Domingo, 20 Xullo de 2025

As murallas tudenses centran hoxe a derradeira visita de ‘Coñece o noso patrimonio’

0

Hoxe venres, 25 de agosto, finaliza o programa de visitas guiadas a diversos elementos patrimoniais da nosa cidade ‘Coñece o noso patrimonio’ organizado polo Instituto de Estudios Tudenses en colaboración co Concello de Tui.

O obxectivo desta iniciativa é  facilitar un achegamento a diversos espazos patrimoniais tudense dirixidos por especialistas.

Esta última visita estará centrada no sistema amurallado tudense e contará coa presenza como guía do arqueólogo Juan José Perles Fontao. Comezará ás 20 h na Praza de San Fernando, no centro do conxunto histórico tudense. As prazas están xa completas.

Juan José Perles Fontao é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. É autor de diversos libros e publicación sobre arqueoloxía en Tui e a súa contorna. Director de diversas campañas de escavacións no Monte Aloia, no castro do Alto dos Cubos e en numerosas intervencións arqueolóxicas na cidade de Tui que lle proporcionan un coñecemento excepcional sobre o patrimonio tudense. Ten participado na redacción, por exemplo, do Plan Director da Catedral de Tui e do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico.

Nesta visita afondará no coñecemento do sistema amurallado tudense integrado pola muralla medieval, mandada edificar polo rei Fernando II, a creación da falsa braga nos século XV e XVI e, finalmente, a creación das nosa defensas amuralladas do século XVII e XVIII. Unhas murallas aínda moi presentes na morfoloxía urbana tudense ás que nos achegaremos nesta visita guiada.

Este programa de actividades conta coa colaboración da concellaría de patrimonio e turismo do Concello de Tui, a través da concellería de Turismo e Patrimonio. A concelleira Ana María Núñez Álvarez agradece este iniciativa do Instituto de Estudios tudenses que promove un achegamento aos bens patrimoniais tudenses contribuíndo a súa promoción e difusión.

O Camiño da Baxiña, en Tameiga, obxecto de obras de acometida da rede de saneamento

0

O Concello de Mos, contando con axuda autonómica, atópase inmerso na acometida das obras de “Saneamento no Camiño da Baxiña-parroquia de Tameiga”. Estas obras foron necesarias para completar as redes de alcantarillado e darlle servizo á maxima extensión do Concello en xeral e da parroquia de Tameiga en particular.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o tamén edil mosense, Leo Costas, veñen de visitar as obras de saneamento en Tameiga, concretamente no Camiño da Baxiña.

As obras necesarias para realizar a acometida do “saneamento no Camiño da Baxiña-Parroquia de Tameiga”, coas que se completan ditas redes e permiten que dita instalación de saneamento dea servizo á maxima extensión do Concello, consisten na canalización das diferentes tubarías de PVC destinadas á rede de saneamento incluíndo todas as operacións complementarias: excavacións, pozos, reposicións…

As obras deste proxecto de instalación de sanemento consisten na ampliación e mellora da rede na parroquia de Tameiga, co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do concello de Mos, que aínda carecen deste servizo.

Deste xeito lévase a cabo a ampliación e mellora da rede de saneamento da parroquia de Tameiga, co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do concello de Mos, que carecen do servizo. Levarase a cabo a execución de 294,00 m de saneamento por gravidade, e 90,00 metros por impulsión, na parroquia de Tameiga, máis concretamente no Camiño de Baxiña.

O total de vivendas a conectar ascende a 10 vivendas. E o orzamento da obra a preto de 40.000 euroos, 39.995,07 € para ser exactos.

O financiamento dos traballos realízase conxuntamente entre as administracións autonómica e local, sendo o importe subvencionado pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental, o 75 %: 29.996,30 €; e o importe que achega Concello, o 25 % restante: 9.998,77 €.

As obras quedarán executadas e finalizadas antes de finais de ano.

A Guarda acolle a Festa das Mercedes na Gándara do 2 ao 24 de setembro

0

Na xornada do mércores día 23 de agosto tivo lugar, no Salón de Plenos do Concello da Guarda, a presentación oficial da programación das Festas das Mercedes da Gándara 2023, contando coa asistencia do alcalde, Roberto Carrero; do presidente da Comisión de Festas, Juan Carlos, do concelleiro de Deportes, Celso Rodríguez Fariñas e do concelleiro de Deportes, Aser Estévez.

A programación de eventos e actividades na edición 2023 da Festa das Mercedes é unha programación moi extensa que congrega actividades deportivas, culturais, gastronómicas e de ocio, contando coa Baixada de Carrilanas, o Torneo da Cachiza, as Carreiras Pedestres, os concertos, as exposicións, a XXXV Festa da Zorza e moito máis.

As actividades arrancan na xornada do sábado día 2 de setembro coa VI edición da Baixada de Carrilanas, cun percorrido entre a Praza de Avelino Vicente (As de Copas) e o Porto da Guarda. As inscricións están abertas cun prezo de 10€ en rifas das festas con data límite ata o 31 de agosto chamando ao 649 887 379 ou 661 281 254, tamén participarán os Drift Trikes.

Seguindo a programación, na xornada do sábado día 9 de setembro terá lugar o XIV Torneo da Cachiza a partires das 16:00h na Rúa As Pozas, cunha inscrición de 10 € por parella que se realizará ata as 15:30h antes do torneo. Haberá premios e as inscricións se poden realizar nos teléfonos 669 031 798 e 680 340 784.

O sábado 16 de setembro a partires das 18:00h terá lugar a XXI Carreira Pedestre Popular Julia Vaquero, un evento deportivo gratuíto para o que é preciso realizar unha inscrición previa ata o 12 de setembro no teléfono 647 607 456 ou no enderezo [email protected], ou ben no mesmo día da carreira en horario de 16:30 a 17:30 h na mesa de secretaría da Carreira. Haberá un total de 8 categorías en función das datas de nacemento dos participantes e cunhas distancias entre os 100 m e os 6500 m.

A partires das 21:00 h do 16 de setembro terá lugar na Praza dos Seixiños o XI Serán que contará coa participación de diferentes grupos tradicionais e de pandeiretas da zona, haberá chocolate e biscoito para os asistentes.

O domingo 17 de setembro ás 20.00 h actuará os Reguefeiros(do Luar), Luis o Caruncho e Bieito Lobariña e os Veciños, para rematar a xornada co Grupo Folk Na Revolta.

O venres 22 de setembro a partires das 18:00 h comezarán as degustacións na XXXV edición da Festa da Zorza ata a media noite, cando realizarase a gran Queimada Popular e contarase coa animación da Charanga Patocar.

O sábado 23 de setembro a partires das 22:00 h arrancará a verbena coa actuación do Grupo Ritmo e rematando cun único pase o Grupo América.

O domingo 24 de setembro a partires das 9:00 h pasarrúas polas rúas do pobo a cargo do Trebón dos Xidos, ás 17:00 h  Xogos populares na Praza dos Seixiños e a partires das 20:00 h actuación da Escola de Danza “Dansá”.

Ademais do 16 ao 17 de setembro haberá unha exposición de maquetas de corcho elaboradas por Tino, o sábado 16 de setembro en horario de 17:00 a 21:00 h e o domingo 17 en horario de 19:00 a 2:00 h.

Actos relixiosos: Venres 15 comezo da novena ás 18:30h con rosario e misa e domingo 24 ás 12:30h Misa Solemne con sermón cantada polo Coro Cantábile e procesión acompañda polo Grupo de Gaitas A Boalleira.

Baiona celebra a romaría da Virxe da Rocha

0

Baiona atópase inmersa nos preparativos de prepraración dunha das súas romarías máis importantes do ano, a da Virxe da Rocha.

Este domingo 27 de agosto o parque “Mercedes da Escaleira” acollerá esta tradicional romaría baionesa a partir das 12:00 h. Ás 13:00 h celebrarase a Misa Solemne aos pés do monumento e acto seguido actuará a “Asociación Folclórica Vila de Baiona” e a asociación cultural “A Seneira”.

Ao redor das 14:00 h está previsto que comece a tradicional comida campestre composta de sardiñas, pan de millo e viño. Degustaranse para a ocasión máis de 200 quilos de sardiñas, 200 quilos de pan de millo e 200 litros de viño do país a 4 euros a ración para todos os visitantes que se acheguen o domingo aos pés do monumento da Virxe da Roca (Realizarase se o índice de risco diario de incendio forestal permíteo).

Como novidade este ano, entre as 16:00 e as 18:00 h haberá xogos tracionales e animación infantil. Xa pola noite a praza do concello acollerá o concerto de Antonio Barros a partir das 22:30 horas.

A historia da Romaría da Virxe da Rocha

A Romaría da Virxe da Rocha é organizada polo Concello de Baiona preservando inalterables os costumes e tradicións da Vila de Baiona que se remontan ao 18 de setembro de 1910, data na que se colocou a primeira pedra do monumento e na que se depositou unha caixiña de zinc contendo dúas moedas de ouro, dous de prata e dúas de bronce, xunto cunha copia da acta de tal acontecemento.

A súa construción foi posible por subscrición popular e por unha importante colecta de emigrantes españois en Cuba. A escultura foi inaugurada o 14 de setembro de 1930 e ao longo dos anos foi festexada con diversos actos e cerimonias relixiosas e profanas que aínda hoxe en día seguen repetíndose como marca o costume e tradición o último domingo de agosto ao pé do monumento.

A Xunta ultima a posta en marcha do polo de emprendemento do Porriño

O Porriño albergará un dos 15 polos de emprendemento e apoio ao emprego postos en marcha pola Xunta de Galicia antes de que remate 2023. Actualmente están operativos oito e o da capital da Louriña sería o segundo na provincia, que abriría as súas portas a partir de outubro, durante o último trimestre do ano. Así o aseguraba esta mañá o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, nunha visita á vila na que estivo acompañado polo alcalde, Alejandro Lorenzo e na que puido comprobar o avance das obras para a posta en marcha desta oficina situada no número 9 da rúa Ramiráns, no caso urbano porriñés.

O obxectivo desta rede é impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa contorna, e na que o usuario atopará acompañamento continuado, unha metodoloxía común validada e adaptada a cada proxecto e titorización con profesionais de primeiro nivel.

