Tomiño presenta as actuacións de reestruturación e mellora dos espazos públicos de Goián

O Concello de Tomiño presentou, no Centro Goianés, o proxecto de reestruturación e mellora dos espazos públicos de Goián, un dos dous núcleos urbanos que artellan a vila tomiñesa e que ata o de agora carecía dunha planificación urbanística sostible acorde coas necesidades da veciñanza, ameazando o futuro do seu patrimonio arquitectónico. Aínda que o proxecto ven do 2009, para dotar ás actuacións dun marco xurídico axeitado, o Concello de Tomiño, redactou unha modificación puntual do PXOM que foi aprobada definitivamente no ano 2018.

Tras anos de traballo, este proceso de reestruturación contempla a valorización dos espazos públicos. Así, as actuacións desenvolvidas polo Concello de Tomiño procuran gañar espazos para as persoas, convertendo a Praza da Igrexa no eixo dun espazo público e peonil para o goce da veciñanza, recuperando a Carballeira e a Alameda para uso público e multiplicando por tres os espazos verdes. Ademais, contémplanse medidas para facilitar a conectividade entre os distintos espazos da contorna, dando prioridade a peóns e ciclistas e creando tres accesos peonís que actúen como conexión entre a Praza e o auditorio, o pavillón e o campo de fútbol e entre a Alameda e a parada de autobús.

Esta recuperación de espazos para as persoas vai acompañada da dinamización do comercio local, coa recuperación e posta en marcha do Mercado, así como do apoio da mobilidade sustentable, coa creación de 200 prazas de aparcamento en dous aparcadoiros públicos. Este plan de reordenación fará tamén especial fincapé na seguridade da veciñanza, poñendo en marcha zonas de velocidade limitada a 30 km/h e modificando a entrada do colexio para facilitar o estacionamento do bus escolar e garantir a accesibilidade e seguridade de alumnado, pais e nais.

En canto ao eido educativo, este proxecto leva incluídas a transformación da antiga casa do médico nunha escola infantil con máis de 60 prazas, xa realizada; a ampliación dos terreos do colexio, que pasará a ter 4.000 metros cadrados; e a creación dunha área infantil dentro do centro escolar. Ademais, crearase unha pista polideportiva para uso da comunidade escolar e para o público en xeral.

O patrimonio tamén é un dos eixos centrais deste plan de reconfiguración deste núcleo urbano, xa que a través del porase en valor a arquitectura indiana, incorporaranse 11 edificacións con efectos de protección e cambiarase a cualificación urbanística das antigas escolas de Goián e da edificación tradicional da praza.

Máis de 1,4 millóns de euros
O Concello de Tomiño xa conseguiu máis de 1,4 millóns de euros para levar a cabo algunhas das actuacións deste proxecto integral de reordenación. Así, a reconfiguración de espazos públicos e usos do núcleo de Goián conta cun orzamento de case un millón de euros, o 80% financiados con fondos europeos IDAE. Pola súa banda, conqueríronse máis de 187.000 euros para primeira fase das obras de ampliación e mellora da accesibilidade da Alameda de Goián a través do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra e máis de 430.000 euros para a segunda fase destas actuacións a través do Plan Concellos 2018-2019.

A veciñanza poderá comprobar de primeira man todas as actuacións xa realizadas e as previstas grazas a unha maqueta que estará situada no Centro Goianés. Á reunión informativa asisitiron máis de 200 persoas, nun acto que o concello valora como moi positivo. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia de seguir traballando no eido da recuperación dos espazos para as persoas, e destacou a ilusión e a boa aceptación coa que a veciñanza de Goián recibiu a presentación do proxecto.