Domingo, 20 Xullo de 2025

Esta semana participarán preto de 400 persoas no programa “En ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza os próximos días sete saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cangas, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Silleda, Tomiño e Covelo mobilizarán preto de 400 persoas (378 participantes, 54 cada entidade) para coñecer emblemas da provincia como o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, a illa de Tambo, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o barrio mariñeiro vigués do Berbés ou pasear pola ría de Arousa en barco.

Este mércores 23 de agosto a Asociación de Pensionistas de Ariño-Aldán sairá desde Cangas para coñecer o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera en Covelo e o Museo do Viño en Salvaterra de Miño.

A Asociación DOA Saúde Mental de Vigo e a Asociación de Mulleres Rurais de Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa realizarán o xoves 24 de agosto a ruta da cultura mariñeira, que inclúe unha visita ao Mosteiro de Poio, a illa de Tambo e o núcleo de Combarro.

O venres 25 de agosto sairán catro entidades da provincia con “En Ruta coa Depo”. A Asociación Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira de Redondela fará un percorrido pola ría de Arousa (illa da Toxa, paseo con degustación en barco e visita ao Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove). A Asociación de Veciños de San Miguel de Lamela sairá desde Silleda para coñecer a illa de San Simón, o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela. Pola súa parte, a Asociación Cultural Recreativa San Salvador de Sobrada de Tomiño visitará as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés (Vigo) e, por último, desde Covelo o Club Covelo de Patinaxe Artística coñecerá o parque natural do río Barosa en Barro, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, as fervenzas de Raxoi e Pedrafita e a área recreativa e praia fluvial de Valga.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

Punsetes volven por sorpresa ao Season Fest para celebrar o 5º aniversario

0

A organización do Season Fest vén de anunciar unha nova incorporación ao seu cartel, a banda madrileña de indie pop Los Punsetes. Esta é tan só unha das sorpresas que aínda quedan por desvelar e que irán completando a programación do festival que pechará o verán galego en Gondomar do 21 ao 24 de setembro.

Los Punsetes, cabeza de cartel do primeiro Season Fest, volven a Galicia para sumarse á celebración do 5º aniversario dun dos festivais máis atractivos do circuito musical galego. O banda presentará o seu último traballo en Gondomar, onde compartirá cartel con Iván Ferreiro, Xoel López, Triángulo de Amor Bizarro, a artista portuguesa Capicúa e grupos emerxentes do panorama indie de dentro e fóra de Galicia como Margarita Quebrada, Anabel Lee, Xenia, Firmado, Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo e Señora DJ.

Programación por días e un par de escenarios

O Season Fest, a un mes da celebración do festival e a falta de pechar os horarios dos concertos, descobre a programación por días que queda da seguinte maneira: o venres 22, Los Punsetes, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Visions of Johanna e Señora DJ; o sábado 23, Aeronave adolescente, Xenia, Margarita Quebrada, Anabel Lee, Triángulo de Amor Bizarro, Iván Ferreiro, Xoel López, Señora DJ e Divergente DJ; e o domingo 24, Capicúa, Firmado Carlota, Lusillón, Tarde a todo e Divergente DJ. Todas as bandas repartiranse entre os escenarios Vibra Mahou e Fest Galicia. Ademais, a organización adianta que o xoves 21 realizarase a apertura do festival, cun concerto exclusivo de Pablo Novoa con convidados sorpresa.

Entradas e abonos á venda

O público que queira asistir ao Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto. As e os menores de 14 anos acceden de balde.

O festival contará unha vez mais co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. 

Andaina infantil en Arbo

0

O Concello de Arbo organiza o sábado, 26 de agosto, unha andaina infantil para cativos de todas as idades.

Esta é unha iniciativa para promover o sendeirismo entre os nenos a idades tempranas. A “Andaina Infantil” é un roteiro guiado polos sendeiros e parques de Arbo, orientada a familias con nenos, para coñecer a contorna natural de Arbo dunha forma divertida e interactiva.

A saída da andaina será ás 10:30 horas desde a propia Casa do Concello de Arbo. No momento da saída repartirase avituallamento para todos os participantes. Todos os nenos teñen que ir acompañados dun adulto.

O prazo de inscrición xa está aberto e poderá facerse mediante unha dirección de enderezo electrónico [email protected] e no número de teléfono 639 82 94 45.

O Concello de Salvaterra e a ANPA Chan da Ponte organizan un obradoiro de intelixencia emocional

O Concello de Salvaterra de Miño, en colaboración coa ANPA Chan da Ponte do IES Salvaterra de Miño, lanzan un obradoiro dirixido a mozos de idades comprendidas entre os 15 e 21 anos baixo o título “Toma de decisións e intelixencia emocional”.

A través deste módulo práctico e dinámico búscase que os participantes aprendan a tomar decisións e a identificar emocións de xeito que adquiran as ferramentas necesarias para a xestión emocional que precisan no día a día.

O obradoiro, que é gratuíto, ten prazas limitadas polo tanto respectarase a orde de inscrición segundo recepción e impartirase na Casa do Conde en dúassesións no día 7 de setembro en horario de 9:15 a 14:00 h. Os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse antes do 28 de agosto a través do correo electrónico [email protected] indicando o seu nome, apelidos e teléfono.

O alcalde de Nigrán reúnese co representante de Aramark para falar dos menús escolares

0

A empresa Aramark será a que finalmente estree a cociña escolar municipal construída polo Concello de Nigrán no CEIP Humberto Juanes para elaborar os menús dos colexios públicos do municipio desde o vindeiro curso (todos agás o CPI Arquitecto Palacios e CEE de Panxón, que dispoñen de cociña propia). Trátase dun cambio histórico na alimentación dos escolares da localidade, que ata o de agora recibían a comida de caterings situados a centos de kilómetros (os colexios de Nigrán tiñan o pasado curso un total de 561 comensais asignados e desde a nova cociña poderían asumirse ata 1.000).

“Agora está nas mans de Aramark que haxa un salto de calidade e así nolo transmitiron eles tamén, desde o Concello dispuxemos de todos os medios para que así fose investindo 373.878 € na construción da cociña”, comenta o alcalde, Juan González. Para chegar ata este punto, a presión de máis dun ano de toda a comunidade educativa e do Concello traducíuse nuns novos plegos de concesión da Xunta que, ademais de recoñecer finalmente esta instalación como válida, redestribuíu os lotes para que a comida do CEIP Humberto Juanes, Mallón, Carlos Casares e Da Cruz (lote 21) se elabore exclusivamente aquí. “O investimento pagou a pena porque doutro xeito, sen mobilizarnos xunto á comunidade educativa, nada tería cambiado: seguiría a cociñar un catering ubicado a centos de kilómetros, como ata agora. O resultado non pode ser máis gratificante porque foron anos de loita conxunta en favor da saúde e o benestar das nosas crianzas. Este é parte do Nigrán para todos que buscamos”, resume González.

A nova concesionaria foi a gañadora de entre cinco empresas presentadas ao concurso público da Xunta, que partía dun prezo unitario de 5,83 + IVE. Así, descalificáronse as dúas que mellor oferta económica presentaran (4,45 € e 4,49 € respectivamente) ao considerar que realizaban unha baixa temeraria non xustificada e, finalmente, gañou Aramark cunha oferta de 4’77 €+IVE. Ademais, entre as cuestión que puntuaron favorablemente para esta empresa foi o compromiso de incluír produtos de tempada en todos os menús, que un 10% sexan ecolóxicos e que máis dun 50% dos proveedores sexan locais. “Transmitíronnos que a súa comida é sabrosa, variada, equilibrada e nutricionalmente idónea, así que aos nenos vailles gustar e van notar o cambio”, explica o alcalde, quen se reuníu esta semana co representante de Aramak en Galicia e a directora do CEIP Humberto Juanes para coñecer de preto as principais inquedanzas ou dúbidas.

“As expectativas son altas e están comprometidos a cumprilas, a alimentación das crianzas de Nigrán non é un asunto menor, por iso levamos anos de loita coa Xunta ata conquerir este resultado”, indica o alcalde, Juan González, quen recoñece que “a situación que había era insostible”. “As queixas eran fragrantes e tiñamos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios, e non estabamos dispostos a que se discriminase ao alumnado da ensinanza pública dentro dun mesmo municipio”, destaca.

“O propósito é a mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional, e cremos que a cociña do CEIP Humberto Juanes pode humanizar un servizo que estaba deshumanizado e que agora pode incluir platos que nin se podían polo transporte (100 km) e o horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”, sintetiza o rexedor.

Inaugurada a exposición “Fotografía Viva” na Casa dos Alonsos da Guarda

0

A pasada semana, na sala de exposición da Casa dos Alonsos, inaugurouse a exposición fotográfica “Fotografía Viva”, que poderase visitar ata o vindeiro 31 de agosto. Foi un acto sinxelo onde o público puido apreciar de cerca as propostas dos catro autores e conversar con eles.