“É unha gran nova para Porriño poder contar un espazo que integre todas as ferramentas que existen na actualidade para apoiar as iniciativas emprendedoras, xa que estas son clave para fortalecer a economía local”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “Apostar polo emprendemento é apostar polo futuro”.

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego está dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación. Así, presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Nese senso, dos case 500 proxectos asesorados ata o de agora, máis de 400 atópanse activos.

O do Porriño será o Polo de emprendemento Pontevedra Leste e Sur, sumándose así ao de Silleda, Pontevedra Norte e Rías Baixas, cuxa área xeográfica de actuación son as comarcas do Deza, Caldas e O Salnés. Nestes centros ofrécense, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado, espazos de traballo temporal e networking, captación de investimento e financiamento e orientación,  asesoramento e recursos físicos. As persoas usuarias, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.

Actuación de Sondeseu en Salvaterra de Miño

A música folk contemporánea da Orquestra Folk SonDeSeu soará entre os muros da fortaleza de Salvaterra de Miño este sábado 26 de agosto a partir das 23:00 horas. O concerto, que forma parte do programa “Musigal” da Deputación de Pontevedra, celébrase durante a Festa do Viño do Condado do Tea, que este ano chega á súa LXIV edición. A través do “Musigal”, a institución provincial impulsa un calendario de actuacións musicais por todo o territorio provincial co fin de promover a música galega e en galego e fomentar o uso da nosa lingua entre a poboación.

Os concertos de SonDeSeu son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana, e neles o público toma unha parte moi activa. O seu espectáculo está composto por un repertorio de composicións realizadas por Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz, e obras creadas por outros autores como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña.

Integrada por gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada, a agrupación musical comezou a súa andaina en 2001 no seo do antigo Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo (a actual ETRAD). Con cinco publicacións discográficas ás súas costas, SonDeSeu apostan polo valor da música de raíz e está situada como un referente da música galega no panorama internacional.

Preto de 900 persoas participarán esta fin de semana “En Ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 16 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Arbo, Vigo, Cerdedo-Cotobade, Mos, Crecente, Salvaterra de Miño, O Rosal, Soutomaior, Pontevedra e Salceda de Caselas mobilizarán un total de 857 persoas (ata 54 cada unha) para coñecer emblemas da provincia como o mosteiro de Poio, a illa de Tambo, Combarro, as illas Cíes, o barrio mariñeiro do Berbés e os pendellos de Agolada e Vila de Cruces, ademais de poder coñecer a ría de Arousa en barco ou practicar caiac nas praias do Morrazo.

Este sábado 26 de agosto sairán oito entidades da provincia con “En Ruta coa Depo”. Desde Vigo, a Asociación Cultural e Deportiva Xestas realizará unha ruta pola illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio, ao igual que a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo. A Asociación Xaruma, tamén de Vigo, fará un percorrido pola ría de Arousa que inclúe unha degustación en barco e, no Grove, visita á illa da Toxa e ao Museo Salgadeiras de Moreiras. Esta ruta pola ría tamén a fará a Asociación Cultural e Deportiva Fioye2, de Salvaterra de Miño. A Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereira (Mos) e a Comunidade de Usuarios de Freixo (Crecente) visitarán as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés, en Vigo. A Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso de Mos visitará os pendellos de Agolada e a Casa-Museo A Solana de Piloño, e a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo en Vila de Cruces. Por último, a Agrupación Musical do Rosal fará un percorrido en caiac pola costa do Morrazo (praias de Liméns, Melide e Barra, Soavela, Cabo Home e monte do Facho).

O domingo 27 de agosto outras oito entidades participarán no programa da Deputación. Á ruta pola ría de Arousa acudirán a Asociación Galega das Persoas Maiores, Xubilados e Pensionistas (ASOGAPEM) de Vigo e o Centro Cultural e Social de Herville de Mos. A Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade (Soutomaior) e a Asociación Veciñal e Cultural de Cacheiro de Pontevedra visitarán a illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo, en Sanxenxo. A Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Rebordelo de Cerdedo-Cotobade viaxará á illa de San Simón e o Museo Meirande (Redondela), ao castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio (Pontevedra). AVOA (Asociación de Xubilados e Pensionistas de Vigo) fará a ruta da Illa de Tambo e, por último, a Asociación de Veciñas e Veciños Ameixoa de Salceda de Caselas e mais a Asociación de Mulleres Creativas de Quireza (Cerdedo-Cotobade) farán o percorrido polas illas Cíes e o barrio do Berbés.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

O BM Cañiza, finalista na Copa Galicia de Balonmán

0

O conxunto sénior feminino do BM Cañiza non deixa de dar alegrías a súa afección e, por segundo ano consecutivo, disputarán a finalísima da Copa Galicia organizada pola Federación Galega de Balonmán. Ás 20:00 horas do sábado, no emblemático Pavillón do Gatañal de Cangas, buscarán proclamarse campioas de Galicia fronte a un duro rival como a AD Carballal de Vigo.

O Oliveira&Faro Saeplast Cañiza chega ao inicio dunha nova tempada con moitas caras novas no seu plantel. A dirección do equipo cambia, sendo agora o guardés Fabio Lima o encargado do banquillo cañicense. Fabio chega a A Cañiza tras a renovación do acordo de colaboración entre o club da Paradanta e o Mecalia Atl. Guardés, referente do balonmán feminino galego. Xunto ao adestrador un total de sete novas incorporacións para reforzar o equipo nas posicións de porteria, primeira liña e extremos.

As cañicenses chegan a esta final tras superar dúas complicadas rondas fronte a rivais da mesma categoría, a División de Honra Prata Feminina, a SAR Bm. e o Asmubal Meaño.

Chega agora o gran momento, a gran final. Unha final na que xa estivo presente o pasado ano e na cal sucumbiron ante o Bm Porriño. O sábado ás 20:00h nova oportunidade para o Bm. Cañiza de conquistar a Copa Galicia nun partido que será retransmitido pola TVG.  

Chega a Mos o proxecto “Enredando” para integrar ás persoas maiores na contorna dixital

0

Reducir a fenda dixital entre a poboación é o obxectivo do proxecto “Enredando”, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros. Baixo este proxecto, a Organización Humanitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Cruz Vermella puxeron en marcha unha nova edición de “Enredando Tour”, que está a percorrer un total de 20 localidades galegas entre os meses de xullo e setembro de 2023 e chegará a Mos o vindeiro xoves 31 de agosto en horario de 10.30 a 12.30 horas.

Esta actividade está organizada por Cruz Vermella no marco do Convenio de colaboración coa Amtega para a execución do programa formativo itinerante en competencias dixitais. Nesta ocasión, está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera persoa que queira participar), ás que se apoia para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso. Talleres de capacitación dixital e menús formativos.

Mediante unha furgoneta superequipada ofrécense contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Nela transpórtanse os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. En cada unha das localidades onde recale o circuíto organízanse varios talleres relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante pode “pedir” formarse nun ou varios contidos de cada menú.

O primordial é que a persoa decida que quere aprender e en que medida quere que Cruz Vermella a acompañe na súa capacitación dixital. Neste espazo, que se situará na Avenida de Puxeiros, as persoas que participen poderán trastear con dispositivos tecnolóxicos mentres “degustan” os catro menús formativos que Cruz Vermella e a Amtega prepararon: 1. “Vivo non mundo analóxico, rapaza”: menú básico para comezar a “enredar” na internet.

2. “E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona a mensaxería instantánea.

3. “Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao Sergas, facer a compra por Internet e, en xeral, como xestionar o máis cotián.

4. “Menú: divírtete e aprende”: para coñecer utilidades e aplicacións prácticas na internet.

No espazo das formacións dáselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal

“Enredando Tour” fará parada en Mos, na Avenida de Puxeiros nº 52 o vindeiro día 31/08/2023, de 10.30 a 12.30 horas.

As persoas interesadas en participar nas actividades de “Enredando circuíto” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a [email protected].

Sobre Cruz Vermella

Cruz Vermella representa o maior movemento humanitario, cidadán e independente do mundo. Leva 159 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias. En España, Cruz Vermella conta con máis de 263.000 persoas voluntarias dando resposta en máis de 6.500 municipios, que permiten atender anualmente a máis de 12,2 millóns de persoas no ámbito nacional e ter máis de 13,4 millóns de persoas como beneficiarias no ámbito internacional e máis de 8 millóns de persoas en actividades de sensibilización e contorna. Todo iso co apoio de preto de 1,4 millóns de socios, empresas e aliados en todos os sectores da sociedade. Cruz Vermella Española pertence ao Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella presente en 192 países.

Actuando sempre baixo os seus sete Principios Fundamentais: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade.

Sobre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) é o departamento da Xunta que define e desenvolve a estratexia dixital do sector público autonómico. Entre os seus obxectivos está o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a brecha de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella.

O Concello de Redondela inaugura un servizo de atención á veciñanza

0

O Concello de Redondela inaugura un novo servizo a disposición de toda a cidadanía. Baixo o lema “O Concello escoita” o goberno local ofrece aos veciños un servizo de atención directa en todos os departamentos municipais.

A rexedora local, Digna Rivas, explica que “coa intención de facer un goberno de proximidade, que poida escoitar as inquedanzas das veciñas e veciños de Redondela dun xeito máis directo e próximo, poñémonos a disposición de toda a cidadanía. Para ofrecer unha atención o máis ampla posible, estaremos abertos ás súas consultas, queixas ou suxestións tanto en horario de mañá como de tarde”.

Deste xeito, todos os que o desexen poderán achegarse á Casa do Concello e falar directamente cos concelleiros, e tamén coa alcaldesa Digna Rivas. Este servizo de atención ao público ofrécese sen necesidade de cita previa por parte da alcaldesa e as concelleiras e concelleiros, agás no departamento de Infraestruturas e Sostibilidade, para o que se precisa reserva previa nalgúns dos horarios establecidos.

