Exposición de traxes tradicionais antigos de Galicia e Portugal, no antigo cárcere de Tui

O antigo cárcere, na rúa Sanz, de Tui, acollerá esta fin de semana a Exposición de Traxes Tradicionais Antigos de Galicia e Portugal. A mostra está organizada pola Asociación Cultural San Telmo coa colaboración do Concello de Tui. Exporanse traxes tradicionais de toda Galicia e Portugal, estes últimos cedidos pola Cámara Municipal de Valença.

A inauguración terá lugar este sábado ás 12h a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. Ás 20 h intervirá José Manuel Villa Troncoso 'Mané' e haberá unha degustación de 'Boleardos', unha sobremesa típica de Tui que foi recuperada pola presidenta da Asociación Cultural San Telmo, Conchi Sales, e que para esta ocasión será elaborada pola Tahona Micaela.

traxe tradicional boleardos

Os 'Boleardos', sobremesa típica de Tui, recuperada pola presidenta da Asociación Cultural San Telmo, Conchi Sales

A degustación acompañarase de viño de Porto. Contarase amais coa actuación do grupo Luar do Minho de Valença e das pandereteiras Chourivía de Vigo.

A Asociación San Telmo de Tui aposta pola recuperación dos 'Boleardos', unha sobremesa da que teñen constancia documental dos anos cincuenta tanto ao través de escritores e historiadores coma de artigos da prensa local.

O horario de visita será o sábado de 12 h a 14 h e de 16:30 h a 20 h e o domingo de 10 a 14 h e de 16:30 h a 20 h.