Mercado de Goián, lugar de encontro e promoción do comercio de proximidade

O Concello de Tomiño deu comezo, nesta pasada semana, aos traballos de remodelación do antigo Mercado de Goián que busca ser, amais do punto de promoción do mercado de proximidade, un punto de encontro para o desenvolvemento de actividades sociais, culturais e artísticas.

O deseño do proxecto do novo mercado elaborouse coa participación da poboación a través dun proceso participativo, mediante o cal elaborouse o plan de usos e o proxecto para remodelar a parte frontal do edificio onde ubicaráse o novo mercado, que levaba tempo pechado.

O proxecto contempla dous fases, esta primeira na que se rehabilitará a parte frontal do edificio como un novo e moderno mercado, axustado ás necesidades actuais, e unha segunda fase de adecuación do resto do edificio para usos socias, culturais e artísticos.

O novo mercado albergará 4 postos: un posto de pescado, un posto de carte, outro dedicado á froita e verdura e un á venda de flores.

O importe total do investimento rolda os 110.000 euros, dos que 70.000 serán achegados pola Consellería de Industria, logo de que esta aprobara o proxecto dentro da convocatoria «Espazos de Emprendemento Comercial no Rural» o pasado verán. O Concello sufragará o resto do investimento con fondos propios.

A finalización da obra está prevista para o vindeiro mes de decembro, de cara á campaña de Nadal. Paralelamente á última fase das obras levarase a cabo o proceso de información para a adxudicación dos postos ás persoas interesadas, a través de subasta pública.