á enorme demanda existente, e que se complementa cos acordos de utilización do pavillón de deportes do IES Pedras Rubias, propiedade da Xunta de Galicia, e do pavillón de deportes de Entenza, propiedade da comunidade de montes da mencionada parroquia. Aínda con estes acordos, o Concello ten unha necesidade urxente de ampliar espazos deportivos cubertos, polo que se aposta pola construción deste segundo pavillón municipal contiguo ao existente actualmente.

Loli Castiñeira, alcaldesa da vila, engadiu que “a mellora das instalacións deportivas supón un investimento que só se pode asumir coa implicación de tódalas administracións. Esta posible subvención terá que ser completada por medio de outros convenios. Só así será posible conseguir o segundo pavillón. O noso compromiso é abrir tódalas vías de financiación posibles”.

Visitas guiadas á exposición da Casa Forestal e aos curros de A Valga e Mougás en agosto

0

A comunidade de montes de Santa María de Oia, a través do seu proxecto da Casa Forestal, continúa co seu ciclo de actividades sobre os curros, co obxectivo de contribuír a divulgar esta tradición tan arraigada na Serra da Groba. Dentro desta programación ofreceranse visitas guiadas neste mes de agosto.

O venres 11 de agosto a actividade consistirá nunha visita á Casa Forestal (18.30 horas) e un percorrido guiado polo curro da Valga e os seus arredores, a fin de descubrir o patrimonio cultural, natural e paisaxístico da zona.

O sábado 12 de agosto farase unha actividade semellante ás anteriores. Neste caso, a visita a exposición da Casa Forestal desenvolverase ás 18.00 horas e, posteriormente, ás 19.00 horas farase un paseo guiado polas inmediacións do curro de Mougás.

Para participar nas actividades, de balde pero con prazas limitadas, cómpre inscribirse previamente no número de teléfono 677 78 32 96.

O Concello de Tui humanizará o entorno do mercado municipal

0

O Concello de Tui vai investir case un millóns de euros na humanización do entorno do mercado municipal. Para esta obra o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, vén de conceder de 724.535,03 € dos 905.668,79 € a que ascende o proxecto a executar. O Concello de Tui asumirá o 20 % restante do orzamento.

Trátase da segunda fase do proxecto de “Humanización do entorno do mercado municipal e dixitalización e revitalización do comercio local de Tui”. A subvención recibida forma parte da liña de Axudas para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles de comercialización do Ministerio.

Este proxecto contempla por unha parte a actuación en todo o entorno da praza de abastos e por outra parte unha serie de iniciativas concretas en formación, dixitalización e sensibilización para o comercio local.

Así porase en relación o edificio da praza de abastos co seu entorno, dotándoo de singularidade e espazos de lecer e esparexemento.

Na obra de humanización crearase unha nova praza urbana na traseira do edificio, que contará cun espazo interior cuberto – a executar na primeira fase – no que se poderán realizar eventos e actividades, e farase peonil un tramo da rúa Maristas. Ampliaranse as zonas verdes conectando a pequena zona boscosa existente nas inmediacións cun xardín a carón da praza, o que se reforzará coa plantación de árbores e a instalación de xardineiras na zona de aparcamento. Reconfigurarase esta zona destinada ao estacionamento dos vehículos trasladándose á zona leste, e se mellorará a dársena traseira de carga e descarga adaptando a súa altura para que poida ser empregada por furgonetas. Procederase amais á mellora das redes de pluviais, abastecemento e saneamento, ao tempo que toda a zona será moito máis accesible.

Esta segunda fase completa a posta en marcha dun conxunto integral de actuacións que comezará coa reforma integral do edificio. Esta obra sairá en breve á licitación, unha vez sexan aprobados en pleno os pregos técnicos.  Este proxecto suporá a transformación nun gran espazo público do entorno do Mercado Municipal apostando pola humanización das rúas perimetrais e do espazo de aparcamento da propia praza de abastos mellorando a calidade urbanística deste espazo.

O proxecto inclúe tamén a dixitalización e revitalización do comercio local dando continuidade ás actuacións previstas tamén na primeira fase neste ámbito. Así contémplase a posta en marcha dunha APP de fidelización ao comercio local, unha plataforma Smart City sobre hábitos de compra, a implantación de redes wifi nas zonas comercias, cartelería dixital con información comercial así coma unha diagnose e a elaboración dunha folla de ruta para mellorar a competitividade do sector comercial.  Por outra parte levaranse a cabo acción formativas en idiomas, inglés e portugués, e en economía circular. Na zona serán instalados cinco puntos de recarga para vehículos eléctricos nunha aposta pola sostenibilidade reducindo a pegada de carbono, o que irá en consonancia coa mellora da eficiencia enerxética ao instalar luminarias de baixo consumo.

Desta actuación beneficiaranse preto de 300 establecementos comerciais do municipio así coma os 140 postos do mercado semanal dos xoves.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que “actuación busca mellorar a relación do mercado co seu entorno, enriquecéndoo e dotándoo de singularidade ademais de integralo dentro do urbanismo da cidade”. A humanización desta zona xunto a reforma integral do propio edificio permitirán que o Mercado se converta  “nun punto referencial dentro do tecido comercial local”.  Deste xeito indica que se “recupera un ámbito urbano importante” o que “contribuirá a recuperar da potencialidade comercial tanto da praza coma do propio municipio”.

Concerto de Roberto Comesaña e Leni Pérez no esteiro da Foz

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de verán, ofrece este luns 7 de Agosto ás 21:00 horas no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz o concerto de Roberto Comesaña e Leni Pérez ‘De Ramo en Ramo’, título do seu primeiro disco conxunto. O reputado acordeonista de Priegue, gañador dun Grammy no 2016 con Cristina Pato, Ángel Pintos e Davide Salvado, une o seu talento ao da recompiladora, intérprete e folclorista Leni Pérez, moi coñecida pola súa intervención durante anos na TVG como especialista en folclore ou pola súa participación en grupos como Os Escaravellos ou Pelica de Can. Neste concerto, darán a coñecer ao público asistente un repertorio tradicional protagonizado pola voz, pandeiro e acordeón no que se porá en valor á figura de muller.

‘De ramo en ramo’

“De ramo en ramo” ve a luz a finais do 2022 despois de ofrecer unha serie de concertos xuntos no ano 2020. Os asistentes poderán gozar dunha escolma de cantares de tradición oral, tanto portugueses coma galegos. Cantares de berce, nadal, xotas, muiñeiras, pasodobres… melodías e letras herdadas de mulleres que gardaron na súa memoria o legado da nosa tradición oral. No concerto achégase unha visión actualizada deses cantares, cunha proposta músical que parte do respecto pola tradición achegándoa aos nosos días