Horarios de atención ao público

  • Digna Rivas Gómez, alcaldía
    • Luns de 10:00 a 13:00 horas
    • Luns de 17:00 a 20:00 horas
    • Lugar: 1ª planta do Concello. Teléfono 604 082 428
  • Antonio Cabaleiro Covelo, concellerías de Economía e Facenda, Emprego, Transparencia e Novas Tecnoloxías, Transición enerxética e Urbanismo
    • Xoves de 10:00 a 13:00 horas
    • Martes de 17:00 a 20:00 horas
    • Lugar: 1ª planta do Concello. Teléfono 604 074 741 [email protected]
  • Iván Valles Rodríguez, concellerías de Deportes, Xuventude e Ensino e Conservatorio
    • Xoves de 10:00 a 13:00 horas
    • Mércores de 17:00 a 20:00 horas
    • Lugar: 1ª planta do Concello. Teléfono 604 034 253 [email protected]
  • Pedro Villaverde Campos, concellerías de Parques e Xardíns, Benestar Comunitario, Feiras e Mercados
    • Martes de 10:00 a 13:00 horas
    • Venres de 17:00 a 20:00 horas
    • Lugar: 1ª planta do Concello. Teléfono 604 065 679
  • María del Pilar Martínez González, concellerías de Persoas Maiores e Infancia, Sanidade e Medio Ambiente
    • Martes de 10:00 a 13:00 horas
    • Xoves de 17:00 a 20:00 horas
    • Lugar: planta baixa do Concello. Teléfono 604 026 069
  • María Rita Pérez Táboas, concellerías de Persoal (agás xefatura superior), Interior e Seguridade, Cultura,Turismo e Patrimonio
    • Luns de 10:00 a 13:00 horas             
    • Luns de 17:00 a 20:00 horas
    • Lugar: 1ª planta do Concello. Teléfono 604 082 430 [email protected]
  • Iria Vilaboa Álvarez, concellerías de Servizos Sociais, Servizos sociocomunitarios, Igualdade, Participación cidadá e Parroquias
    • Martes de 10:00 a 13:00 horas           Lugar: Edificio de Servizos Sociais
    • Xoves de 17:00 a 20:00 horas            Lugar: 1ª planta do Concello
    • Teléfono 604 038 653
  • Roberto Villar Rodríguez, concellería de Infraestruturas e Sostibilidade (Vías e obras, Alumeado público, Abastecemento de auga e saneamento, etc)
    • Martes de 10:30 a 11:30 horas con cita previa, de 11:30 a 12:30 horas sen cita previa
    • Mércores de 17:00 a 19:00 horas con cita previa
    • Xoves de 10:30 a 12:30 horas con cita previa, de 11:30 a 12:30 horas sen cita previa
    • Lugar: 1ª planta do Concello. Teléfono para cita previa 986 400 300

Roteiro polo río Alén e Barcia de Mera, o domingo gratis en Covelo

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo informa da apertura do prazo de inscrición para o roteiro do río Alén e Barcia de Mera que terá lugar este domingo día 27 de agosto.

De trazado lineal e dificultade baixa, as e os participantes percorrerán 10 quilómetros para descubrir a riqueza natural das ribeiras do río Alén. O punto de encontro será os muíños de Portafurado en Barcia de Mera ás nove da mañá e o número de teléfono para realizar a inscrición é o 654 500 652.

Vintecinco participantes coñecerán o roteiro do río Alén que percorre parte do territorio da parroquia de Barcia de Mera tendo como eixo o cauce fluvial e o val de aluvión deste río que aporta as súas augas ó río Tea (ambos forman parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos), constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde en colaboración coa Deputación de Pontevedra e dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

O concello de Covelo oferta rutas guiadas e experiencias de observación de estrelas ao longo de todo o ano e sen custo algún para as persoas participantes.

Coñece a ruta

Ao comezar o roteiro atopamos o conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera, unha obra de altísimo valor patrimonial. De seguido percorremos a barcia do Alén ata a aldea de Caxil e Alén, onde o roteiro chega ata a capela de San Xoán de Mosteiro e o seu cruceiro. Alí comeza unha fermosísima circular no bosque e matogueira de ribeira atlántica, visitando a ponte medieval do Alén e a “Fonte Santa”. O camiño de volta retornaremos ós muíños de Portafurado pola mesma senda.

I edición de “Literatura na Rúa – Nigrán”

0

A asociación Galega de Escritores, xunto coa colaboración do Concello de Nigrán e as librerías locais Paraísos de Papel e Piño, organiza a primeira edición de “Literatura na Rúa – Nigrán”.

Este evento celebrarase o vindeiro sábado 26 de agosto no Paseo marítimo de Panxón, á altura da homenaxe ao escritor Carlos Casares. “Literatura na rúa” pretende achegar a pé de rúa a autores locais cos lectores, de forma que poidan conversar sobre as súas obras e asinar os seus libros.

O evento durará todo o día, en horario de mañá de 11:00 a 14:00 e de tarde de 18:30 a 21:30 e contará coa presenza de 18 autores locais: Lola Fernández Pazos (O Pazo de Lourizán), Nuria Fernández (Sementeira. Substrato dunha escola consciente, A Princesa de Nagarkot, Tai & Titón), Magali Rodríguez Matar (Antoloxía Libélulas Negras, A nova fábrica de lapis), Carmen Quella Lameiras (Algo máis que recordos), María Nieto (O que puido ser, o que é, o que nunca será), Almudena Santamaría (Poida que algún día…), María Lucinda Rey Escribano (Axúdache que che axudarei, Ulkantun), Soledad García (Ou camiño de Perséfone. As palabras son cinzas por soprar), Fran Fernández Davila (A Senda do Sal, Alana, Mover vos marcos, Ou bosque do duque ‘s-Hertogenbosch), Branca Trigo (Con do lore, Alguén nos lembrará), Samuel Ferro (Terra de Lenda), Óscar Vázquez (Ángeles roubados, A túa pegada no meu camiño), Ana Julia Martínez (Turquesas de Lume), Teresa Chamorro (O día que fun xulgada), e os autores da editorial Pequenos Diamantes: Adrián León Pena (Pensamentos dunha mente distraída), Julia Guenaga López (Pink. O país de Julia), Isidoro Otal Rivarés e Rebeca López Otal (Historia dunha vida).

Ademais, hai varias actividades programadas ao longo do día, como un taller de marcapáxinas para os máis pequenos e os recitais dos poetas: Branca Trigo, Xurxo Gago e Francisco Pérez Alonso.

O Concello de Salvaterra mellora os camiños municipais

Iniciada a licitación para a mellora de accesos en Coto (Oleiros) e o Couto (Salvaterra) a través do Plan Camiños 2023-2024, financiada mediante a subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais por un importe de 55.166 euros (a dividir entre os dous anos), asumindo o Concello o valor restante de 11.584,86 euros.

O Concello segue co plan de mellora da súa rede viaria, neste caso coas obras de mellora de drenaxe e pavimentación de dous camiños municipais de acceso aos lugares de Coto, na parroquia de Oleiros e O Couto, na parroquia de Salvaterra, que nestes momentos se atopan nun estado de notable deterioro. Con estas obras o que se pretende é mellorar a calidade e a seguridade dos viais. Ademais no tramo do Coto en Oleiros executarase un tramo de cuneta revestida de formigón para dar solución a evacuación das augas pluviais no vial.

O Porriño comeza as obras do antigo campo da feira

A humanización do antigo campo da feira do Porriño coñecido agora como Parque Infantil, nome dunha das rúas que o bordea, será unha realidade a comezos de 2024. Converterase nunha gran zona verde con arboredo, un espazo a modo de escenario e gradas e unha área de xogo infantil na que se inclúan chorros de auga, os primeiros no municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá o lugar das obras, cuxa execución darán comezo mañá mesmo e prolongaranse durante un prazo de cinco meses. O proxecto acométese logo da sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello do Porriño e a Axencia de Turismo de Galicia e que supón unha inversión total de 498.213,12 euros, aos cales hai que sumar uns 250.000 euros para acondicionar tódalas rúas da contorna.

“Co paso dos anos este parque foi deteriorándose e perdeu o seu atractivo deixando de ser un lugar de paseo e desfrute para nenos e adultos, que é o que precisamente se persegue agora con este proxecto”, explica o alcalde, lembrando que se sitúa nunha das entradas ao casco urbano, “de aí que as obras de humanización comprendan tamén a mellora da contorna, a avenida Domingo Bueno e a rúa Parque Infantil, que o Concello acometerá tamén neste mesmo período de tempo”. Deste xeito, o pequeno muro que serve para delimitar o parque desaparecerá xerando un único espazo aberto, con beirarrúas e pasos de peóns empedrados que conectarán directamente coa zona peonil de San Benito.

Posta en valor do Templete de San Luis

De xeito paralelo executaranse as obras de restauración integral do Templete de San Luís. Uns traballos cun orzamento a maiores doutros 250.000 euros financiados integramente pola Xunta de Galicia. O obxectivo é poñer en valor un dos emblemas patrimoniais do Porriño autoría do tamén porriñés arquitecto Antonio Palacios.

Respectarase a súa localización, mellorando a súa conexión e visibilidade. Dispoñerase ao seu arredor un espazo a modo de gradas vexetais que lle darán un novo uso como pano de fondo para pequenos eventos. Ademais, enlazarase coa ruta xacobea e crearanse novos espazos de descanso e xuntanza, coa instalación de bancos, e máis zonas de sombra.

“Coa posta en marcha deste proxecto o que pretendemos é recuperar a antiga esencia da carballeira e campo da feira e facer deste espazo un lugar de encontro, mellorando a mobilidade peonil, conectándoo co casco urbano, o Camiño de Santiago e o cemiterio municipal, aumentando a zona verde e, por suposto, poñendo en valor o Templete de San Luís para fomentar a recuperación histórica e patrimonio inmaterial do lugar”, remarca Alejandro Lorenzo.

Área de xogo infantil con gran vinculación á auga

Outro dos principais obxectivos desta iniciativa é crear un espazo atractivo e útil para os máis pequenos da casa. Por iso, e á vista de que a zona de xogo existente actualmente non cumpre as súas funcións, dispoñeranse novos elementos para todas as idades. Ademais instalaranse uns chorros de auga para xogar e refrescar, pequenos e tamén maiores en época estival, que se integrarán na praza central.

