Oia acolle unha 'barferencia' sobre o castro de Santa Trega

Esta semana continúa o ciclo Conversas arqueolóxicas na Costa dos Castros coa charla “Unha de romanos... ou outra de castrexos?”, que correrá a cargo de Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra. A “barferencia” terá lugar mañá mércores 18 de maio ás 20:00 horas na Casa da Henriqueta en Oia.

Ao longo da súa intervención, Rafael Rodríguez vai falar das novas interpretacións do castro de Santa Trega, en base aos achados da última escavación neste impresionante asentamento milenario, que el mesmo dirixiu. A idea deste ciclo, organizado pola Asociación Costa dos Castros,  é achegar a ciencia ao público nun entorno distendido como é o dun bar.

A terceira e última barferencia será o próximo xoves 26 na cafetería A Riña. Nesta charla que se desenvolverá baixo o título de, “A serra do Ouro”, o arqueólogo e profesor Gustavo Pascual Hermida vai dar a coñecer ao público as súas últimas investigacións sobre a minería antiga na Serra da Groba. As Conversas Arqueolóxicas compleméntanse cunha serie de visitas guiadas á escavación no castro oiense de Chavella, que o equipo arqueolóxico agarda comezar nos próximos días. 

Doutra banda, cómpre salientar que xa están en marchas as visitas guiadas ao castro, que se ofrecen todos os sábados e domingos ata o 5 de xuño ás 12:00 do mediodía. Ademais das visitas guiadas, a escavación sempre estará aberta a curiosos e visitantes. Para subir ao castro de Chavella, a organización recomenda deixar o coche na casa forestal de Oia e seguir andando ata o castro (un quilómetro aproximadamente).

Tanto as barferencias como as visitas guiadas a Chavella son gratuítas e non é necesario inscribirse. Están organizadas pola Asociación Costa dos Castros coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra. Poden atopar máis información na páxina web de Costa dos Castros.