Jaume Bonallach, Dionisio Ameal e José Carlos Castro (Lalo Rodríguez non puido asistir), coincidiron na idea de que a fotografía é un xeito de transmitir sensacións e mensaxes diferentes a cada persoa. Cada un amosa a súa visión, sexa en retrato ou paisaxe, empregando diferentes técnicas, o que aporta variedade e interese a esta ecléctica exposición.

Roberto Carrero, alcalde de A Guarda, manifestou o seu total apoio a este tipo de iniciativas poñendo en valor ao pobo da Guarda que ten una grande e variada canteira artística, como xa se ven amosando dende fai moitos anos, sendo obriga do Concello facilitar a labor dos artistas e darlles visibilidade con mostras coma esta.

VI concentración de Clásicos de Fiolledo en Salvaterra

A primeira fin de semana de setembro, a Asociación Cultural Club de Clásicos Fiolledo
Condado Paradanta organiza a sexta edición da Concentración de coches clásicos e
ruta “Clásicos Fiolledo” en Salvaterra de Miño.

A xornada dará comezo o 2 de setembro ás 09:00 da mañá coa recepción de coches no Parque da Canuda e ás 10:00 sairán os coches cara a ruta que parará para comer no
Restaurante Castelo e que despois seguirá o seu percorrido ata o Campo de Fútbol
de Corzáns onde haberá diferentes actividades, comida, música e sorteos.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de agosto e os interesados poderán
anotarse no teléfono 678 261 882 ou no correo [email protected].

O equipo de goberno de Salceda volve someter os seus salarios a Pleno

O equipo de goberno de Salceda de Caselas volverá someter o vindeiro luns a súa proposta de salarios ao Pleno da Corporación. Movemento Salceda presentou xa catro propostas de acordo reducindo en cada unha delas as contías a establecer como retribucións, e renunciando xa a calquera tipo de incremento con respecto ao 2019, incluído o do IPC. Así pois, o equipo de goberno presenta unha proposta de adicacións mantendo os importes da lexislatura anterior, cos salarios idénticos aos que aprobaron no bipartito co PSOE, propoñendo tres adicacións esclusivas, tal como lles permite a lei e existían xa no mandato anterior, e unha parcial, ademais do cargo de confianza.

Cabe lembrar que PSOE e BNG acordaron investir a Loli Castiñeira como Alcaldesa e negáronse posteriormente a entrar a formar parte do goberno, deixando unicamente ás catro persoas de MS á fronte do Concello, polo que o feito de contar só con catro persoas fai máis preciso que nunca a adicación de todos eles ao Concello para poder sacar o traballo adiante. As adicacións pasarían de seis no mandato anterior a catro neste, xestionando as mesmas áreas con menos xente.

Movemento Salceda pasou de propoñer un custo para o goberno de 135.999 € (un 20 % menos que na lexislatura anterior), a propoñer neste pleno un custo de 125.160 € (un 25 % menos que na lexislatura anterior), presentando xa a cuarta proposta aos grupos de esquerda en busca do seu apoio.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, apunta a que o “cumprimento do pacto investidura, os novos proxectos para a localidade, o dinamismo propio do noso municipio e o feito de que o goberno municipal só estea formado por catro persoas obrígannos a presentar esta proposta  de mínimos imprescindible para poder garantir a acción de goberno. Dous meses despois da investidura, Salceda é un dos poucos municipios que non ten aprobados os salarios do seu goberno. A esquerda sempre defendeu a dignidade salarial, polo que confiamos en que quenes nos investiron aproben esta cuarta proposta”.

Nigrán proxectará o martes a película ‘Padre no hay más que uno 3’

0

O Concello de Nigrán continúa un verán máis co ‘Cine na rúa’ proxectandode bale este martes 22 de Agosto (Praza do Concello, 22:00 horas) ‘Padre no hay más que uno 3’, película española de 100 minutos de duración dirixida por Santiago Segura e pensada para un público familiar.

Achégase o Nadal e a familia enfróntase a novas e divertidas peripecias. Os nenos rompen accidentalmente unha figura do Belén da colección de seu pai e deben conseguir por todos os medios unha igual, o problema é que é unha peza única de anticuario.

A Unidade Móbil de inspección técnica de ciclomotores estará na Guarda no mes de outubro

0

A Unidade Móbil 9 de inspección técnica de CICLOMOTORES desprazarase ao Concello de A GUARDA nas seguintes datas e ubicacións:

  • do 04/10/2023 ao 05/10/2023 Estación de Servicio San Roque (A Guarda).

O horario de atención será de 9:00 a 13:30 pola mañá, e de 15:15 a 18:00 pola tarde. O servizo prestarase en horario de mañá e tarde todos os días, agás:

  • 05/10/2023 que será horario só de mañá

Para solicitar cita previa:

  • Por teléfono: 902 30 90 00
  • A través da nosa páxina web: www.sycitv.com – Cita previa

NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Novena quenda dos campamentos na Lanzada de “Depo Aventura”

140 cativos de 30 concellos da provincia participarán desde este domingo 20 de agosto nos campamentos “Depo Aventura” da Deputación de Pontevedra na Lanzada (O Grove). Nesta novena quenda, cunha duración de seis días, a rapazada asistirá a múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal coas que tamén coñecerán lugares afastados da súa contorna habitual.

Nesta novena quenda de “Depo Aventura”, as 70 nenas e 70 nenos (todos nados entre os anos 2010 e 2015) proceden de Vigo (42), Pontevedra (19), Marín (6), A Guarda (6), Cangas (5), A Estrada (5), Tui (5), Vilanova de Arousa (4), A Illa de Arousa (4), Redondela (4), Mos (4), O Rosal (4), Lalín (4), Fornelos de Montes (3), O Porriño (3), Cambados (3), Baiona (3), Tomiño (2),  Caldas de Reis (2), As Neves (2), Bueu (1), Moraña (1), Moaña (1), Cerdedo-Cotobade (1), Pazos de Borbén (1), Sanxenxo (1), Mondariz (1), Mondariz-Balneario (1), Ponteareas (1) e Soutomaior (1).

A Deputación ofrece á cativada un programa de actividades que, baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, está destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna. Ademais, os participantes escollerán a mascota oficial do programa (que se converterá na súa imaxe na próxima edición) e desfrutarán de excursións relacionadas coa natureza e o coidado do medio ambiente.

Nesta edición de “Depo Aventura”, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia divididos en once quendas.

O XI Certame de Pintura Antonio Fernández anegará de arte a Eurocidade Cerveira-Tomiño este domingo

O certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández chega á súa undécima edición este domingo e faino, como cada ano, convocando a máis de medio cento de artistas para pintar en vivo as paisaxes miñotas de Goián e Cerveira. Unha actividade única na que os lenzos e os cabaletes toman as rúas e camiños destas dúas localidades para que decenas de artistas pinten simultaneamente desde as dúas beiras do Miño.

O certame celebrarase este domingo, e nel participan os artistas previamente inscritos nalgunha das tres categorías: adultos, xuvenil (de 13 a 17 anos) e infantil (de 6 a 12 anos). O tema será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano, e cada participante inscrito recibirá un mapa coa zona na que debe pintar. O procedemento e a técnica serán libres.

A obra realizarase in situ, ao aire libre, e do natural (non se permite a utilización de fotografías). As persoas inscritas deben presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián (Tomiño), co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. O fallo emitirase o domingo ás 18.30 horas (17.30 horas en Portugal) e repartiranse máis de 2.600 euros en premios entre as tres categorías. O Certame de Pintura Antonio Fernández conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira.

Salvaterra avanza cara a ampliación do taboleiro da ponte internacional

O Boletín Oficial do Estado, con data do 17 de agosto de 2023, vén de publicar a resolución que permitirá á Xunta de Galicia e ao Goberno Portugués iniciar os trámites para a elaboración do proxecto de evaluación técnica e de custos da amplicación do actual taboleiro da Ponte Internacional Suso Vaamonde.

O proxecto, enmarcado dentro do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible e o Plan de Movilidade Urbana Sostible do Concello de Salvaterra de Miño, posibilitará a instalación dun carril bici e peonil na ponte que une Salvaterra de Miño con Monção.

Dita resolución chega despois de anos traballo conxunto cun protocolo asinado o 28 de outubro de 2021 na cumbre España-Portugal e de acordo co asinado o 15 de marzo de 2023 na cumbre España-Portugal de Lanzarote. Agora España da luz verde para que se poida iniciar a elaboración dun proxecto ambicioso que mellorará a accesibilidade sustentable e a seguridade entre a Eurocidade Salvaterra – Monção.

