O BNG de Tomiño presenta a súa candidatura para as municipais nunha multitudinaria cea

Sandra González, candidata á alcaldía de Tomiño polo BNG, presentou ao seu equipo, co que concorrirá ás eleccións municipais do 26 de maio, nun acto onde máis de 350 persoas ateigaron as instalacións do restaurante As Colinas de Tebra. Sandra González agradeceu o apoio e o cariño das veciñas e veciños de Tomiño, resaltou a importancia da participación no exercicio do voto na vindeira cita eleitoral, e comprometeuse a que, co seu equipo, o seu proxecto e coa confianza e o apoio das veciñas e veciños de Tomiño, o mellor está por vir.

A candidatura do BNG de Tomiño para as eleccións municipais está formada por 27 persoas, 17 titulares e 10 suplentes, nunha lista onde están representadas a totalidade das parrroquias de Tomiño, e que combina a experiencia das persoas máis veteranas, co aire fresco de novas incorporacións de mozos e mozas de Tomiño. Un equipo de persoas ilusionadas, co coñecemento, a experiencia e a motivación necesarias para sacar adiante o proxecto que o equipo presenta para os próximos 4 anos.

SandraGonzalez presentacion candidatura 02

A consolidación e finalización de grandes proxectos xa comezados, como a humanización e mellora dos espazos públicos do Seixo, a reconfiguración e mellora dos espazos públicos de Goián, ou o remate da Senda do Rio Miño entre Goián ata Tui, e outros proxectos novos como a construcción da biblioteca, ou o centro de iniciativas agrarias forman parte das propostas de futuro que, tal e como sinalou Sandra González, iranse presentando e explicando con detalle nos próximos días.

SandraGonzalez presentacion candidatura 03

Sandra e o seu equipo, que xa conseguiron nos seus anos ao frente do goberno liderar un cambio que fixo de Tomiño un referente da comarca, afrontan o futuro chamando aos seus veciños e veciñas á ilusión, a sentirse orgullosos e orgullosas do seu concello e de todo o acadado, pero a non conformarse, e seguir traballando por consolidar o proxecto de futuro de Tomiño.