Tomiño recolle case 400 propostas para nomear á nova avenida que rodeará o Seixo

Éxito de participación na recollida de ideas para poñerlle nome á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo. O Concello de Tomiño recolleu case 400 propostas durante a primeira fase da campaña ‘Ponlle nome!’, un proceso participativo que invita á cidadanía a colaborar na proposta e elección da denominación desta nova rúa que nace co obxectivo de eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila.

Case a metade das propostas foron recibidas a través do espazo habilitado na web do Concello, mentres que na urna situada na Casa Consistorial depositáronse un 26% das ideas e na do Mercado Municipal o 24% restante.

“Estamos moi contentos coa resposta e coa implicación da xente na primeira fase da campaña. Esta infraestrutura vai supoñer unha mellora importante para todos os tomiñeses e tomiñesas e por iso nos parecía fundamental que se involucraran dende un principio con ela, que a sentiran como propia, incluso propoñendo e decidindo o nome que se lle vai poñer”, salienta Sandra González, alcaldesa da vila.

Tras o remate da fase de recepción de propostas, o vindeiro luns 21 de xaneiro un tribunal composto por persoas expertas e representativas da realidade tomiñesa, encargarase de analizar todas as propostas recibidas e de facer unha selección entre aquelas ideas que cumpran criterios básicos, como respecto ou orixinalidade, entre outros.

O mesmo día 21 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección, escollendo o seu nome favorito entre todas as propostas seleccionadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha urna instalada para tal fin, nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello, ou de forma virtual a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019. O concelleiro de Planificación Territorial, Uxío Benítez, espera que “a cidadanía continúe participando tan activamente na campaña, xa que se trata dun proxecto estratéxico que está feito por e para os tomiñeses e tomiñesas e que vai supoñer un antes e un despois para o municipio”.

Un espazo pensado para as persoas
Con ‘Ponlle nome!’, o Concello de Tomiño busca darlle voz e voto á cidadanía nunha das obras máis importantes do municipio, xa que materializan un proxecto reclamado historicamente polo Goberno municipal e levan consigo a transformación do centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade, con accesibilidade universal e xerando unha maior calidade de vida urbana.

Esta nova avenida rodeará o núcleo do Seixo e permitirá eliminar o tráfico de paso do centro urbano. Cunha lonxitude de 1.400 metros, enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e conectando o municipio coa futura Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Esta variante comunicará os equipamentos situados na estrada provincial, como o CEP Pedro Caselles, a área deportiva de Mosteiro e a igrexa románica de Tomiño, con novos equipamentos como o centro de saúde, o centro de día e mesmo o IES Antón Alonso Ríos, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.

A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Con cinco rotondas e unha vintena de pasos de peóns sobreelevados para distribuír e calmar a circulación e garantir a seguranza viaria, a nova avenida estará delimitada a unha velocidade máxima de 30 km/h.

Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a construción da nova avenida de Tomiño é un proxecto levado a cabo grazas ao convenio de colaboración entre Concello de Tomiño, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.