Tui procede á renumeración dos inmobles do termo municipal

0

O Concello de Tui está procedendo á renumeración dos inmobles do termo municipal, un cambio co que se pretende pór fin aos problemas que se rexistraban até a actualidade tanto no referido á denominación coma a numeración das vivendas e fincas, e tendo en conta a importancia que para a veciñanza ten que tanto os nomes das rúas coma a numeración das vías sexa a correcta. Este cambio foi aprobado de forma definitiva en pleno o 24 de novembro de 2022.

Neste momentos unha empresa contratada polo Concello está a colocar en todo o termo municipal, agás no centro urbano, as placas identificativas co nome do barrio ou rúa e o número correspondente. Este proceso é totalmente gratuíto para os veciños e veciñas, que o único que deben facer é facilitar a colocación da mesma por parte dos operarios da empresa contratada. Para proceder a este labor dende a empresa estase a contactar coa veciñanza para proceder á instalación da sinalada placa. Aquelas vivendas onde se produce un cambio na numeración están a recibir unha notificación por parte do Concello.

O que si terán que facer os veciños, aos que lles mude o seu enderezo é informar do cambio ás empresas de subministros de luz, auga, telefonía,.. así coma aos distintos organismos coma Axencia Tributaria, Xefatura de Tráfico, Seguridade Social, SERGAS… ou outros organismos e entidades que teñan que ser coñecedores do seu enderezo. O Concello realizará automaticamente o cambio no padrón e no catrastro.

A nova numeración pódese consultar na web municipal ou na sede electrónica no apartado 13 de Padrón e Demarcación Territorial na Área de Transparencia  ou presencialmente na Secretaría na casa do concello.  No documento denominado “Distribuidor” débese localizar o mapa correspondente ao inmoble e descargar logo plano correspondente onde ven sinalizada a nova numeración e entre parénteses a antiga.

O Porriño instala unha pantalla xigante para ver a final do Mundial Feminino de Fútbol

O Concello do Porriño únese á celebración do pase de España á final da Copa Mundial Feminina da FIFA e instalará unha pantalla xigante no centro da vila para que todo aquel que o desexe poida seguir en directo o encontro.

Será o vindeiro domingo, 20 de agosto, ás 12.00 horas. Sentados na Praza Arquitecto Antonio Palacios, os espectadores presenciarán este partido de fútbol inédito entre España e Inglaterra que se disputará no Stadium Australia de Sidney.

É a primeira vez que ambas seleccións chegan a unha final do Mundial. As españolas, entre as que se atopa a pontevedresa Teresa Abelleira, lograron o pase logo de vencer 2-1 a Suecia e as inglesas fixérono impoñéndose 3-1 ao equipo local, Australia.

Nigrán facilita autobuses lanzadeira para o concerto de Wilco no pazo de Urzáiz

0

O Concello de Nigrán facilitará autobuses lanzadeira para o concerto de Wilco deste domingo 20 de agosto unindo desde as 18:45 horas e ata as 21:30 horas Porto do Molle (rúa das Pontes, ao carón do edificio tecnolóxico) co Pazo de Urzaiz, a 2’5 km de distancia. O recinto do concerto só disporá de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e, ademais, son as festas patronais das Angustias a escasos metros, polo que desde o Concello recomendan a os asistentes que opten por esta solución. “É o concerto multitudinario máis agardado do verán, con máis de 3.500 entradas vendidas, e un fito no Espazo Fest, así que desde o Concello queremos colaborar a que a experiencia sexa redonda e que o aparcamento non sexa un problema”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que o retorno será a partir das 00:30 horas.

Este é o único espectáculo que os de Chicago ofrecerán en Galicia este ano presentando o seu último traballo, “Cruel Country”, un disco no que volven ás súas orixes e abrazan a música tradicional sen complexos. A velada coa banda de Jeff Tweedy en Espazo Fest comezará ás 19.30 horas coa apertura de portas do Pazo de Urzáiz que irá recibindo aos miles de fans que prometen encher un espazo tan máxico como este. E ás 21.00 horas Tré Burt actuará como teloneiro para que Wilco salte ao escenario ás 22:30 horas para ofrecer un directo co que moitos soñan desde o mesmo día do anuncio (aínda quedan algunhas poucas entradas á venda a través de teuticket).

Wilco é unha banda de rock alternativo de Chicago, Illinois, Estados Unidos, formada en 1994 polos membros restantes da banda de country alternativo Uncle Tupelo pouco despois da marcha do cantante Jay Farrar. Wilco sufriu diversos cambios desde a súa formación, con só o vocalista e compositor Jeff Tweedy e o baixista John Stirratt como membros fixos da banda desde os seus inicios. Desde principios de 2004, o resto da banda consta do guitarrista Nels Cline, os multiinstrumentistas Pat Sansone e Mikael Jorgensen e o batería Glenn Kotche. Wilco lanzou ao mercado oito discos de estudo, un álbum en directo e tres colaboracións: dous con Billy Bragg e un con The Minus 5.

Dise que poucas bandas combinaron de mellor forma tradición e vangarda desde as trincheiras do rock de raíz norteamericana que os de Chicago. A banda, comandada por Jeff Tweedy desde mediados dos anos noventa, loce nos seus historial discos tan excepcionais como “Summerteeth” (1999), “Yankee Hotel Foxtrot” (2002) ou “A Ghost Is Born” (2004). Cegadores traballos todos eles que fixeron historia e que marcaron un antes e un despois no curso do rock norteamericano.

Avanzan os trámites para a rehabilitación da nave de Aceros del Tea

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou esta semana o proxecto de equidistribución do Polígono Único da área de reparto AR-10 do PXOM de Ponteareas, é dicir, dos terreos que corresponden á nave de Aceros del Tea.

Esta publicación é un paso xigantesco no avance da obra de rehabilitación xa que sen a titularidade dos terreos non se poderían comezar os traballos recollidos na licitación, da cal remata o prazo de presentación o 29 de agosto.

O actual goberno atopou este proxecto (que se iniciou no ano 2016 no mandato do bipartito) totalmente atascado e sen unha liña direccional clara. A obra, que conta co financiamento de fondos europeos EDUSI, estaba paralizada e dende o goberno garanten que “esta tarefa é a nosa prioridade en materia de Urbanismo, hai moito diñeiro en xogo que non podemos deixar perder pola inacción doutros” explica a alcaldesa, Nava Castro.

“Todos os folgos deste equipo de goberno estarán postos na rehabilitación desta nave, para ofrecer aos habitantes de Ponteareas o espazo que tanto tempo levan requirindo” sinala Silvia Fernández, concelleira de Urbanismo.

Unha vez remate o prazo de exposición pública e os terreos pasen a ser titularidade municipal e tamén se resolva a adxudicación da licitación poderase dar comezo ao inicio das obras.

“Imos contra reloxo, pero garantimos que axilizaremos ao máximo os prazos para conseguir financiar a maior parte do proxecto” aseguran dende o Concello.

O Entroido de Redondela coa igualdade

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, xunto con representantes dos corpos e forzas de seguridade e empresa Forox Innovación (coordinadores dos puntos violetas), reuníronse no Concello con empresarios da hostalaría e o ocio nocturno da vila. Na xuntanza informaron aos establecementos da campaña “Espazo libre de violencias machistas” que se reforzará para o Entroido de Verán e que ten vocación de manterse no tempo en todos os locais.

A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a boa acollida que tivo esta campaña entre os locais de hostalaría e ocio nocturno, xa que todos os establecementos da vila se suman a esta iniciativa. Tanto nas barras do propio recinto como no resto de locais de Redondel estará exposta a información de “Espazo libre de violencia machista” co teléfono de atención 112. Os hostaleiros comprométense a prestar axuda a posibles vítimas de agresións machistas, ofrecerlles un lugar seguro e contactar cos servizos de emerxencias.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, lembra que o Entroido de Verán de Redondela “foi dende sempre un espazo de diversión e expresión libre e queremos que todos e todas poidan desfrutar en igualdade de condicións”. A campaña “Espazo libre de violencias machistas” ponse en marcha “coa intención de extendela no tempo e a todos os espazos de ocio do Concello de Redondela para facilitar as instrucións de actuación e sensibilizar á cidadanía e ás e aos axentes implicados”, explica Vilaboa.

En festas como a que se celebra en Redondela na tarde e noite do sábado, o consumo de sustancias está presente nos espacios de ocio nocturno o que supón “un factor de risco engadido que, ademáis de dificultar a resistencia ante as agresións sexuais polos efectos inhibidores dos mecanismos de defensa, pode ser utilizado como unha excusa ante un comportamento agresivo” advirte a concelleira de Igualdade.