A Deputación implantará enerxía xeotérmica no Concello da Cañiza

0

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación o contrato para a prestación da asistencia técnica da mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais da Cañiza e A Illa de Arousa. Este proxecto de instalacións xeotérmicas sostibles enmárcase no programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000), dentro do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. A actuación será financiada ao 85 % polo IDAE, ao 8 % pola Deputación de Pontevedra e ao 7 % polos concellos.

O obxectivo desta actuación, na que se investirán máis de 410.000 euros, é realizar a instalación dos sistemas de xeración térmica renovable mediante xeotermia na Casa do Concello da Cañiza e no centro sociocultural da Illa de Arousa (dous dos edificios do complexo das Casas Modernistas, afectando a biblioteca, a escola de música e o centro da terceira idade). Grazas a iso, contarán con sistemas sostibles de calefacción, durante o inverno, e climatización, nos meses de máis calor.

O obxectivo é reducir o consumo de enerxía de orixe fósil e as emisións de dióxido de carbono utilizando enerxía procedente de fontes renovables, concretamente da enerxía xeotérmica. A institución provincial destina preto de 23.000 euros (10.000 € no caso da Illa e 13.000 € para A Cañiza) á asistencia técnica, que inclúe a redacción dos proxectos e a futura supervisión e xustificación dos traballos.

No caso da Casa do Concello da Cañiza, as futuras actuacións consistirán na substitución da caldeira de gasóleo por sistemas de xeración de enerxía térmica mediante intercambio soterrado vertical e bomba de calor que intercambia a enerxía co terreo. Tamén se substituirán os radiadores por ventiloconvectores modernos e se adecuará a sala de caldeiras tanto ás esixencias técnicas da nova instalación como á normativa, ampliándoa ou modificándoa con este fin. Estes traballos teñen un orzamento de 228.000 euros.

En canto ao centro sociocultural da Illa de Arousa, trátase dunha instalación nova (ao ser edificios rehabilitados recentemente aínda non contaban con ela) que utilizará o mesmo sistema de circuíto vertical de lazo cerrado, cunha bomba de calor que dará servizo aos dous edificios a través dunha rede de distribución soterrada de arredor de 75 metros (dos cales 50 xa están executados). Tamén se aproveitarán o chan radiante do andar baixo e os ventiloconvectores do andar alto, xa existentes. Neste caso, o investimento chegará aos 183.000 euros.

As empresas interesadas en concorrer á licitación da asistencia técnica de ambos proxectos teñen de prazo ata o luns 28 de agosto ás 10:00 horas a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.

Volve o Cine na Rúa ao Rosal

0

O Cine na Rúa volve ao Rosal como cada verán, con dúas proxeccións ao aire libre de cinema galego os días 24 e 29 de agosto.

A primeira proxección será este xoves, 24 de agosto, ás 21.30 horas na Praza de Novás, coa película “Cuñados”. Protagonizada por Xosé Touriñán, Federico Pérez Rey e Miguel de Lira, ‘Cuñados’ é unha comedia sobre as peripecias de tres cuñados que se embarcan nun plan disparatado para conseguir cartos.

A segunda proxección será o martes, 29 de agosto, ás 21.30 horas na Praza de Fornelos, co filme “Matria”, protagonizado por María Vázquez e rodado no Salnés. Trátase da historia dunha muller que traballa nunha conserveira e que loita por manterse a flote económica, familiar e emocionalmente.

Ambas actividades de Cine na Rúa no Rosal son de balde, e con elas péchase a programación de Cultura polos Barrios, que levou diferentes actividades culturais aos espazos públicos rosaleiros ao longo do mes de agosto. Porén, o broche será o 1 de setembro, cando se realizará o concerto de “Que de que” que foi adiado pola chuvia. Será en San Vicente de Marzán, ás 21 horas, o venres 1 de setembro.

Priegue estrea a rúa Mestra Emérita totalmente humanizada

0

O Concello de Nigrán estreou este verán a humanización da rúa Mestra Emérita de Priegue cun investimento de 309.127 € asumidos 100 % con fondos propios. A estrada, de aproximadamente 850 metros de lonxitude que conectan Nigrán con Vigo e que forma parte do Camiño portugués pola costa, atopábase en pésimo estado de conservación e carecía dun espazo seguro para os peóns, motivo polo que a veciñanza demandaba especialmente esta reforma. Así, o cambio fundamental consistíu nunha renovación do asfaltado e na creación dunha beiravía transitable pola que xa poden camilar de xeito tranquilo veciños e peregrinos.

“Era unha vella demanda da parroquia que ao fin cumplimos tras moitos meses máis dos previstos de tramitación de permisos sectoriais ao estar afectado por elementos patrimoniais como o Camiño de Santiago ”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a estrada “gañou moitísimo en seguridade viaria e confort para os usuarios” xa que presentaba fisuras, socavóns e desgaste de toda a capa de rodadura tras décadas sen tocarse.

Deste xeito, renovouse o asfaltado cunha mezcla bituminosa, sinalizouse toda a rúa novamente e os diferentes pasos de peóns fixéronse sobreelevados. Ademais, mudouse a rede de drenaxe e dotouse de saneamento á unica zona que todavía faltaba (contorna do número 20). O maior cambio foi, sen embargo, a construción dunha beiravía transitable para peóns na marxe dereita (sentido Vigo). Esta está diferenciada mediante superficie de formigón desactivado e cunha banda de separadores de goma. “Os peóns circulaban polas marxes sen ningún tipo de separación ou diferenciación e con zonas que nin estaban asfaltadas”, explica González.

Na mesma parroquia o Concello incluíu no plan de asfaltados de 2023 as rúas Pedrosas, Comesaña, Cea, PO-235 e Abetos e proximamente serán outras rúas da parroquia como Mámoa ou Don Marcial. Adicionalmente, na rúa Mestra Emérita o Concello restaurou a finais do ano pasado o lavadoiro a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A Deputación leva enerxía aerotérmica aos edificios municipais das Neves

0

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais de Catoira e As Neves. O proxecto de instalacións de aerotermia sostibles enmárcase no programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000), dentro do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. A actuación será financiada ao 85 % polo IDAE, ao 8 % pola Deputación de Pontevedra e ao 7 % polos concellos.

O obxectivo desta actuación, na que se investirán máis de 115.000 euros, é realizar as instalacións de aproveitamento da enerxía aerotérmica na Escola Unitaria e a Escola Infantil de Dimo, en Catoira, e na Casa do Concello e o Centro Cultural das Neves. Con isto, a Deputación busca favorecer o desenvolvemento de proxectos que reduzan as emisións de CO2, implantando medidas de aforro e eficiencia enerxética, e tamén favorecer o uso de fontes de enerxía renovables que contribúan ao desenvolvemento económico local. Ademais, tamén se reformarán as instalacións hidráulicas e eléctricas existentes.

No caso de Catoira, a instalación de aerotermia proxectada consiste nun sistema de caudal de refrixerante variable cunha unidade exterior, común para ambos os dous edificios, cunha potencia calorífica de 40 kW e frigorífica de 45 kW e recuperador de calor de 1.200 m3/h para cada edificio. A instalación dará servizo ás 8 unidades interiores de chan instaladas (seis nos dous andares da Escola Infantil e dúas na Escola Unitaria, de planta única). As reformas reducirán as emisións en case un 57 %, pasando de 42 a 18 quilogramos de Co2 por metro cadrado ao ano. Con isto, ademais, a cualificación enerxética dos inmobles pasará de E a B. Os traballos superarán os 52.000 euros.

En canto ás instalacións das Neves, a instalación consistirá na instalación dunha unidade exterior común, tamén con sistema de caudal de refrixerante variable, cunha potencia calorífica de 63 kW e frigorífica de 56 kW. A nova instalación permitirá que as emisións se reducen nun 55% na Casa do Concello en un 56 % no Centro Cultural, pasando de 32,9 a 14,8 kg de CO2 por metro cadrado ao ano, no primeiro caso, e de 36,1 a 15,7, no segundo. A cualificación enerxética pasará de C a A. Neste caso, o investimento chega aos 62.500 euros.

As empresas interesadas en concorrer á licitación da asistencia técnica de ambos proxectos teñen de prazo ata o martes 29 de agosto ás 10:00 horas a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.

O Concello de Redondela asegura que o servizo de socorrismo das praias funciona correctamente

0

Logo das queixas por parte de 7 dun total de 12 traballadores do servizo de socorrismo das praias de Redondela por supostas carencias de material, o goberno local asegura que a maioría das demandas que realizaron por escrito ao Concello o pasado 16 de agosto “xa estaban resoltas cando se presentou o escrito”. Outros pequenos desperfectos nas instalacións motivadas polo uso quedaron reparadas días despois. A concelleira de Interior, Rita Pérez, sinala que as torres de vixilancia das praias “foron sometidas aos traballos de mantemento habituais antes da campaña de verán, sendo reparadas as deficiencias polos carpinteiros do Concello”. Explica que ao tratarse de instalacións situadas na praia á intemperie “poden sufrir algún deterioro, como que se afrouxe unha baranda, e en canto se ten coñecemento o persoal municipal repárao”.

Por outra banda a responsable de Interior nega que existan deficiencias no material sanitario, tal como denunciaban parte dos traballadores, xa que unha das camillas que rompeu este verán xa está encargada a súa reposición. Outros elementos que demandan, como férulas para inmobilizar ferido, “son material sanitario específico que non é necesario para o bo funcionamento do servizo” sinala Pérez. En canto á roupa de traballo que debe proporcionar a empresa aos traballadores “actualmente pode faltar un suadoiro, o que non impide que poidan realizar o seu traballo con normalidade”. En canto ás aletas para realizar rescates “o servizo conta cos pares necesarios para o seu traballo de salvamento”.

En canto ás cadeiras anfibias para uso de persoas con mobilidade reducida “xa foron reparados os desperfectos que podían subsanarse” e ao mesmo tempo “o Concello mercou a comezos de mes outra cadeira nova con mellores prestacións que as actuais, estando á espera de ser recibida nos vindeiros días”. No tocante ás comunicacións entre os traballadores de salvamento, que este ano se realizan a través de teléfonos móbiles, “funcionan perfectamente e cumpren coas necesidades do servizo de salvamento”, sinala Pérez.

