Comezan en Tomiño as accións formativas para desempregad@s

Ao igual que en anos anteriores, o Concello de Tomiño ofrece para as persoas interesadas, varios cursos de formación ocupacional ademais do curso de preparación para a proba de obtención do graduado en ESO, ratificando a aposta pola cultura e o acceso á educación a tódalas idades.

Os cursos de formación ocupacional ofertados este ano son «Actividades de xestión administrativa na relación co cliente» e «Sistemas microinformáticos». O primeiro deles, de 818 horas de duración comeza o martes 31 en horario de mañá, de 08:30h a 13:30h. O curso de Sistemas microinformáticos ten previsto o seu inicio o día 2 de novembro, en horario de 15:00h a 20:00h e cunha carga lectiva de 618 horas. Entre os requisitos de inscrición atópase o de estar empadroado/a en Tomiño, ter cumpridos os 16 anos de idade e posuír o título de Graduado en ESO ou equivalente. As persoas que superen con éxito os cursos recibirán o certificado de profesionalidade correspondente.

O Concello de Tomiño organiza tamén, un ano máis, o curso de formación de adultos para a preparación da proba de graduado en ESO, para a preparación de acceso a ciclos medios de FP, ou para a proba de competencias clave nivel 2. Este curso, que comezou o pasado 23 de outubro, estase a celebrar os luns, martes e xoves de 19:00h a 22:00h, e aínda se admiten inscricións nos seus 3 bloques de impartición: bloque de ciencias sociais, bloque lingüístico e bloque científico-tecnolóxico.

O número de prazas totais ofertadas polo Concello de Tomiño este ano entre os cursos de formación ocupacional e o de graduado en ESO supera ás 100 prazas, e esperase cubrir a totalidade das vacantes.

Tódolos cursos son impartidos no Centro de Formación Ocupacional O Regatiño, sito na Av. Pío Troncoso 8 de Goián, e as persoas interesadas en participar poden facer as súas inscricións no Concello de Tomiño en horario de 08:00h a 14:00h.