O Entroido de Verán contará cun Punto Violeta no Hospital de Campaña instalado na Praza do Concello, e outro Punto Violeta Itinerante con dúas Axentes de Igualdade percorrendo todos os espazos da festa. Estarán en funcionamento desde as 18.00 horas do sábado ata as 04.00 horas do domingo. A campaña pretende sensibilizar ao público de todas as idades dentro das medidas de prevención da violencia machista que desenvolve o Concello. 

Os Puntos Violeta desenvolven unha importante labor “non só na atención a posibles vítimas de agresións sexistas, senón tamén para sensibilizar á mocidade sobre a importancia da igualdade e o respecto ás mulleres”. Iria Vilaboa explica que “a tolerancia ante as agresións de baixa intensidade (comentarios sexuais incómodos, insultos, tocamentos non consentidos, insistencias ante unha negativa…) adoitan ser uhna fase previa á agresión sexual socialmente recoñecida como pode ser  unha violación ou unha agresión física. A normalización deste tipo de situación fai que, en ocasións, o público que presencia esas escenas non considera preciso intervir. Por iso consideramos moi necesario achegar todos os recursos dos que dispoñemos para concienciar as persoas que o noso Concello é un espazo libre de todo tipo de violencias”. Por iso a campaña non vai dirixida só a posibles vítimas senón tamén a calquera persoa que poida presenciar comportamentos machistas ou agresións”. Os carteis informativos lembran a importancia de que toda a sociedade actúe e ofrecen o teléfono do Servizo de Emerxencias 112 e o do Punto Violeta Itinerante 663715923.

Na Alameda Castelao instalarase unha pantalla xigante con videos da campaña e no recinto da festa emitiranse audios lembrando a información aos asistentes.

Reforzo da seguridade

O Entroido de Verán  conta cun protocolo de coordinación tanto en materia de seguridade, como de sanidade e emerxencias. O dispositivo sanitario contará cun Hospital de Campaña na Praza do Concello con presenza de Protección Civil. O dispositivo de seguridade reforza os efectivos tanto de Policía Local como de Policía Nacional, así como axentes de seguriade privada nos accesos ao recinto de concertos no Campo da Feira para controlar os accesos e evitar a entrada de vasos ou botellas de vidro.

Vista da concelleira de Deportes ao campus “Flag-Football” de Baiona

0

A concelleira de Deportes do Concello de Baiona, Ana María Iglesias Rodríguez, realizou no día de onte unha visita ao Campus de Fútbol Americano “Flag-Football”, que se celebra ao longo desta semana nas instalacións  do campo de fútbol do Aral-Fontiñas.

O corpo técnico que imparte o campus está formado por adestradores titulados pola USA Football e a NFHS. Como actividades complementarias os nenos participantes poderán interactuar con xogadores en activo da Liga Nacional de Fútbol Americano. Tamén realizarán visitas á praia e moitas outras sorpresas.

Cine na rúa este domingo en Barcia de Mera, Covelo

0

Este domingo día 20 as pistas deportivas de Barcia de Mera, en Covelo, acollerán unha nova sesión do cine na rúa enmarcada na programación Verán Cultural. Ás 22 horas comezará a proxección da película Spirit o corcel indomable. Unha película dirixida por Kelly Asbury e Lorna Cook e coas voces de actores como Matt Damon, James Cromwell, Chopper Bernet, Charles Napier, Zahn McClarnon ou Adam Paul.

Spirit é un cabalo salvaxe que naceu nas pradeiras virxes do Oeste Americano, coincidindo xusto cos primeiros anos da Conquista. Durante a súa infancia non coñeceu máis que xogos e aventuras, descubrindo con asombro a inmensidade, os infinitos recursos e a beleza maxestosa da súa terra natal. Agora que é adulto, converteuse no líder da súa manda. Todo cambia unha noite, no momento no que Spirit se atopa con Home. O cabalo é entón capturado por un coronel que o tentará domar.

Gastronomía e música pechan este sábado a Festa do Miño

0

Tui vivirá este sábado a Festa do Miño que se pechará a partir das 20 h na rúa Compostela coa Festa Gastronómica, nun evento que volverá a congregar a centos de persoas nesta céntrica rúa.

As asociacións culturais Seixos Albos de Areas, Traxe Tradicional de Tui, Xuntanza de Randufe, Aloia de Pazos de Reis, Arume de Malvas, Cristo da Agonía de Baldráns, Darraia, Laxes de Paramos, Lembranzas da Terra de Guillarei, Muiñeiros do río Tripes, O Mosteiro de Pexegueiro, San Roque e San Bartolomeu, San Fins de Rebordáns e Santa Columba de Ribadelouro serán as encargadas das distintas elaboracións de pratos tradicionais da nosa gastronomía.  O menú que ofertarán será amplo dende tortillas, empanadas, empanadillas, bocadillos, chouripan, xamón asado, callos, zorza, orella, croquetas,  paninis ou paella… Nas preparacións doces haberá biscoitos, filloas, torta da avoa, rosquillas, tartas de queixo, tres chocolates, de cenoura, de améndoa, de mazá,  leite fritida, bica, arroz con leite, cremoso de millo, flan de café, chulas de cabaza …entre moitas outras. Os prezos oscilarán entre 1 € e os 4 €.

Non faltará a animación na rúa Compostela. Dende ás 19.30 h Troula Animación con ‘Rufina e Benito’ percorrerán a festa coa súa alegría e ritmo cun carro xigante da compra.  Latexo Percusión fará un pasarrúas ás 20.30 h e outro ás 22 h cun espectáculo de animación único, dinámico e versátil. A súa percusión, baseada na batucada brasileña, transportaranos a distintos lugares do mundo con ritmo e movemento.   A festa está tamén garantida nos pasarrúas da electrocharanga Mekanika Rolling Band, que actuará ás 21.15 h e ás 22.45 h, interpretando cancións  de rock and roll, ska e reggae e temas propios coma “Maruxaina”

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosa o seu agradecemento ás catorce asociacións participantes neste evento, ao tempo que salienta que a Festa do Miño é “un día grande, un día de festa en Tui”.  Tamén explicaba coma este ano optouse por  pasarrúas musicais ao longo do recinto festivo, máis que por un gran concerto coma noutras edicións, propiciando así a interrelación do público coa música nun evento cun marcado carácter social e festivo.

Coa Festa Gastronómica concluirá unha xornada festiva que arrancará ás 12 h na ribeira de Caldelas coa romaría popular. Dende aquí sairá ás 16.00 h o Descenso Popular do Miño con máis de 500 persoas inscritas. Ás 18.30 h dende Salvaterra sairá o Descenso Internacional do Miño, coa participación de 48 clubs e máis de 500 padeeiros e padeeiras. A entrega de premios está prevista para ás 20 h na rúa Olímpicos Tudenses.

Avisos tráfico

Debido á celebración da Festa Gastronómica dende mañá venres ás 8 h até o domingo ás 8 h estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar na rúa Compostela no tramo comprendido entre as rúas Ourense e Betanzos.  Amais o sábado dende ás 8 h non se poderá circular nin estacionar na rúa Mondoñedo no tramo comprendido entre as rúas Lugo e Irmáns Maristas.

Festa do Miño

Programa

  • Ás 12 h na ribeira de Caldelas Romaría popular
  • ÁS 16 h saída do Descenso Popular do Miño dende a Ribeira de Caldelas
  • Ás 18.30 h saída do Descenso Internacional do Miño dende Salvaterra
  • Ás 20.00 h Festa Gastronómica na rúa Compostela 
  • Coa participación das asociacións culturais Seixos Albos de Areas, Traxe Tradicional de Tui, Xuntanza de Randufe, Aloia de Pazos de Reis, Arume de Malvas, Cristo da Agonía, Darraia, Laxes de Paramos, Lembranzas da Terra de Guillarei Muiñeiros do río Tripes, O Mosteiro de Pexegueiro, San Roque e San Bartolomeu, San Fins de Rebordáns e Santa Columba de Ribadelouro. 
  • Actuación de
    • Ás 19.30 h Troula Animación con Rufina e Benito
    • Ás 20.30 h Latexo Percusión
    • Ás 21.15 h Mekanika Rolling Band
    • Ás 22.00 h Latexo Percusión
    • Ás 22.45 h Mekanika Rolling Band

“Bosques terapéuticos” remata esta fin de semana

A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana a actual edición do programa “Bosques terapéuticos”, co que a institución provincial promove actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou ‘baño de bosque’. O programa finaliza tras ter esgotado as prazas de todas as actividades e cun balance de 570 persoas que participaron nas 38 rutas ofertadas en sete paraxes situados en Marín, Vilaboa, Poio, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vigo e Meis.

