Andrés Benítez resalta o papel das administracións públicas na visibilidade do colectivo LGTBI

Tomiño acolleu este sábado a II Festa Agro LGTBI+, celebración festiva que tivo como escenario o mercado municipal e na que non faltou de nada: concertos, obradoiros, charlas, photocall e manifesto a cargo de Andrés Benítez Oliveira, produtor audiovisual e recoñecido membro do colectivo LGTBI do municipio. O goianés explicou a súa difícil experiencia de ser homosexual no rural durante a súa infancia e adolescencia, opinando que o cambio da sociedade neste sentido e a visibilidade e normalización do colectivo, depende non só da familia e da escola, senón tamén das administracións públicas.

"Penso que as administracións publicas teñen moito traballo neste campo. Os nenos e nenas dende que están na gardería, teñen que entender como natural que un compañeiro e compañeira da clase pode ter dous papas ou dúas mamas, e todo e normal e non pasa nada", comentou.

agro lgtbi 2019 03

Andrés explicou ademais que segunda Festa Agro LGTBI, organizada polo voluntariado da oficina de Información Xuvenil (OMIX), "xorde da necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBI+ no ámbito rural, e tamén coma unha vía de reivindicación do campo, como un lugar de oportunidades”.

agro lgtbi 2019 02A festa comezou cunha sesión vermú artesá e o espectáculo circense Victoria. Ás 12:30 h tivo lugar o primeiro obradoiro infantil Trans*formando Realidades, a cargo de Sara Uris.

Ángel Amaro Quintás, licenciado en Socioloxía, coeducador e dinamizador comunitario, puxo a nota intelectual na festa, coa charla Entre a invisibilidade e o paternalismo: a emerxencia do armario de cristal.

Ao longo do día houbo espectáculos circenses e de transformismo; concertos, DJ, charlas, purpurina e brillantina biodegradables para todas as persoas participantes e un photocall para fotografarse.

Tras a comida picnic, celebrouse o espectáculo de transformismo Escribiuse un crime, con 'Marinita y sus maromas', compañía de teatro DRAG, e despois, concerto de Las Marikarmen, cabaret musical queer-pop, con músicos de distintas nacionalidades. Ás 19.30h, tivo lugar a última das actuacións: Russinha (DJ set) e coma peche da xornada, deuse lectura ao manifesto que se pode descargar dende esta ligazón.