O PSOE tingue a Tui de vermello

Se algún municipio hai no que se podía estudar o fenómeno do voto fragmentado, o que algúns máis puristas gustan de chamar 'atomización do voto' –definición que os que 'fomos por letras' nunca tivemos moi clara– ese era Tui. Era, dicimos, porque nestas municipais do 2019, pásase dunha corporación de oito partidos a unha de seis pero cun deles, o PSOE, que acada unha sorprendente maioría absoluta.

Sorprendente se temos en conta que, por unha banda, os socialistas tiñan, no anterior mandato, 3 concelleiros (o que máis tiña era o PP con 4). Por outra, con eses tres concelleiros Enrique Cabaleiro conseguía ser investido alcalde co apoio de grupos que, tempo despois e nese malabarismos políticos que hoxe en día estan moi de moda, presentábanlle unha moción de censura que colocaba no sillón da alcaldía a Carlos Vázquez Padín, de C21 (Converxencia 21) con tan só dous concelleiros.

Esa moción de censura presentada dun xeito un tanto estraño a un alcalde que, a dicir dos veciños e veciñas, non o estaba a facer nada mal, ten nestas municipais 2019 unha clara resposta da veciñanza: darlle a maioría absoluta a Cabaleiro e permitirlle gobernar a cidade de Tui. As mocións de censura, dicía unha vez un destacado político "para que sean efectivas, teñen que responder a un clarísimo clamor popular en contra do Goberno".

En Tui, a moción contra Enrique Cabaleiro, presentouse sen ese clamor popular, sen motivos fundados e sen explicacións claras á cidadanía do por qué da mesma. O resultado á vista está.