“Bosques terapéuticos” rematará esta fin de semana coas dúas últimas quendas previstas no seu calendario, o sábado 19 na parroquia de Bembrive (Vigo) e o domingo 20 en Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, concretamente polo río Eifonso e a ponte colgante do Lérez, respectivamente. Ambas as dúas comezarán ás 10:00 da mañá, participarán 15 persoas en cada unha e terán unha duración de arredor de hora e media. Nelas mesturarase exercicio, cultura, historia e saúde para desfrutar destas contornas naturais. 

A senda do río Eifonso discorre por Bembrive (Vigo). O río nace no Monte das Lagoas e ábrese camiño entre o val, pasando aos pés da Capela de San Cibrán. O seu descenso vertixinoso converte as súas correntes en fervenzas como a de Bouzafría e dá orixe a varios muíños de auga nas súas dúas ribeiras. Esta ruta foi integrada en 2016 no Parque Botánico Arco da Vella.

O itinerario da ponte colgante do Lérez, de 2,5 quilómetros de lonxitude polos municipios de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, desenvólvese nun enclave natural e histórico que posúe unha das concentracións de petróglifos da Idade do Bronce máis asombrosa de Europa. O espazo natural coincide con coutos pesqueiros do río e algúns afluentes como o Almofrei. Ademais neste val, que forma parte da Rede Natura 2000, existen numerosas áreas recreativas fluviais e traxectos polos que discorren pontes e muíños.

O Concello de Nigrán colabora coa Festa das Angustias

0

O maior desfile de ‘Xigantes e Cabezudos’ que se recorda na Historia do Concello de Nigrán abrirá este venres 18 de agosto ás festas de As Angustias, que se extenden ata o domingo no devandito torreiro. Isto é posible grazas a Nuria Zúñiga e ao seu pai Aníbal, que o ano pasado se propuxeron recuperar esta tradición restaurando as catro cabezas das que dispuñan na ‘Asociación Cultural As Angustias’ (un pallaso, unha anciana, un popelle e un diaño) e, neste ano, redobraron a súa aposta ao realizar durante todo o verán un obradoiro infantil do que xurdiron unha decena de animais. A estas novas pezas e ás vellas se sumarán tamén o touro e o anano propiedade do Concello de Nigrán e que tamén repararon altruístamente. En total, serán quince cabezas e ous dous xigantes de sempre (estes estrearán vestimenta) e partirán ás 19:30 horas desde a Praza do Concello cara o torreiro xunto á treboada ‘Son Galego de Donas’.

“Desde o Concello de Nigrán estamos comprometidos coa preservación das nosas tradicións e unha delas é esta, que estaba xa case perdida”, sinala o alcalde, Juan González, quen facilitou desde o Concello a promoción do obradoiro nos colexios CEIP Humberto Juanes (Nigrán) e CEIP da Cruz (Camos) achegando unha treboada para a ocasión. A maiores, a través do programa municipal ‘Música nas Parroquias’, que se financia a través da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o consistorio achega 4.000 € á Comisión de Festas das Angustias para contratar as bandas de música do sábado e domingo ás 10:30 horas (Banda de Música de Arcade e Belesar, respectivamente).

“O ano pasado restauramos ás catro cabezas que tiñamos e lle fixen unha de oso panda á miña filla para volver a desfilar cos dous xigantes despois de catro anos de parón”, explica Nuria Zúñiga, profesora de música e ‘manitas’ e quen herdou esta afición do seu pai Aníbal (presidente da comisión de festas) e lla transmitíu aos seus dous fillos. “A cabeza que lle fixen a India gustou tanto aos rapaces que se nos ocurríu facer este obradoiro e funcionou de marabilla, con dez familias de Nigrán apuntadas para realizar cadansúa peza”. O resultado foi un ‘arca de Noé’ composta por koalas, osos panda, gatos, elefantes, leopardos e cans que botarán a andar o venres grazas aos corpos de nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

“O traballo parte dun globo e a partir de aí se lle pega papel e cola para darlle voume e cartón e máis papel para outorgarlle formas, ao final se lle engade papel hixiénico e cola para alisar e se pintan”, explica Nuria, quen admite que o principio non foi nada fácil. “Os globos desinfláronse pola calor e practicamente tivemos que ‘revivir’ as caretas para recompoñer a forma, pero logo todo foi sobre rodas”. “O ano que ven queremos repetir o obradoiro porque é o mellor xeito de manter viva esta tradición e de que sexamos unha gran comparsa en Nigrán”, sinala esta filla e nai de ‘cabezudos’ das Angustias.

Festa das Angustias

A festa das Angustias arranca o venres 18 de agosto co desfile e posterior tirada de fogos ás 20:00 horas para continuar cunha festa DJ desde as 22:00 horas. O sábado 19 sigue coa Banda de Música de Arcade ás 10:30 horas e pola noite coa verbena a cargo de Galia e Alaska. O domingo remata coa Banda de Música de Belesar (10:30 horas) e pola noite coas orquestras Ritmo e Furia Joven.

Comeza en Salvaterra o primeiro obradoiro do Programa Xuntas

Onte comezou, na Biblioteca Municipal de Salvaterra de Miño, o primeiro dos obradoiros que se imparten dentro do Programa “Xuntas”, unha iniciativa conxunta cos concellos de Salceda e As Neves cofinaciado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O programa dirixido a tódalas mulleres desenvolverase durante as próximas semanas a través de asistencia psicolóxica, asesoramento xurídico, inserción laboral e obradoiros.

O luns 21 de agosto será o seguinte obradoiro “O arte no camiño de empoderarte”, ás 10:00 horas, na Biblioteca e o xoves 24 a cita será no Espazo Lúdico Termal de Teáns – Oleiros, ás 10:00 horas, onde realizarán un exercicio terapéutico e de saúde. Para máis información sobre estas actividades poden dirixirse ó teléfono 685 211 882.

Obradoiro infantil de cociña, este sábado, no Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 19 de agosto ás 11:30 horas no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil de cociña para recuperar a tradición da queixería da fortaleza na época da súa dona María Vinyals (finais do século XIX e principios do XX). A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, ten as prazas esgotadas.

A proposta consistirá nun taller no que a rapazada aprenderá a elaborar manteiga e queixo fresco cunha receita tradicional. No primeiro caso, os monitores iranlles guiando na forma de bater a nata ata separala, darlle forma e aromatizala para elaborar a manteiga. No que atinxe ao queixo, axudaranlles no proceso de ferver o leite con vinagre e sal para logo, unha vez callado, botalo nun pano e darlle forma. Todos os participantes poderán levar unha porción de manteiga ou o seu queixo para degustalo na casa. O taller está impartido pola empresa ‘Donde viven los Cuentos’.

“Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior” é unha programación de 30 actividades con visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, aos xogos tradicionais, os oficios artesanais, os seres mitolóxicos ou tradicións como os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse 360 prazas e neste momento tan só quedan entradas dispoñibles para a celebración do Magosto prevista o sábado 4 de novembro.

Ademais de “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, a Deputación organiza este ano 68 sesións de visitas guiadas todos os luns e os venres ata finais de agosto. Tamén se celebrarán versións temáticas por Samaín en outubro (para persoas adultas os venres e os sábados de todo o mes, e infantís os sábados e os domingos) e polo Nadal (do 6 ao 10 de decembro). As entradas para todas as actividades están dispoñibles en entradas.castelodesoutomaior.com, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €), e cada actividade conta cun total de 30 prazas.

A Policía Local de Mos realizou unha campaña de control das tarxetas para estacionamento en prazas de mobilidade reducida

0

A Policía Local de Mos informa de que foron retiradas durante o primeiro semestre deste ano 2023 un total de 35 tarxetas de estacionamento en zonas acoutadas para persoas con mobilidade reducida por uso fraudulento.

Así, a Policía Local mosense vela por un uso correcto e adecuado das prazas e tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, comprobando que o vehículo ten a correspondente tarxeta e que o titular se atopa no interior do vehículo á chegada ou á saída da praza reservada.

Durante os primeiros seis meses do presente ano 2023, os axentes detectaron gran cantidade de tarxetas que estaban a ser utilizadas de forma fraudulenta por familiares, amigos ou coñecidos do titular da mesma, sen que este estivese presente, e mesmo ás veces o titular xa falecera. Tratándose este dun feito sancionable, polo que se denunciou aos infractores e retiróuselles a tarxeta, remitindo o informe por uso fraudulento ao organismo emisor correspondente.

Tamén se detectou o uso regular de tarxetas fotocopiadas ou reproducidas dixitalmente, o que está expresamente prohibido, e pode ser constitutivo dun delito de falsidade documental.

Desde xeito, a Policía Local de Mos quere facer un labor de concienciación e sensibilización lembrando que, estes estacionamentos non son un privilexio, son unha necesidade; e os infractores deben poñerse na pel de quen ten a necesidade de utilizar estas prazas debido ás súas limitacións de mobilidade.

Crecente gozará dunha fin de semana musical coa Deputación

0

Esta fin de semana chega cargada de música ao Concello de Crecente, que desfrutará de dúas actuacións da man da Deputación de Pontevedra. Por unha banda, a cantante Erea Castro ofrecerá un concerto este venres 18 de agosto ás 22:00 horas na praza do Concello, enmarcado no programa provincial “Musigal”. Pola outra, o ciclo provincial “Música no Ar” propón este sábado 19 de agosto un recital a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo na Igrexa de San Pedro de Crecente, ás 20:00 horas. Ambas as dúas actuacións son gratuítas.

No caso do recital de Erea Castro, esta cantante de Salvaterra propón unha fusión entre a sonoridade do fado, o folclore miñoto e os ritmos latinos. A artista reivindica a través da súa música a cultura dos espazos transfronteirizos, froito dunha formación na que creceu escoitando a constante mestura musical entre España e Portugal. Nos últimos anos ten compartido escenario con referentes da música lusa como Marco Rodrigues ou José Cid. A banda que a acompaña está formada por recoñecidos músicos portugueses, entre eles Pedro Viana, Bernardo Viana, Frederico Gato, Sertorio Calado e Valter Rolo. A súa actuación está financiada polo programa “Musigal”, que busca contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e mais fomentar o uso e a normalización social da lingua.

Ademais, “Música no Ar” chega a Crecente coa proposta de Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo. O espectáculo que ofrecerán o sábado leva por título ‘Cantares de lúa’, e reúne poemas de autores como Curros Enríquez, Rosalía de Castro ou Gabriela Mistral, musicados por compositores como José Baldomir ou Juan Durán. Este programa da Deputación está a levar este verán quince actuacións de música clásica e de cámara a espazos singulares da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castrelos, pazos ou fortalezas.

A mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo acumula unha extensa traxectoria profesional como cantante lírica e directora coral, coroada no 2015 coa Medalla de Prata Galega Destacada 2014. Ten dado recitais por toda a xeografía española e parte de Europa e participou nas temporadas líricas nacionais, cantando en teatros de España como o Liceo de Barcelona, o Palacio Euskalduna de Bilbao, o Teatro de la Zarzuela de Madrid, o Palau de la Música de Valencia, o Auditorio de Galicia en Santiago ou o Teatro Afundación de Vigo, xunto a recoñecidas voces internacionais como Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Mariola Cantarero, Zapata, Fiorenza Cedolins, Gregory Kunde, Daniela Barcelona, entre outros.

O pianista redondelán Alejo Amoedo está especializado no repertorio de compositores galegos. Doutor pola Universitat Politècnica de Valencia, ten editado varios traballos discográficos, nos que destaca a ‘Antoloxía de compositores galegos’ ou ‘Cantos á natureza’. É catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, que ensina no Conservatorio Superior de Música de Vigo. É membro fundador da Irmandade da Música Galega, que ten como obxectivo a preservación e divulgación da música galega, e tamén integrante da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.

Despois deste recital, o programa “Música no Ar” continuará o 24 de agosto no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas e o día 27 na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei. En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no Santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).

Comezan os traballos de impermeabilización da fachada traseira do C.E.I.P. Fontes-Baíña

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Educación, deu comezo os traballos de impermeabilización da fachada traseira do C.E.I.P. Fontes-Baíña.

O centro escolar vén sufrindo problemas de humidades e filtracións na fachada traseira do edificio por mor de tratarse da zona que soporta con maior fustrigación as choivas,  polo que a intervención céntrase en repoñer os danos e protexer o centro fronte ás condicións climáticas adversas. Para iso, procederase á apertura das gretas nos dinteles das xanelas afectadas e as unións das xuntas do ladrillo na parte superior das mesmas. Trátase dunha reparación de gretas e rejunte do morteiro do ladrillo caravista mediante a aplicaciónn de morteiro sen retaracción deixando a superficie completamente saneada. Así mesmo, procederase á aplicación dun produto hidrófugo a todo o pano do ladrillo caravista tratado. En canto á zona de pintura, procederase tamén á reparación das gretas e fisuras mediante morteiro sen retracción. Sumado a isto, procederase   á aplicación dunha man de imprimación para mellorar o agarre das pintura e aplicaranse dúas mans de pintura elástica en cor branca a todo o pano tratado, para finalizar as actuacións coa selaxe a carpintería de aluminio polo exterior. Trátase duns traballos de impermeabilización moi importantes que poñerá fin a esta problemática reducindo a humidade nesta área do edificio. Esta mellora da edificación do colexio supón un investimento de fondos propios da Concellería de Educación de contorna a 4.500 euros.

A nova concelleira de Educación do Concello de Baiona, Nuria Leyenda Gómez, recentemente chegada ao cargo, reuniuse co equipo directivo do centro educativo para coñecer de primeira man as necesidades do colexio.  

As obras que se están executando responden a continúalas demandas por parte da dirección do colexio e do seu consello escolar a esta problemática.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Alumíña, indicou que “esta actuación, da que se beneficiarán os preto de 100 alumnas e alumnos matriculados neste centro, enmárcase na política de conservación e mantemento dos colexios públicos de propiedade municipal do novo equipo de goberno que xa está a poñer en marchase varias actuacións nos centros educativos de fronte ao comezo do novo curso escolar en setembro”.

O Concello de Covelo ofrece apoio ás familias para conciliar a primeira semana de setembro

0

O Concello de Covelo informa que ten aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación dirixido ás familias con nenos de 3 a 12 anos para cubrir a súa atención matinal na semana do 1 ao 8 de setembro.

Todas aquelas familias que teñan dificultade en conciliar a vida familiar e laboral na primeira semana de setembro poderán inscribirse neste servizo que atenderá ás pequenas e pequenos de 08:30 a 14 horas. O prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de agosto. As persoas que desexen asesoramento deberán contactar cos servizos sociais municipais no número de teléfono 986 65 00 27 extensión 3.

Esta actividade está financiada pola Deputación de Pontevedra e por fondos procedentes do Plan Corresponsables da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, do Ministerio de Igualdade e da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

A Xunta pon un servizo especial de autobuses ao Entroido de Verán de Redondela desde Vigo, O Porriño e Pontevedra

0

A Xunta activa o 19 e 20 de agosto servizos especiais de autobús para facilitar os desprazamentos ao Entroido de Verán de Redondela.

Os usuarios contarán con servizos de ida e volta dende Vigo, O Porriño e Pontevedra. Así, para desprazarse ata Redondela, o sábado habilitaranse expedicións dende Vigo que sairán da Rúa Areal cada media hora dende as 18 ata as 23:30 horas.

No Porriño, haberá opcións de viaxe cada hora con saídas dende a rúa Progreso dende as 18 ata ás 22 horas. En Pontevedra, tamén se activarán servizos cada hora con saídas dende a estación de autobuses dende as 18 ata ás 22.

Tamén haberá servizos de ida na madrugada do 20 de agosto que sairán de O Porriño ás

00:30 e 02:30 horas e de Pontevedra E.A. cada hora, dende a 1 ata as 3 horas.

Para a volta, o sábado activaranse servizos cara Pontevedra con saídas de Redondela cada hora dende as 18:30 ata ás 22:30 horas e cara O Porriño con saídas cada hora dende as 18:20 ata ás 21:20. Os servizos de volta cara Vigo realizaranse nos horarios habituais.

Na madrugada do domingo tamén se porán a disposición varias frecuencias. Cara a Vigo, sairán cada media hora dende as 1:30 ata as 6 horas. En dirección cara O Porriño disporase de servizos ás 00:00, 1, 3, 5 e 6 e para desprazarse ata Pontevedra, haberá viaxes cada hora dende as 01:30 ata ás 6:30 horas.

A Xunta, coa posta en marcha destes servizos especiais, busca facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois de xornadas de lecer, se diminúa o tráfico e con iso o impacto ambiental.

Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que fan en todos os autobuses da Xunta.

Os demais usuarios do transporte público da Xunta poderán beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.

A información dos horarios dos servizos e as súas paradas poderán ser consultadas na web www.bus.gal.

Este sábado celebrase a terceira edición do Torneo de Petanca Concello da Guarda

0

Imaxe de arquivo do torneo de petanca do ano pasado

As Pistas Deportivas do Codesal acollen na xornada deste sábado día 19 de agosto terceira edición do Torneo de Petanca Concello da Guarda, un evento deportivo na modalidade de dupletas promovido dende o clube local O Caldeiro e o Concello da Guarda, a través da Concellería de Deportes.

Unha xornada de deporte e lecer que arrancará ás 8:30h da mañá e se estenderá ata 20:45 horas cando terá lugar a entrega de premios e na que participarán máis de medio cento de equipos de toda Galicia, baixo o convite lanzado dende o Clube de Petanca O Caldeiro, que conta xa con 27 deportistas federados.