O balizado do areal cumpre coa normativa para non prexudicar as áreas de marisqueo

A responsable local de Interior nega que o balizado do areal de Cesantes sexa insuficiente, tal como sinalan parte dos traballdores no seu escrito, xa que a liña de boias establécese segundo a normativa e sen prexudicar os bancos marisqueiros e zonas de cultivo da Confraría de Redondela. Pérez explica que a empresa encargada de balizar a praia este verán “é a mesma que o vén facendo nos últimos anose sempre do mesmo xeito, cumprindo todas as normativas de seguridade para embarcacións e bañistas”.

A edil responsable da área mantén reunións semanais con Offshore Special Services S.L, empresa que presta os servizo de salvamento nos areais, e asegura que “o seguemento que se fai do servizo é constante para asegurar o cumprimento do contrato”. Responsables da empresa informaron ao Concello do despido dun dos traballadores do servizo logo de que acumulase varias faltas graves e moi graves desde o comezo do verán.

A oposición deixa sen Xefa de Gabinete o goberno de Salceda

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, procedeu a asinar o cese da única persoa que exercía traballos encomendados a persoal de confianza, ao non ratificar o pleno municipal o decreto de nomeamento. O cese é efectivo dende o día 21 de agosto.

Na sesión plenaria celebrada onte, a corporación local decidíu non aprobar o nomeamento nas mesmas condicións que figuraba nos orzamentos do Concello, e tampouco con outras características diferentes como fora a pretensión inicial do grupo de goberno, o que na practica significa un rexeitamento ao nomeamento deste persoal eventual, e que se produce por vez primeira dende o ano 2006. O punto foi rexeitado cos votos en contra do PP e do Grupo Mixto-BNG e a abstención do PsdeG-PSOE.

A pesares de que un dos grupos políticos (PSdeG-PSOE) mostrouse a favor de que o persoal eventual puidera existir sempre en cando non se actualizase o seu salario (igual que en 2019), finalmente na sesión plenaria decidiu absterse, argumentando agora que o que se trataba era o conxunto, entendendo que non se podía aprobar o persoal eventual se non eran aprobadas as retribucións do resto dos concelleiros e concelleiras do goberno e da corporación. En consecuencia, o decreto asinado no seu día para cubrir o posto vacante por cambio de alcaldesa quedou sen efecto.

Tere Pérez, a persoa que viña desempeñando o cargo de Xefa de Gabinete, prestou os seus servizos tamén durante o goberno de coalición da pasada lexislatura, traballando por igual para os dous partidos nas mesmas condicións que agora o PsdeG-PSOE decide non apoiar.

A alcaldesa lamenta a decisión de non ratificar o decreto polo Pleno por cando esta persoa de confianza e que no orzamento aparece como Persoal eventual, denominado “auxiliar administrativo”, realizaba, entre outras, importantes funcións para o goberno e para a Corporación no seu conxunto, entre elas o apoio ao departamento de secretaría na xustificación e xestión de subvencións, tarefas que recaerán agora plenamente nun departamento xa de por si cunha gran carga de traballo.

Esta é a segunda vez que o equipo de goberno leva o posto do persoal de confianza ao pleno. A primeira propondo unha actualización salarial en base ao IPC con respecto a proposta actual, e a segunda, este 21 de agosto,  atendendo a petición do PSdeG-PSOE de deixar a cantidade como estaba establecida en 2019, o que, lamentablemente, non serviu para a ratificación.

Visita ao serradoiro dos Carranos do delegado territorial da Xunta

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de acondicionamento exterior e mellora do Aserradeiro de Os Carranos, no concello de Covelo. Os traballos foron posibles grazas á liña de axudas ATG TU503D – Subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, unhas axudas coas que a Xunta busca fomentar e acondicionar atractivos turísticos por todo o territorio galego para que veciños e visitantes poidan gozar deles.

O representante autonómico, acompañado polo alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, puido observar o traballo realizado e entrar neste serradoiro centenario. Situado na parroquia de Maceira, o aserradeiro foi construído no ano 1922 sobre os peares dun vello muíño e durante décadas aproveitou a forza do río Vixiáns para traballar a madeira.

Reguera asegurou sentirse impresionado coa beleza do espazo natural onde se atopa esta construción e co resultado obtido tras a rehabilitación e declarou que “con estas obras a Xunta pon en valor os lugares e espazos que, pese a non ter moita repercusión mediática, gozan dunha historia e dunha beleza dignas de conservar e promover” e continuou, “o turismo é un ben moi prezado para Galicia e debemos facer un esforzo para que todos os concellos logren dar visibilidade aos seus atractivos”.

Cabe destacar que esta axuda afecta a 14 concellos da provincia de Pontevedra e conta cun presuposto total para toda Galicia de tres millóns de euros.

Bos resultados na Travesía a nado Vila do Tea

O vigués Miguel Martínez (CN Canoe) e a Xixonesa Alba Ortiz de Guinea (CN Ponteareas) proclamáronse vencedores Elite da VII Travesía a nado Vila do Tea, puntuable para o Circuito Gallego e a Copa de España de Augas Abertas 2023.

Na proba masculina, Miguel impuxo un ritmo moi intenso que só Mario Méndez (CN Rías Baixas) e o internacional portugués Hugo Ribeiro foron capaces de seguir, destacándose do resto de nadadores, e completando un podio de verdadeira categoría, no que a 2a e 3a posición decidíronse ao sprint por 1 segundo.

Na carreira feminina, Alba Ortíz foi capaz de manterse preto do terceto masculino, escapándose do resto de mulleres, e chegando con clara vantaxe sobre a gaditana Irene Peiteado (CN San Fernando) e a Pontevedresa Ana Fernández (CN Galaico).

Na categoría Máster, os gañadores foron:

  • Máster1, David Hortas (C Tenis Chamartín) e Alexia Arredondo
  • Máster2, Germán Linguas e Rebeca Santos (ambos os integrantes do CN Máster Torrijos)
  • Máster3, Jesús Gómez e Mónica García (CD Halegatos)
  • Máster4, Enrique Matas (SwimTrail Maspalomas) e Maria do Mar Terceiro

Este ano a travesía comezou cun coloquio e recollida de dorsais e unha degustación de queixo Arzúa-Ulloa e rosquillas tradicionais de Ponteareas o venres pola tarde, como benvida aos case 300 deportistas rexistrados (moitos chegados desde fóra de Galicia).

O sábado, a choiva fixo acto de presenza, achegando unha dose extra de épica aos participantes das diferentes categorías que cruzaban a meta e finalizaban o seu percorrido.

O presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera, agradeceu o inmenso labor que, durante semanas, realizou a organización. Co apoio de patrocinadores e institucións públicas, esta proba está a consolidarse entre as de mellor nivel deportivo en augas abertas de toda Galicia.

O Campamento Musical de Tomiño inicia dúas semanas de actividades

0

O Campamento Musical,  organizado polo Concello de Tomiño en colaboración coa Agrupación Musical de Goián, arrancou esta semana con 45 participantes de entre 3 e 12 anos.

O campamento durará dúas semanas, nas que os nenos e nenas entrarán en contacto coa música, moitos deles por primeira vez, a través de xogos e dinámicas de grupo, traballando cunha metodoloxía integradora que lles permita aprender na diversidade e en igualdade.

Impartido por profesionais da Agrupación Musical de Goián, este campamento propón actividades lúdicas a través das que cada participante coñecerá diferentes composicións musicais creadas por mulleres, coñecendo ademais as súas biografías e traxectorias profesionais. Realizaranse actividades moi variadas, como miniconcertos de solistas, actividades manipulativas con elementos naturais, obradoiros de instrumentos musicais con material de refugallo, manipulación de instrumentos, actividades de abstracción a través da música e moitas outras, todas elas coa finalidade de gozar coa música.

O Campamento Musical de Tomiño é xa unha cita infantil ineludible de cada verán. Nel, os nenos e nenas espertan o seu interese pola música e, en moitos casos, convértese no impulso para matricularse como alumnos na Escola de Música.

Pola súa banda, o prazo de matriculación da Escola de Música para o vindeiro curso abrirase proximamente. A súa oferta educativa é ampla e adáptase a todas as idades, a partir dos tres anos. A Escola ofrece clases de instrumentos de vento madeira, vento metal, percusión  e violoncello, así como coro e solfexo para adultos. O primeiro mes é de proba e gratuito.

Nigrán colabora na celebración da Festa de San Roque de Camos

0

O Concello de Nigrán colabora coa celebración das festas de San Roque de Camos, do mércores 23 de agosto ao domingo 25, achegando 4.000 € a través da iniciativa ‘Música nas Parroquias’. Este programa municipal finánciase a través da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 40.000 € que se distribúen entre todas as festas patronais de Nigrán, ben para contratar bandas de música ou orquestras.

A festa de San Roque arranca no devandito torreiro mañá con procesión e gaitas do C.C. A Merced de Chaín pasarrúas e verbena a partir das 21:30 coa orquestra La Banda de Ayer e Trío Tic-Tac. O xoves ao mediodía procesión e concerto coa Banda de Música do Val Miñor e a partir das 21:30 Orquesta Los Magos e Trío La Noche del Grove. O día 25 procesión ao mediodía co Grupo de Gaitas Malas Herbas, ás 17:00 as tradicionais poxas e pola noite Orquesta Ritmo e Trío Soprano.

“Volvemos a colaborar coas entidades festeiras e veciñais para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.

O programa municipal ‘Música nas Parroquias’ colaborou xa coas festas do Santísimo Cristo da Victoria en Chandebrito e San Xoan de Panxón, San Pedro da Ramallosa, Santiago de Parada, Carme de Lourido, San Fiz de Nigrán (organizado integramente polo Concello), Virxe das Angustias, San Roque de Camos agora e, finalmente, será o Bo Xesús de Priegue.

Avanzan a bo ritmo as obras da Fase I de mellora da seguridade viaria e peonil da EP-2601 Mos-Puxeiros

0

O tenente de alcalde de Mos e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil mosense de Urbanismo, José Ramilo, visitaron e supervisaron onte a obra de humanización da Estrada Provincial Mos-Puxeiros.

