Tomiño inicia as obras de pavimentación en A Calle, Goián

O Concello de Tomiño acaba de iniciar unha serie de obras de mellora integral na rúa A Calle, na súa confluencia coa Avenida Ordóñez, na parroquia de Goián, onde ademais do asfaltado da rúa procederase a realizar actuacións para mellorar a seguridade viaria dos veciños e veciñas do municipio.

Cun orzamento de arredor de 21.000 euros, o concello pavimentará esta rúa e porá en cota as tapas dos sumidoiros distribuídos pola zona. As obras de mellora tamén contemplan a colocación de elementos que obriguen á redución de velocidade en ambas as dúas rúas: mentres que en A Calle colocarase un lombo ou unha banda redutora para que os condutores circulen por esta rúa á velocidade axeitada, na Avenida Ordóñez construirase un paso de peóns sobreelevado que garanta aos veciños e veciñas poder cruzar con seguridade.

Tras as obras de mellora instalarase tamén nova sinalización e unha cámara para unha mellor regulación do tráfico que axude ademais velar pola seguridade viaria de todos os tomiñeses e tomiñesas. As obras estarán rematadas no prazo aproximado dun mes.