Un ciclo de 'barferencias' inaugura a campaña de escavación no Castro de Chavella

Este xoves día 12 de maio dará comezo en Oia, organizado pola Asociación Costa dos Castros, un interesante ciclo de charlas que se desenvolverán en varios bares da localidade ao longo de todo o mes. Estas 'barferencias' inauguran a nova campaña de escavación no castro oiense de Chavella, que o equipo arqueolóxico agarda comezar nos próximos días. Ofreceranse visitas guiadas gratuítas aos traballos arqueolóxicos no castro todas as fines de semana durante a campaña.

O ciclo de barferencias arranca este xoves 12 na Cafetería Alecrín, que se atopa na Casa da Cultura de Oia. A conversa é a cargo de Carlos Otero, o director arqueolóxico da escavacións no castro de Chavella, e vai poñer o público ao día dos resultados da primeira escavación no xacemento, en outubro de 2015. Co título 'Chavella: a lenda do nome sen cidade', Otero vai indagar nos enigmas que suscitou a escavación no castro.

Durante a fin de semana, a escavación en Chavella xa estará aberta ao público. Todos os sábados e domingos a partir do 14 de maio ata o 5 de xuño ofrecerase ás 12:00 do mediodía unha visita guiada ao xacemento a cargo de Xosé Gago. Ademais das visitas guiadas, a escavación sempre estará aberta a curiosos e visitantes.

visita excavacion

Visita guiada a escavación do castro de Chavela, en outubro do 2015

Segue o ciclo de barferencias o mércores 18 de maio na Casa da Henriqueta, desta volta a cargo de Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra. Na súa charla 'Unha de romanos... ou outra de castrexos?' vai ofrecer novas interpretacións sobre o castro de Santa Trega, onde estivo dirixindo a última escavación.

A terceira e última barferencia será o xoves 26 de maio na cafetería A Riña. Nesta charla, 'A serra do Ouro', o arqueólogo e profesor Gustavo Pascual Hermida vai dar a coñecer ao público as súas últimas investigacións sobre a minería antiga na Serra da Groba.

Todas as barferencias comezan ás 20:00h. Tanto as barferencias como as visitas guiadas a Chavella son gratuítas e non é necesario inscribirse. Están organizadas pola Asociación Costa dos Castros coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra.