O PSOE de Oia asegura que a alcaldesa ten "unha dobre cara"

Gerardo Rodríguez, portavoz do PSdeG-PSOE e candidato á alcaldía de Oia Gerardo Rodríguez, portavoz do PSdeG-PSOE e candidato á alcaldía de Oia

O anuncio realizado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, de estudar un posible convenio de colaboración coa Xunta de Galicia de cara a mercar terreos, na parroquia de Mougás para a creación dunha área recreativa, anuncio realizado durante a visita ao municipio do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, non sentou nada ben nas filas do PSdeG-PSOE que acusan á rexedora municipal de "ter dobre cara".

O portaqvoz municipal socialista e candidato á alcaldía, Gerardo Rodríguez, asegurou que con ese anuncio quedaba demostrado que "en campaña as promesas populistas non teñen límites". Explica o portavoz do PSOE de Oia que cando o seu grupo presentou unha moción no Pleno "propoñendo a compra do Camping de Mougás, a alcaldesa de Oia votou en contra, dicindo que non era un tema de interese municipal comprar un 'patatal' e que esta compra só traería problemas ao concello de Oia".

Agora o súbito interese amosado por Cristina Correa polos terreos do abandonado camping de Pedra Rubia, levan a Gerardo Rodríguez a afirmar que "parece que estamos ante outra alcaldesa" xa que esa compra que hai tempo rexeitaba "hoxe parece que é unha solución de futuro, tal e como xa o propuxo en pleno o PSdG-PSOE".

"Todos os veciños e veciñas de Oia eran conscientes de isto menos a Alcaldesa de Oia" ironiza o portavoz socialista, engadindo que "por sorte xa se deu de conta que é unha oportunidade de futuro para o municipio e que non se pode abandonar, pensando no ben da vila de Oia e non no 26 de Maio, como parece ser a intención do seu anuncio 'electoralista'".

Finalmente, Gerardo Rodríguez quere deixar claro que PSdG-PSOE de Oia "apoia e apoiará a compra do Camping de Mougás, que xa se presentou en acordo plenario e que foi aprobada en maioría".