O deporte da petanca ten experimentado nos últimos anos un gran incremento de xogadores e de competicións, o que motivou a que o Concello da Guarda apostase pola mellora das infraestruturas deportivas na zona do Codesal, onde o Clube Local desenvolve os seus adestramentos e competicións, sendo un dos clubes con máis deportistas federados.

Agárdanse un total de 56 equipos de Petanca de toda Galicia, cun aproximado de 150 xogadores e xogadoras.

As instalacións de O Caldeiro na zona do Codesal son unas das mellores instalacións para a práctica da Petanca de toda Galicia, nas que se teñen realizado numerosas melloras nos últimos anos para contar na actualidade cun total de 28 pistas, sistema de alumeado, auga, almacéns, vestiarios, aseos, entre outros.

Ponteareas disfruta da VII edición da travesía a nado “Vila do Tea”

O vindeiro sábado, día 19 de agosto, a praia fluvial da Freixa, en Ponteareas, acollerá a VII edición da clásica travesía a nado “Vila do Tea”, que forma parte este ano, de novo, tanto do circuíto galego como da Copa de España de augas abertas.

O evento vai crecendo en cada edición e, este ano, o Club Natación Ponteareas incluíu unha charla técnica o venres con especialistas da disciplina o, entre os que están o actual campión do mundo de aquatlon.

Xa o sábado, e de forma paralela ao evento deportivo, o público poderá gozar dun mercadillo de artesanía, música e animación e zona de cantina para toda a familia na praia da Freixa.

As probas comezarán ás 10 horas coa saída da categoría Máster, ás 11:45 h está prevista a saída da proba elite e ás 13.45 h a proba de relevos poñerá o punto final a esta gran cita acuática.

En metade haberá tamén distancias para outras categorías e probas de natación inclusiva. A organización repartirá máis de 2000 € en premios, o que atraerá a nadadores do máis alto nivel.

Na parte masculina, o vigués do RC Canoe, Miguel Martínez, tratará de revalidar vitoria, pero terá ao experto nadador internacional portugués Hugo Ribeiro e aos nacionais Mario Méndez (Rías Baixas) e Lucas Costa (CN Ponteareas) como rivais directos para conseguir a vitoria.

Nas mulleres, daranse cita a gaditana Irene Peiteado (campioa da Copa de España de augas abertas 2022), a asturiana do CN Ponteareas Alba Ortiz, gañadora do circuíto galego de augas abertas 2022, e a nadadora do CN Getxo, Itxaso Alonso, especialista destacada da disciplina.

A Cañiza inaugura unha nova exposición de pintura

0

O Concello da Cañiza inaugura unha nova exposición de pintura na vila. Nesta ocasión, vai da man da artista e mestra Laura Estévez e máis dos seus alumnos do CEIP de Valeixe.

Unha pequena pero fermosa mostra  formada por 15 obras pintadas polos nenos do Centro de Ensinanza Infantil e de Primaria de Touzosas – Valeixe, que permanecerá aberta ata o 29 de agosto no 2º andar da Casa Consistorial, en horario de 8:00 a 15:00 horas.

O alcalde, Luis Piña, visitou a exposición acompañado de Laura Estévez e dos nenos e pais e, por suposto, felicitou a toda esta grande “familia” polo traballo desenvolvido durante todo o curso, animándoos a continuar creando e disfrutando coa pintura.

Novamente agradeceu a disposición dos integrantes deste Aula de Pintura, de expor as súas obras nas instalacións municipais.

O Erizana CF proclámase campeón do 43 Torneo Vila de Baiona

0

O campo de O Aral-Fontiñas de Baiona acolleu este martes, 15 de agosto, a cuarenta e tres edición do Trofeo Vila de Baiona de Fútbol. Ás 18:00 horas, os séniors do Erizana e o Matamá, disputaron un partido no que o Erizana CF proclamouse campeón tras derrotar na tanda de penaltis ao Matamá CF (2-2) (3-1).

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, e a concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez, fixeron entrega do trofeo ao clube baionés vencedor do 43 Torneo Vila de Baiona.

Mos incorpora unha logopeda máis ao Servizo de Atención Temperá

0

Os tenentes de alcaldesa do Concello de Mos, Camilo Grandal e Leo Costas, visitaron o Servizo de Atención Temperá que se desenvolve nas instalacións da ludoteca de Louredo (antigas Ecolas Unitarias), que vén de incorporar unha nova logopeda á súa plantilla, sumando un total de 4 traballadoras: 1 psicóloga, 2 logopedas e 1 fisioterapeuta. O devandito servizo municipal conta con subvención autonómica anual que financia o 90 % do custe do servizo, o que supón unha aportación económica da Xunta de Galicia a través da consellería de Política Social de máis de 100.000 euros, aportando o Concello de Mos con fondos propios o 10% restante do orzamento anual total. Esta axuda enmárcase nas subvencións ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega da Atención Temperá cofinanciadas pola Unión Europea.

O Servizo de Atención Temperá en Mos resulta moi importante e leva tido unha moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Xa é o 5º ano de prestación de servizo desde que se creou. Precisamente nestes momentos atópase en pleno procedemento de licitación o novo contrato da empresa concesionaria do servizo, sendo hoxe o último día para a presentación de ofertas. O importe anual do contrato ascende a 147.110,31 euos.

En Mos benefícianse deste servizo nenos e nenas de 102 familias mosenses e da contorna. O obxectivo deste programa municipal de Atención Temperá é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

Na unidade de Atención Temperá do Concello de Mos, desenvólvese unha destacable e importante labor por parte dos profesionais que alí traballan, para axudar ás familias do municipio de Mos e da súa contorna. Existe un importante vínculo de traballo entre o Servizo de Atención Temperá, o Centro de Saude, as Escolas Infantís e os centros educativos mosenses.

As nenas e nenos que acoden a este centro melloran a súa autonomía e calidade de vida grazas a un asesoramento individualizado e adaptado ás súas necesidades.

Máis de mil persoas nos Descensos do Miño este sábado

0

Máis 1.100 persoas participarán este sábado, 19 de agosto, no Descenso Internacional do Miño e no Descenso Popular que organiza o club Kaiak Tudense coa colaboración do Concello de Tui, entre outras institucións e entidades.

O 52º Descenso Internacional do Miño  incrementa a súa participación en case 100 deportistas con respecto a edición de 2022, e congregará a 558 deportistas de 48 clubs  dos que 33 son de Galicia, 6 de Portugal, 2 de Arxentina, 3 de Madrid, 2 de Valladolid, 1 de Pamplona e 1 de Asturias.  A saída será ás 18.30 h dende Salvaterra de Miño, e estímase que os primeiros en cruzar a liña de meta o fagan en aproximadamente unha hora. Entre os favoritos para a vitoria están no K1 senior Manuel Garaycoechea e Amaia Osaba; no K2 Iván Alonso e José Barreiro, Adria Prada e e Joaquín Iglesias na categoría masculina e Tania Fernández e Carmen Villar na feminina.  No K2 mixto parten con opcións de subir ao máis alto do podio as parellas locais de Leticia Piña e Rubén Millán, e de Lucía Soutelo e David da Rocha, xunto a Cristina Franco e Rubén Franco. En canoa a nivel individual as favoritas son Claudia Couto, campioa do Mundo en C1 200, Ana Pereira, medallista no Mundial,  xunto a Óscar Graña e Jaime Duro na categoría masculina e Diego Miguens e Fernando Busto no C2.  A entrega de premios será ás 20 h.

Previamente, ás 16 h sairá dende a ribeira de Caldelas o Descenso Popular do Miño que acada a súa décimo segunda edición. Hai inscritas 550 persoas que nas súas piraguas encheran de corido o río Miño ao longo de 7 quilómetros até Tui. Para facilitar o transporte das persoas participantes haberá autobuses lanzadeira dende a rúa Tenencia, fronte ao Parador, onde haberá amais habilitada unha zona de aparcamento. Previamente dende ás 12 h na propia ribeira celebrarase a Romaría Popular.

A festa continuará na rúa Compostela a partir das 20 h con música e gastronomía na Festa Gastronómica.

Esta mañá na presentación da proba Ana Núñez, alcaldesa en funcións, amosou o orgullo da institución que representa  por ser “un concello recoñecido nacional e internacional como referente no mundo do deporte, e en concreto no mundo do piragüismo”. Engadía que este é un deporte “tan significativo e tan ligado a nosa esencia” que dende os seus inicios ten dado colleitado grandes éxitos. Nese senso recoñecía o “gran traballo que desde o Club Kaiak Tudense veñen realizando” tanto na organización deste 52 Descenso Internacional do Miño, declarado Festa de Interese Turístico, senón tamén coma berce de grandísimos campións e campioas olímpicos, nacionais e internacionais”. Ao tempo reivindicou a presenza feminina no deporte e nos órganos de representación do deporte.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, salientou que o Descenso é un evento moi consolidado que conta con gran implicación dos deportistas e éxito rotundo de participación. Mentres o seu homólogo de Salvaterra, Edgar Martínez indicaba que este evento achega ao deporte a todos podendo gozar do espazo natural no que se celebra. 

