O campo do Alivio de Tomiño, escenario dunha nova acción de 'Violencia Zero'

O campo de fútbol municipal do Alivio, en Tomiño, será escenario este martes, 14 de maio, dunha nova intervención artística dentro do programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero', o programa da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é visibilizar a loita contra as violencias machistas e enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas. A artista Doa Oa será a encargada de realizar esta intervención artística que, baixo o título 'Reforestando', consistirá nunha intervención do espazo público 'coa única ambición de renacer espazos'.

Comezará ás 9 da mañá no campo do Alivio e rematará sobre as 12:00 horas e está prevista a asistencia de escolares de centros educativos de Tomiño.

Segundo a artista, 'Reforestando' é un proxecto de intervención en espazos públicos co obxecto de 'renacer espazos'. Para Doa Oa, a pintura mural é un medio de transformar en vida os espazos, neste caso a través da temática vexetal, 'de xeito que o reino vexetal recupera eses espazos públicos'. Para ela, as especies elixidas sempre teñen algunha conexión co lugar, cos costumes ou coas tradicións dos lugares e do contexto. A idea para a intervención no Alivio está relacionada co poder natural das plantas e a súa relación cos habitantes do entorno, "como unha axuda para o seu apoderamento". 'Reforestando' é unha iniciativa que a artista Doa Oa xa realizou noutros lugares, todos eles no entorno da Ribeira Sacra.

volencia zero tominho02

Fragmento do cartel anunciador da acción de 'Violencia Zero' en Tomiño // Foto ©Nieves Correa

Doa Oa naceu en Sober, en 1986, pero reside en Ferreira de Pantón e é graduada en Belas Artes e técnica superior en fotografía. Ten participado en múltiples proxectos nacionais e internacionais, entre os que se pode destacar Rexenera (Carballo, 2018), La Commune en Lyon (Francia, 2018), Feria Urvanity 2018 no Hotel NYX (Madrid), Foum Zguid (Marruecos, 2018), Le Non Lieu en Roubaix (Francia, 2017), Asalto em Alfamén (Zaragoza, 2017), De Par em Part en Buñol (Valencia, 2017), Reinventa el teu Barri, en Puzol (Valencia, 2017), WOOl en Covilhá (Portugal, 2017), Compostela Contemporánea (Santiago de Compostela, 2017), Consorcio en Ribeira Sacra (Galicia, 2016), Vigo Cidade de Cor (Vigo, 2016), Tabacalera, espazo para a arte urbana 2.ª edición (Madrid, 2016), DesOrdes Creativas (Ordes, 2015), Kaldarte No-nexo (Caldas de Reis, 2015), Memorie Urbane (Italia, 2015).

'Mulleres en Acción. Violencia Zero' neste ano 2019 volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. O obxectivo é darlle visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas. Esta cuarta edición de 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' comezou en novembro de 2018 e novamente se despraza por 25 concellos da provincia.