Tomiño remata as obras de remodelación do mercado de Goián

O Concello de Tomiño vén de dar por rematados os traballos de remodelación da praza de abastos de Goián, ─reconstrucción segundo un novo concepto, habería que dicir─ o que converte ao mercado de abastos da parroquia nunha instalación moderna, humanizada e conseguindo que o recinto, como xa o fixera coa marabilla que é a praza de abastos do Seixo, sexa "un recinto de oportunidades" como se sinala dende o Concello.

O certo é que o Concello de Tomiño ten, dende hai moito tempo, as cousas meridianamente claras en canto á necesidade de potenciar o comercio local e facer que o mercado de abastos non sexa tan só un lugar no que ir a mercar ─o seu fin primixenio, por certo─ senón tamén de reunión e de foro social e cultural, que pase a formar parte da vida cotiá da veciñanza e que, como  tal, sexa o eixo sobre o que xira o desenvolvemento comercial do municipio.

Agora, ese concepto copiado por numerosos concellos dentro e fora das nosas fronteiras máis inmediatas, trasládase  ao mercado de Goián seguindo a mesma filosofía empregada na antedita remodelación do mercado de abastos do Seixo, para o que se contou cun orzamento de preto dos 100.000 euros.

Aínda que o exterior sufriu algún que otro cambio de cara a darlle unha mellor accesibilidade, os traballos centráronse no interior, que cambia por completo, conveténdose nun lugar amable, amplo e luminoso. O Concello de Tomiño anunciou xa que, en breve, sacará a poxa pública a adxudicación dos catro postos de venta creados no interior das instalacións: unha carnizaría, unha peixaría, unha froitaría e unha floraría. Xunto con estes postos, a remodelación permitiu abrir novos ocos de paso, crear unha illa central e axeitar unha parte das instalacións a outros usos relacionados coa cultura e a cohesión social.

O obxectivo era dar unha nova vida ao mercado municipal, “reciclando o seu interior e adaptándoo ás necesidades funcionais, espaciais e sensoriais adecuadas para o tempo no que vivimos”, humanizando o espazo e facéndoo atractivo tanto para os usuarios como para os comerciantes, para que vexan na praza de abastos un recinto de oportunidades.

Este proxecto supón a consolidación da aposta do goberno local polo comercio de proximidade e a concepción dos mercados coma puntos de dinamización económica e social dos núcleos urbanos. Outro dos obxectivos é conseguir facer do centro de Goián, a segunda parroquia máis poboada do municipio, un lugar de encontro e convivencia dos veciños e veciñas.

Do orzamento total empregado nas melloras, arredor de 70.000 euros foron achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dunha axuda aprobada dentro da convocatoria ‘Espazos de Emprendemento Comercial no Rural’.