Preto de 350 deportistas participarán no VI Campionato Ibérico de Kung Fu de Tui

Preto de 350 deportistas, a partir dos 8 anos, van a participar no VI Campionato Ibérico de Kung Fu moderno e tradicional da Eurocidade, que terá lugar no novo Pavillón Municipal de Tui este domingo a partir das 10.30h. Os participantes proveñen de Valencia, Castela e León, Castela a Mancha, Andalucía, Madrid, Asturias e todo o territorio galego, ademáis de varios clubs de Portugal.

A presentación tivo lugar esta mañá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Tui, Rafael Estévez, o director do campionato, Eduardo Méndez, o director do departamento de Kung Fu moderno, Aarón Blanco, o vicepresidente da Federación Galega de Kung Fu, José Luis Rodríguez e o campión do mundo de Kung Fu, Julio Conde.

A competición estará baseada en aspectos técnicos, estéticos e educativos, a nivel individual e por equipos. Cada equipo terá que facer tres probas, unha de combinación de movementos libres, un de defensa persoal e un Tao (Patrón de Movementos). Na modalidade de Kung Fu Moderno, haberá coreografías de movementos marciais con e sen aparatos, baseadas en rutinas de 1.20 minutos de duración e que se avalían por contidos técnicos e de dificultade.

A Federación galega de Kung Fu ademáis adheriuse á campaña pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, polo que contan cun sistema de competición onde mulleres e homes compiten en igualdade de condicións e posibilidade de equipos mixtos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu tanto á Federación Galega de Kung Fu como o club Di Som Tui, organizadores deste campionato, o traballo realizado, e destacou tamén o valor do carácter transfronteirizo e de igualdade deste campionato.