Os traballos iniciáronse hai aproximadamente mes e medio de avanzan a bo ritmo, desenvolvéndose segundo os prazos establecidos polo plan de obra aprobado. Deste xeito, a senda atópase xa preparada para formigonar esta mesma semana ou a que vén e, a continuación, prepararase a zona do paso de peóns. Así mesmo, acometéronse tamén e seguiranse a acometer ata a súa finalización, as instalacións dos tubos para as canalizacións de augas pluviais, telefonía, Fenosa e alumeado.

A obra que se atopa en marcha trátase da primeira fase da ‘Mellora da seguridade viaria e peonil da EP – 2601 Mos – Puxeiros’. Para a acometida deste proxecto cóntase con convenio entre Deputación e Concello de Mos, que financiarán a obra en un 70% e 30% respectivamente.

O proxecto da segunda fase desta humanización, beneficiará ao tramo que transcorre pola parroquia de Dornelas.

A primeira fase da humanización, transcorre pola parroquia de Mos no tramo desde o cruce coa estrada nacional 550, no punto quilométrico 0+020, ata o cruce co colexio Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, no punto quilométrico 0+600. Ademais desde o Concello destácase a importancia de que desde a administración provincial se aceptase a proposta municipal de recuperar tamén o antigo tramo da estrada provincial que transcorre por diante do Cristo da Esperanza e que vai desde a N500 ata a Pesqueira.

A obra conta cunha financiación ao 30% municipal e 70% provincial e estará rematada antes de que finalice o presente ano 2023.

As accións que se levarán a cabo no vial son basicamente as seguintes: mellora da mobilidade peonil mediante creación da senda. Adaptación da drenaxe á nova aliñación proxectada. Execución dos servizos urbanos necesarios: soterramento de iluminación, rede eléctrica e de telecomunicacións. Execución do pavimento da nova ordenación utilizando xabre, formigón, lastra, baldosas e laxas de pedra. Reforzo do firme da calzada no vial municipal mediante fresado e reposición da capa de rodadura. Reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito e instalación de mobiliario urbano.

A obra require de actuacións previas e movemento de terras. Os traballos comezáronse coa retirada dos elementos de superficie: sinais e postes, para poder continuar posteriormente coa demolición dos pavimentos existentes que corresponda. Unha vez realizada a demolición dos pavimentos referidos, previo corte lonxitudinal con disco, e xerado o sobreancho necesario para a nova sección, procederase ao saneo do terreo mediante o caixeado necesario para poder executar posteriormente o novo paquete de firme deseñado. En canto á drenaxe, debido á solución proxectada será preciso adaptar a drenaxe superficial á nova aliñación do vial. A auga superficial será recollida pola reixas e sumidoiros contiguos ao viario que conducirán a auga, a través de tubaxes ata os puntos de vertedura.

Renovarase por completo a iluminación do vial, mediante o soterrado da liña e a instalación de novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética da rede. A maiores, aprovéitase a actuación para executar a canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións. 

O importe o que se refire a presente actuación ascende a un orzamento total de 446.545,39 €. Os investimentos necesarios para a realización das mencionadas obras son financiados pola Deputación de Pontevedra e Concello de Mos mediante a achega da Deputación de Pontevedra 312.581,77 € (70%) e Concello de Mos 133.963,62 € (30% do importe das obras).

Éxito rotundo da Feira do Xamón da Cañiza

0

Este domingo, 20 de agosto, pecharonse as celebracións da Feira do Xamón 2023 da Cañiza que dabanse cita na Carballeira do Cacharado, cun xantar popular con sardiñas, churrasco de vitela da Paradanta e pan, viños e doces da zona e da comarca. Unha xornada de confraternidade na que se esgotaron todas as mesas e sillas postas en aluguer polo Concello (420 prazas) e amenizada pola charanga “Vai de Baile” e do grupo de pandereteiras da Asociación Cultural “Os Furafollas” de Oroso.  A festa rematou ás 17 horas coa festa da escuma e inchables para os máis pequenos.

Pero a Feira do Xamón comezou xa o sábado 12 de agosto coas actuacións da Banda de Gaitas de San Xoan de Paramos de Tui e o concerto de María do Ceo.

A programación continuou o 13 de agosto, o Concello conseguiu fabricar o bocata de xamón máis grande ata o momento. Unha barra de pan rústico, nunha soa peza de 19.5 metros de lonxitude. Ademáis conseguimos cortar  a coitelo un só xamón nun lisco enteiro de 23 metros, nunha exitosa xornada na que ademáis estreamos un novo forno de pan. Unha orixinal estrutura única, de 6 metros de longo polo que transita o pan.

E tamén esa tarde os máis pequenos traballaron no obradoiro de pan infantil podendo fabricar pan, baixo a supervisión dos maiores e dando forma ás pezas máis orixinais. Xa pola noite música a cargo da Banda Top Secret e a discoteca móbil Radikal.

[su_image_carousel source=”media: 75837,75838,75835,75834″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O luns 14 de agosto entrouse de cheo nas festas coa saída as 12 da mañá dos centenarios cabezudos da Cañiza que percorreron as rúas do centro ao son da música do Grupo de Santa Cristina de Valeixe.

Ás 19 h deu comezo a máster class de corte de xamón e a cata de viño da mán do profesional xamoneiro e Director do Concurso Nacional de Corte de Xamón da Feira do 15 de agosto Víctor Burgos e do enólogo Juan González Arjones.

Unha actividade que tamén rematou desbordada e na que descubrimos os trucos para acadar os mellores liscos de xamón e aproveitar ao máximo o produto. O enólogo Arjones tamén adentrou aos participantes nos segredos das catas, descubrindo as variedades de viño da nosa zona e cómo maridalos co xamón, entre outras leccións.

Pola noite comezaron as verbenas coas actuacións do Grupo Alkar e a Orquestra Saudade.

E o día 15 de agosto, festivo nacional, celebrouse a 57 Feira do Xamón, nunha edición na que se desbordaron todas as previsións de asistencia de veciños, visitantes e turistas. A este respecto referiuse o alcalde, Luis Piña, “dende o Concello e en nome de todos os cañicenses, queremos agradecer a confianza e a presenza multitudiaria do público nas nosas festas. Graza a todos por ter elexido A Cañiza como destino turístico no día máis grande e festivo de todo o ano. O 15 de agosto”.

A xornada gastronómica do 15 de agosto extendeuse durante todo o día dende a Carballeira do Cacharado, onde comezou a Feira, ata todos os establecementos hostaleiros da Cañiza, onde se continuou servindo o afamado xamón.

As racións do stand oficial do Concello servíronse a 7 € a ración en calquera das especialidades (curado, asado, en tortilla, empanada e xamón empanado) con pan, auga e un vaso de viño da nosa terra. Excelentes albariños brancos da D.O. Rías Baixas, das prestixiosas adegas EIDO DA FONTE e  TERRAS de ABELAN que tamén estiveron presentes na Feira con stand propio cos seus mellores e premiados caldos.

As 11 deu comezo o VIII Concurso Nacional de Cortadores de Xamón na que participaron 12 dos mellores cortadores de xamón de España e ás 12 o desfile dende a Casa Consistorial ata a Carballeira, encabezado polo tradicional carro galego, cargado de xamóns e tirado polos bois de Mario Nogueira. Participaron tamén no desfile os cabezudos, os nenos ataviados co traxe rexional portadores das bandexas cos pinchos de xamón, a Corporación e demáis invitados. E acompañando o desfile o grupo de Gaitas da Asociación Cultural Santa Cristina de Valeixe que se sumaron aos acordes do Grupo de Gaitas «BARALLOCAS» da Cañiza e da Charanga «NOROESTE». A xornada do 15 rematou cunha grande verbena a cargo do grupo La Nave e da orquestra GRAN PARADA.

Unhas festas que un ano máis se saldaron cun grande éxito de público e organización. Un éxito que non sería posible sen o traballo e dedicación dos profesionais, empresarios e traballadores do Concello. A todos, GRAZAS polo apoio incondicional e gran colaboración.

O Pazo Pegullal de Salceda acolle esta fin de semana un concerto de Música no Ar

O programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra continúa o seu percorrido este xoves, 24 de agosto, en Salceda de Caselas. O concerto ofrecido pola formación Lulavai celebrarase no Pazo Pegullal ás 20:00 horas dentro desta iniciativa provincial composta, este ano, por 15 actuacións de música clásica e de cámara que se levarán a importantes espazos patrimoniais da provincia: museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos e fortalezas.

Lulavai é un cuarteto de arpas formado polas viguesas Josefa Fernández, Paula Oanes, Elena Paz e Lorena Reinaldo, unha insólita formación cuxo protagonismo recae sobre catro arpas celtas e a polifonía das súas voces. Lulavai interpretarán temas con orixe na música tradicional galega e outros de carácter persoal inspirados noutras músicas e estilos musicais de todo o mundo. Os arranxos están pensados para o seu instrumento principal e as súas voces, ademais doutros instrumentos de percusión tradicionais como pandeiros, pandeiretas ou culleres. O repertorio abrangue temas tranquilos que convidan a ser escoitados cos ollos pechados e outros máis rítmicos de marcado estilo tradicional.

As integrantes coñecéronse en 2005 e emprenderon o proxecto Lulavai en 2008 para explorar novos mundos sonoros e interpretar, con arranxos coidados e elaborados, temas tradicionais galegos e de composición propia. Nese ano foron seleccionadas como finalistas no ‘Festival cancioneiros’ da Fundación Pedro Barrié de la Maza e, desde entón, publicaron dous álbums e están a piques de lanzar un terceiro traballo discográfico.

A programación de “Música no Ar” está composta por 15 formacións, de dúos a cuartetos, con repertorios entre o clásico e o contemporáneo, música instrumental e voz pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Tralas actuacións xa celebradas en Nigrán, Vila de Cruces, Vilaboa, Cuntis, Soutomaior e Mos e a de Salceda, o programa continúa ata setembro con máis concertos en Ribadumia, Ponte Caldelas, Mondariz, Bueu, Crecente, Forcarei, Salvaterra e A Cañiza. O calendario completo pódese consultar no sitio web da Deputación.

