Tomiño fomenta o emprendemento e oferta varios postos nos mercados de Tomiño e Goián

Os mercados municipais de Tomiño teñen de forma permanente as portas abertas ao emprendemento. O Concello, interesado en contribuír á creación de novos postos de traballo e, ao mesmo tempo, dinamizar o tecido comercial dos núcleos urbanos, vén de dar conta da existencia de varios postos vacantes, tanto no mercado do Seixo, coma no de Goián.

Cómpre salientar que, no caso do mercado de Goián, abrirá as súas portas en breve, tras unha completa remodelación levada a cabo polo Concello que preside Sandra González, como xa sinalabamos dende este xornal no seu momento. Agora e con esta iniciativa municipal, todas as persoas interesadas en crear o seu propio negocio, poden optar a calquera dos espazos de venta que aínda quedan dispoñibles en ámbolos dous mercados.

O mercado situado no núcleo máis céntrico de Tomiño conta con postos vacantes para a venda de peixe e marisco (planta baixa) dentro da zona denominada ‘Illa do mar’, e con outros destinados ao comercio alimentario polo miúdo, ou ben, comercio en xeral, no primeiro andar. En Goián, a nova praza de abastos, dispón de postos vacantes para a venda de froita e de comercio en xeral, alimentario ou non. Todos os postos que se ofertan dispoñen dos servizos de luz, auga, climatización, etc. e algúns teñen parte do mobiliario ou estantes para a exposición de mercancías.

mercado goian info

O concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, considera a oferta municipal destes postos vacantes, unha alternativa moi atractiva para as persoas emprendedoras que queiran traballar no comercio de alimentos frescos ou manufacturados, ou tamén no comercio polo miúdo en xeral. “O pago dun canon inicial, da dereito de uso durante 15 anos dun posto remodelado, moderno, céntrico e ben acondicionado, cumprindo as expectativas tanto das persoas interesadas en emprender, coma dos consumidores e consumidoras”, comenta o edil. Ademais, cada espazo leva asociada unha taxa mensual para contribuír aos gastos de uso conxunto do mercado.

Para iniciar os trámites de solicitude a xente interesada pode poñerse en contacto co Concello de Tomiño, chamando ao teléfono 986 622 001, ou ben, enviando un correo electrónico ao Departamento de Desenvolvemento Local (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).