A Deputación aproba dous novos investimentos para Tui de preto de 165.000 euros

A Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, dous novos investimentos por un valor de 164.707,44 euros para Tui con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 94.759,04 euros para a reforma da rede de saneamento e melloras na drenaxe e ventilación da cámara na planta baixa dun edificio de vivendas en Caldelas, e outros 69.948,40 euros para financiar o acondicionamento do parque de Areas.

Máis polo miúdo, no edificio de vivendas de Caldelas proponse a execución dunha nova rede de saneamento comunitaria, tanto horizontal como vertical; a instalación dunha nova rede de pluviais; e a mellora de drenaxe e ventilación do espazo baixo forxado. Estas obras son precisas para emendar os danos producidos no edificio, relativos a humidades, atascos no sistema de saneamento e outras patoloxías.

Por outra banda tamén se van a realizar actuacións de mellora para a adecuación e acondicionamento do parque de Areas. Máis polo miúdo, o que se pretende é crear un lugar de sombra e estancia, mediante a disposición dunha gran xardineira delimitada por un banco corrido de pedra ao longo do muro de peche da parcela, con distintas orientacións, creando un espazo irregular.