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, destacaba a ampla participación que rexistra este evento e convidaba ao público a gozar deste espectáculo deportivo. Mentres o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, lembrou que o Kaiak Tudense é un club referente para a Secretaria Xeral para o Deporte, engadindo que Tui é un referente en combinar o deporte federado e o popular, e aludido a ampla participación prevista sinalaba que “falta pouco para chegar ao Sella”.

O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais, Roberto Carrero, referiuse ao Descenso coma un acto importante que constitúe un evento de promoción de toda a provincia e que brinda un espectáculo de primeiro nivel.

O presidente do Kaiak Tudense, Diego Piña, repasou na súa intervención os datos deportivos deste eventos, agradecendo o apoio de todas as persoas e institucións que o fan posible e convidando á achegarse ao Miño para gozar destes Descensos.

O Rosal destina 10.000 euros a axudas para entidades se ánimo de lucro

0

O Concello do Rosal anuncia a convocatoria de subvencións por concorrencia competitiva a entidades sen ánimo de lucro que desenvolven proxectos sociais no municipio. O orzamento total para estas axudas é de 10.000 €.

Poden ser beneficiarios destas axudas proxectos de inclusión social; proxectos de intervención co colectivo de persoas maiores, dependentes ou con diversidade funcional; e proxectos para a realización de actividades socioculturais para a poboación en xeral.

Con estas subvencións, o Concello apoia os proxectos que se desenvolven a nivel local  que teñen como propósito a mellora nas condicións de vida da veciñanza e o fortalecemento da participación cidadá. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles despois da publicación no Boletín Oficial da Provincia. Esta convocatoria está publicada na web do Concello e as solicitudes deben ser presentadas na Sede Electrónica do Concello.

Gran acollida ás visitas guiadas organizadas este mes de Tui

0

Gran acollida ás visitas guiadas organizadas neste mes de agosto en Tui co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio no municipio. As prazas están xa completas para todas as rutas ofertadas, e ante a gran acollida vénse se abrir unha visita máis aos muíños do Tripes o día 25.

Así no programa “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración da concellería de Patrimonio e Turismo do Concello de Tui cubríronse nuns días as prazas ofertadas nas cinco actividades organizadas. Na primeira delas con conferencia e visita á necrópole de San Bartolomeu con Patxi Pérez Ramallo participaron preto de 90 persoas, e este mércores máis de 70 acudiron á ruta guiada pola igrexa de San Bartolomeu por José Ramón Fernández. No interior do templo as persoas participantes puideron coñecer con detalle os capiteis historiados do tempo, a destacada arquitectura funeraria, a sobranceira escultura gótica de San Domingos que ten participado en distintas exposicións, e os tres retablos do templo: o principal realizado por Antonio del Villar, o da nave lateral dereita de Nosa Señora do Rosario, coñecido popularmente coma da “Batalla de Lepanto”,  e na nave esquerda o neoclásico de San Vicente Ferrer.

Hoxe luns ás 20.30 h partirá dende o lavadoiro de Riomuíños o percorrido guiado polo historiador tudense Suso Vila sobre “O barrio histórico de Riomuíños”.  O martes 22 a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Marta Cendón Fernández conducirá a visita “A Catedral de Tui no medievo. Un percorrido exterior a través do románico e o gótico”. Por último o venres 25 o obxecto da ruta serán “As murallas de Tui” co arqueólogo Juan José Perles Fontao. As prazas están xa completas

A estas cinco visitas súmanse as tres organizadas aos muíños do río Tripes pola Asociación de Muiñeiros do Tripes tamén coa colaboración do Concello.

O pasado venres o presidente da Asociación de Muiñeiros, Ricardo Da Silva, foi o encargado de guiar as persoas participantes nesta actividade coñecendo as peculiaridades desta ruta e a trintena de muíños a carón do río Tripes, puidendo da man de Alberto Romer coñecer o funcionamento dun deles. Esta visita repetirase  este venres día 18 tento as prazas xa completas. Ante o éxito de acollida vénse de incorporar unha nova ruta polos muíños para o venres 25 ás 10 h que será guiada por Cristian Lago, e para a que é preciso inscribirse en [email protected].

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana Núñez, destaca a gran acollida que estas actividades están a ter completándose as prazas ofertadas en moi poucos días, o que reflicte o interese por coñecer o noso patrimonio tanto por parte das persoas que nos visitan estes días coma por parte dos propios tudenses.

Tradición galaico-portuguesa hoxe no Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera

0

O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrecerá hoxe martes, día 15 de agosto, o concerto de Locus Musicus. Será como de costume na igrexa de San Martiño ás 20 horas.

Locus Musicus, que traerá sons medievais galaico portugueses, dará paso ao concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia o vindeiro día 25 de agosto. A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren quince anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, explica Nieves García Sotos que xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna.

Locus Musicus pode traducirse ao castelán como “O instante musical” ou “O lugar musical”. Formouse en 1997 e interpretan un repertorio dos séculos XII ao XVIII.Para as súas interpretacións utilizan instrumentos de época. Ademais dos seus concertos en escenarios de todo o mundo tamén colaboran con grupos de teatro, como músicos de escena en entremeses, retablos e obras medievais e renacentistas. O grupo Locus Musicus, formado por Elena Gómez (voz), Carlos Zumajo (frauta traveseira medieval e gaita), Laureano Estepa (vihuela de arco) e Eduardo Moreno (percusión), convida o oínte na viaxe do navegante. Cantos e danzas da Idade Media a unha peregrinaxe pola variada paisaxe sonora de entre os séculos IX e XIV.

O programa do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera atrae, un ano máis, a centos de apaixoado da música clásica ao Concello de Covelo. Todos os concertos son ás 20 horas e débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.

O CEE Juan María e o Concello de Nigrán volven a lanzar unha colección de moda

0

Concello de Nigrán e CEE Juan María (Parada-Nigrán) volven a unir forzas para promocionar o municipio a través da moda. Nesta ocasión, baixo o paraugas do proxecto ‘JuanMariaSenEtiquetas’ do colexio de educación especial lanzan a colección ‘Paraíso Nigrán’ e ‘Paseando Nigrán’. Camisetas, tote-bags de algodón e gorras compoñen esta primeira ‘fornada’ persoalizada para o municipio que por unha banda ten unha estética surfeira que evoca á praia de Patos (aparecen as siluetas de tres táboas) e, por outra, é máis neutra ao figurar só o lema ‘Paseando Nigrán’. Os artigos xa están á venda na caseta que o Concello lles cede cada ano no mercarillo multicultural de Praia América (luns e mércores de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas), na tenda que dispoñen no Centro Comercial Nasas de Porto do Molle ou tamén no propio colexio. Ademais, o Concello adquiríu un lote para empregar como agasallo institucional.

“Esta moda inclusiva é un orgullo para o noso municipio porque representa ese ‘Nigrán para todos’ polo que apostamos desde o goberno, non podemos ter mellor producto promocional que este e estamos encantados de empregalo como agasallo institucional e de poder cederlle cada ano este punto de venda no paseo marítimo de Praia América”, destacou o alcalde, Juan González, durante a presentación da colección hoxe no propio lugar.

O ano pasado, o CEE Juan María a través do proxecto de formación dual ‘JuanMariaBylolola’ realizou o primeiro encargo persoalizado 100% para o Concello co topónimo ‘Nigrán’ como protagonista. O éxito entre veciñanza e turistas foi tal que este ano repítese a experiencia con esta colección diferente. Detrás deste traballo está un grupo de alumnos con diversidade funcional do CEE Juan María, eles deciden e realizan desde o deseño ata a comercialización, incluíndo a venda directa e a atención ao público. “JuanMaríaByLolola e JuanMaríaSenEtiquetas cambioulles a vida a estes rapaces, eles se ocupan de todo, van solos cada día a atender a tenda de Nasas e o posto de Praia América, desde que a abren ata que a pechan están eles ao fronte, gañaron moitísima autonomía e seguridade”, explican desde este Centro no que cada día poñen en práctica o método de “aprender facendo”. “O día a día ensínanos a ver a vida cunha mirada diferente. Descubrimos que isto non vai de inclusión, isto vai de persoas que constrúen o seu futuro co seu esforzo. Isto vai de demostrar que querer é poder, que non hai nada que nos pare se seguimos adiante cada vez que caemos. Isto vai de persoas, de persoas únicas e especiais, como nos gusta a todos sentirnos”, resumen.