O XXXI Trofeo Pista das Faias dispútase o sábado no Rosal

0

O Trofeo Pista das Faias chega á súa XXXI edición este sábado, 26 de agosto. Arredor de 200 ciclistas chegados de diferentes puntos de Galicia e Portugal achegaranse ao Rosal para disputar este trofeo a partir das 16 horas.

O trofeo conta con diferentes categorías: Promesa, Principiante, Alevín, Infantil e Cadete, todas elas en masculino e feminino, así como categoría Junior feminina. Todas as carreiras celebraranse entre as 16 horas e arredor das 20.30 horas.

Esta proba ciclista, organizada polo Club Ciclista do Rosal e co apoio do Concello, forma parte do calendario da federación Galega de Ciclismo, e leva celebrándose trinta e un ano consecutivos, desde 1992, que só se viron interrompidos pola pandemia do COVID-19 no ano 2020.

Comeza o curso de bailes de salón en Ponteareas

Arredor de 20 persoas de Guillade, en Ponteareas, iniciaron un curso de bailes de salón enmarcado no programa provincial “Depo en Marcha”. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar a independencia das persoas maiores. O taller, promovido pola Asociación de Veciños San Gregorio de Guillade e organizado pola institución provincial, celébrase todos os sábados ata o 25 de novembro en horario de 19:00 a 21:00 horas.

O curso de bailes de salón é un dos 130 que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.

A Festa da Lamprea Seca consolida o seu éxito ante centenares de visitantes

0

A XXVIII Edición da “Festa da Lamprea Seca” cumpriu, un ano máis, as expectativas de asistencia de público; coa presenza de centenares de persoas que non dubidaron en acudir a esta celebración gastronómica. O alcalde de Arbo, Horacio Gil, en nome do Concello agradeceu a masiva acollida e a excelente xornada de convivencia a todos os asistentes.

Os días 11, 12 e 13 de agosto o concello de Arbo, celebraba na Carballeira de Turbela a XXVIII Festa da Lamprea Seca coa degustación deste manxar rechea, en empanada e asada a brasa, donde centenares de visitantes e turistas se congregaron para honrrar a nosa Raiña a “Lamprea” acompañada dos viños das Adegas de Arbo.

Durante os tres días deixáronse ver polo municipio os visitantes que aos poucos se achegaron á degustación da lamprea seca como protagonista e dos viños das adegas de Arbo presentes na Carballeira de Turbela. Representantes institucionais, visitantes e  déronse cita  neste evento.

“A Festa da lamprea Seca, é unha oportunidade para descubrir en todo o seu esplendor a lamprea, Arbo, os seus costumes e as súas xentes” – explica Horacio Gil, rexedor da vila – “A lamprea e os nosos viños de Rias Baixas, que cada vez son máis demandados polo público en xeral, pódelos degustar durante os tres días na Carballeira de Turbela”.

Os tres días da Festa ofrecéronse aos asistentes a este evento unha contorna cálida, acolledora e unha “Lamprea Seca” apetecible. A Festa da Lamprea naceu hai 28 anos, co obxectivo de dar continuidade á promoción desta delicia gastronómica e poñendo en valor estoutras formas de preparar a lamprea fóra de tempada, e tras a acollida e centenares de visitantes que visitaron a Festa, o ano pasado ampliouse a programación aos a tres días.

Ademais da oferta gastronómica que brindou a feira, con casetas de produtos, a degustación da lamprea e o viño de Arbo, os visitantes tamén puideron gozar dun amplo e completo programa turístico e sociocultural que incluíu actuacións musicais coas que se amenizou o encontro durante os tres días, unha andaina, unha marcha ciclista, visitas guiadas ao Museo Arabo e unha Feira de Artesania.

“Desde o Concello seguimos na mesma liña de promocionar e poñer en valor o noso Turismo único, a lamprea, os viños das nosas Adegas con D.O. Rías Baixas, a gastronomía, o enoturismo, o patrimonio, a paisaxe, a natureza, o deporte de aventura, as pesqueiras, os nosos grupos….”, remata o rexedor da localidade.

Juan Carlos Triñanes Buceta gaña o primeiro premio do XI Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández

A undécima edición do Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández celebrouse con éxito de participación o 20 de agosto. O certame realizouse de forma  simultánea nas vilas fronteirizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, e contou coa participación de máis de 50 artistas, que retrataron in situ diferentes paisaxes do percorrido do Río Miño ao seu paso por estas localidades, tanto na marxe galega coma na portuguesa.

Obras gañadoras

Na categoría de adultos, Juan Carlos Triñanes Buceta resultou gañador do primeiro premio do certame, dotado con 1.500 euros e patrocinado polo Concello de Tomiño. Pola súa banda, o segundo posto foi para José Luis García Miranda, e o terceiro para Rocío Romero García, ambos premios dotados con 500 euros e patrocinados pola Comunidade de Montes de Goián e pola Fundação Bienal de Arte de Cerveira.

Na categoría xuvenil, de 12 a 17 anos, Uxía Soto Costas  fíxose co primeiro premio e na categoría infantil (ata 11 anos), resultou gañador Xuan Antonio González Prol. Os premios nestas categorías constaban dun diploma conmemorativo do certame e material de debuxo e pintura para seguir afianzando a súa paixón pola arte.

O xurado estivo formado por artistas de ambas beiras do Miño. Pola parte portuguesa,  integrárono as pintoras Mafalda Santos e Ana Maria Pintora, mentres que pola parte galega fixérono as artistas plásticas Conchi García Rodríguez e Gemma Marqués. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presidiu o acto de entrega dos premios, agradecendo a participación e o éxito de público con que o certame encheu Goián e Cerveira durante toda a xornada, dinamizando as súas rúas e espazos naturais, afianzándoos como un escenario perfecto para a celebración da arte.

Exposición das obras participantes

As obras participantes no Certame de pintura poderán ser visitadas no Centro Goianés ata o 3 de setembro. Deste xeito, o público poderá desfrutar da arte de pintores, tanto consolidados como noveis, que se achegaron ao Miño para pintar as súas paisaxes.

O Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández forma parte das actividades desenvolvidas pola Eurocidade Cerveira Tomiño.

Últimas prazas nos roteiros por Nigrán

0

O Concello de Nigrán todavía ten prazas para os roteiros gratuítos deste mércores 23 de agosto ‘Praia América – A Niza galega’ (18:30 horas) e do vindeiro mércores día 30 de agosto ‘Tesouros de Monteferro’ (18:30 horas). Ambos son gratuítos, de aforo limitado, e con inscrición previa no correo [email protected] indicando o nome completo, número de teléfono e título e data da ruta elixida. A duración aproximada é de 2-2,5 horas e a dificultade baixa ou media-alta.

No roteiro ‘Tesouros de Monteferro’ percórrese o Monumento á Mariña Universal, a batería militar e o petróglifo das ‘Penisas Pequenas’. Pola súa banda, o roteiro ‘Praia América- A Niza galega’ está baseado no proxecto de urbanización do emigrante e benefactor Manuel Lemos.

A ruta urbana ‘Paseando Nigrán’ do 26 de agosto adicada á parroquia de Camos xa ten as plazas completas.

Posta a punto das Escolas Infantís mosenses de cara ao inicio do curso

0

O tentente de alcaldesa de Mos, Camilo Grandal, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, visitaron as Escolas Infantís A Galiña Azul de Mos, Veigadaña, Cototorrón e Porteliña, para supervisar os traballos de posta a punto de cara ao inicio do curso o mes que vén.

As 3 Escolas están a ser obxecto de melloras de cara ao novo curso 2023-2024. Melloras realizadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e polo propio Concello.

Durante todo este mes de agosto, tempo no que as instalacións atópanse pechadas por vacacións, aprovéitase para realizar traballos de limpeza, mantemento e mellora; tanto no interior como nas zonas exteriores e xardíns. Nas tres escolas realizouse unha importante inversión, contando cunha subvención total de 30.178,13 euros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Estas obras de optimización consistiron na substitución do caucho por céspede artificial na Escola Infantil da Veigadaña, a petición dos membros da ANPA e dos pais e nais de alumnos/as en xeral; e agora instalaranse toldos en todas as ventás  para previr e paliar as altas temperaturas nas aulas do edificio durante os días de calor.

Na Escola Infantil da Porteliña, instalación de novos módulos de xogos no xardín e mellora dos sistemas de seguridade. E na Escola Infantil de Cototorrón, pintado interior das dependencias.

Así mesmo, por outra banda, nos interiores, realízanse labores común nas tres Escolas Infantís de revisión e reparación ou substitución, se procede, de luminarias e reparacións de fontanería e renovación de grifería.

Agora mesmo hai 70 nenos matriculados na Escola Infantil da Veigadaña, 41 nenos matriculados en Cotorrón e 41 en Porteliña. En total comezarán o curso o vindeiro setembro 152 cativos.

A Orquestra Sinfónica de Galicia acturá este venres no Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera

0

O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrece o seu sexto concerto este venres día 25. Aínda que, de xeito excepcional, mudan de sábado para venres o horario será o mesmo, ás 20 horas na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera. Este cambio de día fará posible que unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España actúe nesta parroquia de Covelo. O público do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera terá o privilexio de gozar do talento da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube e premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.

Baixo a dirección de José Trigueros a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretará en Barcia de Mera obras de Leó Weiner e Johannes Brahms. José Trigueros é un dos directores españois con maior proxección, sendo director asistente da Joven Orquesta Nacional de España, dirixíu orquestras como a Orquestra de Valencia, a Orquestra Ciudad de Granada, a Orquestra Sinfónica de Navarra, a Orquestra Sinfónica del Vallés, a Orquestra de Córdoba, a Orquestra Sinfónica das Illas Baleares, a Oviedo Filarmonía, a Orquestra de Extremadura ou, en 2016, a prestixiosa Tonhalle Orchester de Zurich, onde foi seleccionado polo mestre David Zinman para unha Masterclass xunto á devandita formación.

A OSG, cuxo director titular desde a temporada 2023-24 é Roberto González-Monjas e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998. Ademais, a súa presenza nacional e internacional foi constante, con concertos nas mellores salas en España e con varias xiras por Alemaña e Austria. En 2007 realizou unha xira por América do Sur —con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo—, a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.

