Tomiño impulsa o proxecto «Máis Goián» de reestruturación dos espazos públicos da parroquia

O Concello de Tomiño está ultimando a adxudicación, estes días, dunha parte das obras incluídas no proxecto 'Máis Goián', de reestruturación e mellora dos espazos públicos desta parroquia. As obras que se adxudican nestes días son Ampliación e mellora da accesibilidade á Alameda de Goián. Fase I e Fase II (incluídas no Plan Concellos 2017 e 2018/2019 da Deputación de Pontevedra, con 187.401,57€ e 430.000,00€, respectivamente). Á mesa de contratación da primeira fase das obras, presentáronse 10 empresas e á da segunda fase, 11.

O proxecto 'Máis Goián' é un proxecto para o que xa se dispón de 1,4 millóns de euros, e que pretende gañar espazos para as persoas, convertendo a Praza da Igrexa no eixo dun espazo público e peonil para o goce da veciñanza, recuperando a Carballeira e a Alameda para uso público, e multiplicando por tres os espazos verdes. Ademais, contémplanse medidas para facilitar a conectividade entre os distintos espazos da contorna, dando prioridade a peóns e ciclistas e creando tres accesos peonís que actúen como conexión entre a Praza e o auditorio, o pavillón e o campo de fútbol, e entre a Alameda e a parada de autobús.

Contempla tamén a creación de 200 prazas en dous aparcadoiros públicos, e fará especial fincapé na seguridade da veciñanza, poñendo en marcha zonas de velocidade limitada a 30 km/h, e modificando a entrada do colexio para facilitar o estacionamento do bus escolar e garantir a accesibilidade e seguridade do alumnado.

O proxecto que se adxudicará en breve contempla basicamente a habilitación da zona coñecida coma a carballeira (un bosque de frondosas duns 7.000 m2 que pertencía á Casa Reitoral até que o Concello logrou adquirilo), pechando o muro da parcela da casa reitoral e creando dous accesos peonís co fin de conectar a Alameda e equipamentos da contorna (auditorio, escola de música, campo de fútbol e o pavillón polideportivo), co centro da vila. Asemade, ampliarase o recinto escolar do CEIP Antonio Fernández, que disporá dun terreo pechado de 4.000 metros cadrados, e crearase unha nova zona deportiva. Coa actuación proxectada conseguirase mellorar o espazo da Alameda e a súa contorna, integrando este espazo e o da escola de música, e acondicionando os terreos da parte traseira do auditorio para a realización de actividades deportivas e de lecer.

O Concello de Tomiño xa ten máis de 1,4 millóns de euros para levar a cabo algunhas das actuacións deste proxecto integral de reordenación. A reconfiguración de espazos públicos e usos do núcleo de Goián conta cun orzamento de case un millón de euros, o 80% financiados con fondos europeos IDAE. Pola súa banda, conqueríronse máis de 187.000 euros para primeira fase das obras de ampliación e mellora da accesibilidade da Alameda de Goián, a través do Plan Concellos 2017, da Deputación de Pontevedra, e máis de 430.000 euros para a segunda fase destas actuacións tamén a través do Plan Concellos (2018-2019).