As comparsas de Tomiño, estrelas nos desfiles de entroido de Galicia e Portugal

Comparsa Ciklón Comparsa Ciklón

As comparsas de Tomiñoestán a asinar un Entroido 2018 caracterizado polo éxito acadado en todos os desfiles nos que participaron, ata o de agora, tanto en Galicia como en Portugal. Así, Estrelas da Noite, Luces e Ciklón conseguiron entre todas unha ducia de premios tras o seu paso polos desfiles de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, O Rosal, Tui e mesmo a localidade portuguesa de Caminha.

A gran sorpresa dérona na capital galega, en Santiago, onde as tres comparsas tomiñesas encheron o podio na categoría de mellor carroza ao quedar Cicklón en primeira posición, Estrelas da Noite en segunda e Luces en terceira. Ademais deste premio, Ciklón volveu de Santiago co terceiro premio á mellor comparsa. Nestes días de desfile conseguiu tamén o primeiro premio pola súa carroza en forma de pavo real en O Rosal, mentres que de A Coruña volveron dos dous premios debaixo do brazo: o primeiro premio na categoría de carrozas e o segundo na de vestiario e coreografía, o equivalente a comparsa. Cuartos tamén no desfile camiñés, todos estes galardóns “son máis alicientes para seguir traballando xa pensando no entroido do ano que vén, aínda que o traballo forte comeza en setembro”, ao que xa lle empezaron a dar voltas, como asegura Fernando Domínguez.

Pola súa banda, Estrelas da Noite leva colleitado xa catro premios este entroido. Ademais do segundo posto na categoría de carrozas de Santiago, a comparsa tomiñesa conseguía na capital galega tamén o primeiro premio na de comparsas. Primeiro galardón para ela tamén na categoría de disfrace no entroido de Pontevedra e primeiro premio no desfile nocturno de Caminha polas súas vistosas caixas de música con xoias. “Para nós é un recoñecemento a tanta dedicación, xa que así como termina un entroido xa comezamos a pensar no seguinte”, explica Fátima Oroña, de Estrelas da Noite, que levan traballando na carroza e nos traxes dende o mes de setembro.

En canto á comparsa Luces, ademais do terceiro posto acadado en Santiago conseguiron un histórico terceiro premio no desfile de entroido de Tui na categoría de carrozas e un segundo premio en O Rosal, tamén pola súa carroza, unha gran ruleta de xogo.

Para todas e todos os integrantes destas asociacións o entroido aínda non rematou, xa que esta fin de semana acudirán, tanto como concursantes coma en calidade comparsa invitada a Noia, Padrón, Celanova, Carballiño ou Vilanova de Arousa.

O concello de Tomiño quixo felicitar "a todas e todos os integrantes destas comparsas por todos os éxitos colleitados ao longo desta semana". Todos estes premios ─apunta o Concello tomiñés─ "son sen dúbida o mellor recoñecemento a todos os meses de traballo e sacrificio dedicados a deseñar e construír tanto as vistosas carrozas como os traxes empregados por todos e todas, que conseguen sorprender cada ano a todo o público asistente".