Tanto para os seus concertos internacionais como para os seus programas de abono, a OSG conta con solistas como Anne-Sophie Mutter, Isabelle Faust, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Grigory Sokolov, Frank Peter Zimmermann, Maria Joao Pires, Elisabeth Leonskaja, Dmitri Sitkovetsky, Stefan Dohr, Alica Sara Ott, Gil Shaham, Sarah Chang, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Mischa Maisky, Javier Perianes ou Christian Lindberg entre outros moitos.

A OSG converteu a súa canle de YouTube na máis vista do sector en España e unha das máis visitadas a nivel europeo: con máis de cen mil subscritores os vídeos da OSG superan os trece millóns de visualizacións no último ano desde un total de 227 países. O éxito internacional da súa canle e as retransmisións en streaming HD iniciadas na temporada 14-15 supuxeron a súa proposta para o premio Classical: Next Innovation Award 2015.

Para asistir ao concerto débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525.

Máis de 30.000 persoas participaron este ano no Entroido de Verán de Redondela

0

Imaxe de arquivo da presentación da XXIV edición do Entroido de Verán de Redondela

A XXIV edición do Entroido de Verán de Redondela resultou un éxito de participación. O Concello estima en máis de 30.000 os asistentes a este evento. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a festa, malia ser multitudinaria “desenvolveuse dun xeito moi positivo”, sen que se rexistrasen ningún incidente grave. Tanto Rivas como a concelleira de Cultura e Interior Rita Pérez valoraron de xeito “moi positivo” o traballo da Policía Local de Redondela e a Policía Nacional, que xunto coa campaña de sensibilización Espazo Libre de Violencias Machistas “resultou todo un éxito”. Do mesmo xeito agradecen “a excelente labor de Protección Civil no Hospital de Campaña”, cos que colaborou tamén a concelleira Pilar Martínez, sanitaria de profesión.

A edil de Cultura e Interior explica que, ao igual que noutros eventos e festas deste 2023 “non se rexistraron as cifras marca do ano pasado, cando o Entroido de Verán regresaba logo de dous anos de pandemia, pero a celebración foi multitudinaria”.

A choiva rexistrada na xornada non impediu celebrar o Entroido que encheu as rúas e prazas da vila de disfraces de todot tipo con público que chegou a Redondela en familia, en grupo e tamén con numerosas peñas. A programación do Concello apostou entre grupos por varios artistas galegos como a banda A Quinkillada, Ortiga e DJ redondelán Rodri Veigas, que foi o encargado de pór o punto e final á festa. A programación completouse cos picadiscos Carlos González e Borja Rúa e o concerto do canario Dasoul, ademais da tradicional Gala Drag, con Cristian de Samil como mestre de cerimonias.

O público infantil e familiar puido gozar da festa con gran cantidade de actividades con inchables, festa da escuma e o espectáculo “A bailar” de Animar-T, entre outras diversións.

Diminúe o número de incidentes

En canto ao número de incidentes, os casos rexistrados polos axentes estiveron moi por baixo das cifras rexistradas en edicións anteriores cunha ducia de intervencións por pelexas, cando na pasada edición se deron ata medio cento de liortas. Salienta Pérez o importante descenso no número de positivos por alcoholemia nos controis de tráfico realizados”con tan só dous casos desde as 20.00 horas do sábado e ata as 08.00 do domingo”. En canto a accidentes de tráfico nestas doce horas rexistráronse seis “aínda que non se poden atribuír todos ao Entroido de Verán, xa que a situación das estradas logo das chuvias facían máis probable o risco de sinistros”.

No Hospital de Campaña, xestionado por Protección Civil, atendéronse varias feridas leves e cortes, así como a varias persoas afectadas polo consumo de alcol.

As parroquias de Salvaterra contarán con luminarias LED

O Ministerio para a Transición Ecológica e o Reto Demográfico vén de comunicar a concesión da axuda de máis de 2 millóns de euros para o cambio a led en todo o municipio de Salvaterra de Miño, un proxecto singular de enerxía limpa financiado no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PROGRAMA DUS 5000).

Este proxecto consiste na renovación das instalación de alumeado exterior no municipio, actuando nas case 5.000 luminarias existentes, que serán sustituidas por novas de tecnoloxía led que disporán de redución de nivel de iluminación mediante equipo multinivel para axustala según os diferentes horarios nocturnos e os diferentes tipos de vías, implantando tamén a telexestión. Ademais adecuaranse e renovaranse 75 cadros de mando asociados a ditas luminarias.

Con esta actuación disminuirase a potencia de 400,62 kw a 178,42kw e conseguirase un aforro enerxético estimado dun 56 %.

Esta acción está enmarcada dentro do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que o Concello aprobou na anterior lexislatura e que marca a liña de acción e traballo a curto, medio e longo prazo da administración local.

O exterior da Catedral centra a nova visita guiada ao patrimonio tudense

0

Mañá martes continua o programa de visitas guiadas “Coñece o noso patrimonio” que están a percorrer diversos elementos patrimoniais da nosa cidade organizadas polo Instituto de Estudios Tudenses en colaboración co Concello de Tui. O obxectivo é facilitar un achegamento a diversos espazos patrimoniais tudenses dan de  especialistas.

Mañá martes ás 20.00 horas a profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández, guiará unha visita denominada “A catedral de Tui no medievo. Un percorrido exterior a través do románico e o gótico”.

A historiadora tudense licenciouse en 1989 coa especialidade de Arte Antiga e Medieval; Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela coa teses sobre  “Iconografía funeraria del obispo en la Castilla de los Trastámara” (1995) dirixida por Dr. Manuel Núñez Rodríguez. Ademais, realizou estudos en Estrasburgo, Madrid, París e Perugia. Ten realizados diversos traballos de investigación recollidos en diversos libros e numerosos artigos. Entre os seus libros destaca “La catedral de Tui en época medieval”. Marta Cendón é unha das maiores especialistas na arte de época medieval en Galicia.

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana María Núñez Álvarez agradece este iniciativa do Instituto de Estudios tudenses que promove un achegamento aos bens patrimoniais tudenses contribuíndo a súa promoción e difusión.

Tómbola Solidaria da Asociación Española Contra o Cancro de Mos

0

A AECC (Asociación Española Contra o Cancro) de Mos, organiza a súa tradicional Tómbola Solidaria, que se celebrará nos exteriores do Pazo de Mos, o vindeiro 16 de setembro ao longo de todo o día.

A actividade contará ademáis con diferentes actuacións de artistas locáis, que de xeito desinteresado colaboran con esta causa.

Programa

  • 11:00 h Misa en recordo de Magdalena Domínguez, presidenta da xunta local de Mos da AECC e de todos os enfermos. (Igrexa Santa Eulalia de Mos)
  • 12:00 h Sesión vermut amenizado pola charanga Sacacorchos
  • 17:00 h O Mago Marco
  • 18:00 h Generación M
  • 19:00 h Voces de Arrieiro
  • 20:00 h DesfilaMos (organizado pola Asociación de Palilleiras de Mos)

Ao longo de todo o día estará instalado un inchable gratuito no que todos os cativos e cativas poderán gozar.

O ‘Solpor Monteferro’ despídese o venres e o sábado

0

A música está de volta no mellor escenario do mundo, o miradoiro de Monteferro, coa sexta edición do Festival Solpor Monteferro, os días 25 e 26 de xullo.

Tal como surxiu en 2017, o obxectivo permanece inalterado: gozar ao aire libre nun entorno privilexiado, no miradoiro de Monteferro, un escenario de fronte ao Atlántico que regala as vistas máis impactantes.

Neste enclave singular, diante das Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas do mar e da montaña, a caída do sol ofrece unha oportunidade para vivir experiencias musicais enriquecedoras.

Un xeito único de gozar dun concerto, prestando atención ao noso contorno e mergullándonos no ritmo das ondas e nas mellores actuacións en directo.

Solpor Monteferro é unha experiencia musical para disfrutar con tranquilidade. Solpor Monteferro conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra. A cervexeira convida a saborear as súas referencias ao compás das mellores propostas musicais nun entorno único que converte ao festival nunha experiencia musical para gozar sen présa e cos cinco
sentidos.

O Concello de Nigrán, coa colaboración da Xunta de Galicia, quere destacar a beleza e a vivenza nun lugar tan espectacular como Monteferro, proporcionando ás bandas locais e emerxentes a oportunidade de promover o seu traballo no mellor dos escenarios.

Campionato Galego de Pumptrack en Mondariz

0
Este sábado dispútase en Mondariz, o primeiro Campionato Galego de Pumptrack, da man de Sportskids e Pontebike Team, coa colaboración do Concello de Mondariz e todo iso organizado pola Federación Galega de Ciclismo.
Esta modalidade de ciclismo está a coller moito auxe a nivel nacional e Internacional, chegando mesmo a disputarse Campionatos do Mundo e mesmo formarán parte dos Xogos Olímpicos.
Na nosa Comunidade Autónoma non quixeron deixar pasar a oportunidade e por iso este ano lanzaron un Campionato Galego de Pumptrack, que se disputará en Mondariz e onde se decidirán os Campións Galegos de cada categoría que vai disputar.
O Concello de Mondariz, non quixo deixar pasar a oportunidade de celebrar unha proba como esta en a súa Pumptrack, apoiando desde o primeiro momento este Campionato do mesmo xeito que xa o fixeron o ano pasado na proba celebrada por Sportskids.
Tanto o anterior goberno municipal como o actual, con Xoán Carlos Montes Bugarín como Alcalde, teñen claro que esta é unha proba que beneficia a Mondariz e que atrae a moita xente vinda de todas as partes de Galicia, España e Portugal.
Para este Campionato, desde Sportskids e desde o Club Pontebike Team, teñen preparada unha gran competición, con premios para os mellores tempos Scrach, grazas á colaboración de Balneario de Mondariz, Hotel A Reitoral, Hotel Cemar, Restaurante Ou Castelo, Biziebike, Augas de Mondariz e RocbikeCustoms.
Tamén haberá unha festa da escuma final para todos os participantes.
Na proba tamén se entregarán as camisolas de Campións de Galicia a todas as categorías participantes.