'Avenida do Baixo Miño', a circunvalación de Tomiño xa ten nome

A nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo e que transformará o centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, xa ten nome: 'Avenida do Baixo Miño'. O proceso participativo a través do que todos os veciños e veciñas do municipio puideron, primeiro, achegar ideas sobre que nome poñerlle a esta nova infraestrutura e, finalmente, escoller aquela que máis lle gustase a través votación popular, culminou hai unhas semanas con este resultado provisional, xa que está pendente de aprobación no pleno municipal.

Un proceso de votación popular no que nunha primeira etapa elixíronse seis posibles nomes: Isaura Gómez, Cerveira, Turonia, Treboadas, Liberdade e do Baixo Miño.

Despois do reconto dos votos emitidos, tanto na web do Concello (dixitais), como nas urnas instaladas no edificio do Concello e no Mercado Municipal de Tomiño (papeletas), e tras as pertinentes validacións resultaron aptos un total de 420 votos, con estes resultados provisionais:
Isaura Gómez, 39 votos (9 %); Cerveira, 41 votos (10 %); Turonia, 62 votos (15 %); Treboadas, 71 votos (17 %); Liberdade, 98 votos (23 %) e Baixo Miño, 109 votos (26 %)

Coma se lembrará, o Concello de Tomiño convidou hai uns meses a toda a cidadanía a poñerlle nome á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo e que transformará o centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade. Un proceso de votación popular semellante levouse a cabo previamente para bautizar ao Instituto de Ensino Secundario que pasou a chamarse IES Antón Alonso Ríos.