'O monte e nós', a posta en valor do patrimonio natural de Oia

A Asociación Forestal e Educación Ambiental A Jalleira, vén de organizar o Mes da Conservación que organizan baixo o título 'O monte e nós', en colaboración o Centro Social Fuscalho, S.O.S. Groba e o Instituto de Estudios Miñoranos (IEM). As actividades desenvolverasen neste mes de xuño comezando este vindeiro venres día 3.

A iniciativa busca, durante todo o mes, dar a coñecer a natureza e patrimonio da zona de Oia, "para amala, respectala, coidala e protexela", tal e como os propios organizadores sinalan, a través de cinco actividades, que buscan achegar á xente ao monte e ó monte á xente.

O venres día 3 de Xuño, ás 20:00h, na Casa Cultural de Oia estrearase 'O Monte e Nós' coa inauguración da exposición 'Ceibes no monte', unha magnífica mostra sobre o cabalo galego, patrimonio cultural vivo das nosas Serras. Nesta inauguración contarase coa presenza de Santiago Veloso, director do proxecto didáctico 'Ceibes no Monte', que mostra unha das tradicións dos nosos montes.

Proxectarase un pequeno documentario sobre o cabalo do monte en Galicia e para rematar, palestra a cargo de Xilberte Manso, 'O Garrano', unha posta en valor do noso patrimonio. A exposición poderá visitarse os venres de tarde, sábados maña e tarde e domingos pola maña ata o vindeiro 3 de xullo.