Montse Magallanes supervisa no Rosal as obras do Plan Concellos nos edificios municipais

A deputada de Emprego, Montse Magallanes coa acaldesa do Rosal, María del Carmen Alonso A deputada de Emprego, Montse Magallanes coa acaldesa do Rosal, María del Carmen Alonso

A deputada de Emprego da Deputación de Pontevedra, Montse Magallanes, acompañada pola acaldesa do Rosal, María del Carmen Alonso, visitou onte as actuacións postas en marcha coas achegas do Plan Concellos para a restauración de cubertas en varios edificios municipais. O Goberno de Carmela Silva destinou a estas iniciativas 154.334 euros que serviron para a intervención nas cubertas de varios edificios destinados a escolas unitarias, así como á vivenda do centro médico rural de San Miguel.

MontseMagallanes obras rosal 01Os traballos realizados consistiron en tarefas de demolición dos elementos deteriorados, con especial coidado en identificar e substituír os elementos estruturais ocultos que afectaban á funcionalidade e seguridade estrutural. Ademais tamén se recuperaron as cubertas, coa restauración dos taboleiros dos soportes, retellados e reparación ou substitución de chemineas, entre outras actuacións. As escolas unitarias sobre as que se actuou son en Fornelos, Tabagón, Novás, Couso, Marzán, Pías, San Miguel e Simón do Mazo.

A Deputación de Pontevedra destinou o ano pasado ao Rosal preto de 560.000 euros dentro do Plan Concellos. Neste ano, a institución provincial incrementou a contía nun 74,2%, polo que ten posto a disposición deste municipio preto dun millón de euros.

Máis de 3 millóns de euros da Deputación en investimentos no Concello
No que vai de lexislatura, o goberno provincial destinou ao Rosal case 3,1 millóns de euros entre todas as áreas de goberno. En concreto, dende o servizo de Cooperación destináronse máis de 2,1 millóns de euros, entre as partidas destinadas para o Plan Concellos, así como outras achegas distintas para iluminación de espazos, doazón de material para espazos públicos, sinalizacións de rutas ou adquisición de desfibriladores, entres outras actuacións.

Ademais, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou ao Rosal 166.701,64 euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia domiciliaria. Así mesmo, dentro deste eido houbo achegas para distintos programas, como Depotermal, Depo en Marcha, En Ruta coa Depo ou DepoRuarte.

En canto á área de Deportes, O Rosal leva recibidos 57.469 euros, que comprenden achegas para o deporte federado, para a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para subvencións de actividades deportivas e para subvencións a categorías nacionais.

Na área de Igualdade, O Rosal beneficiouse de achegas da Deputación por valor de 2.500 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres da vila no marco do programa “Conectadas”. Neste eido tamén se impulsou o programa “Cinema e Muller” e as mostras “Sorrisos transformadores” e “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. En materia de emprego, O Rosal contou con máis de 45.000 euros a través das distintas edicións do Plan de Práctica Laboral impulsado pola institución provincial.

O Rosal recibiu, nestes tres anos de goberno provincial, máis de 85.026 euros no servizo de Cultura. A través destas achegas, asociacións do municipio puideron promover actividades culturais ou adquirir instrumentos e vestiario. Así mesmo, houbo axudas para as escolas de música, para actividades de dinamización do galego e para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, así como achegas polo Ano Castelao ou o Ano Patrimonio.

Dende Medio Ambiente destináronse ao Rosal preto de 16.000 euros para o mantemento do campo de fútbol de herba artificial da Mata, así como achegas para as cooperativas agrogandeiras. O Goberno de Carmela Silva achegou tamén máis de 4.500 euros ao concello do Rosal en materia de novas tecnoloxías a través do programa SmartPeme e para actividades de Administración electrónica.

Case 590.000 euros chegaron nestes anos ao concello do Rosal a través da área de Mobilidade. As partidas destináronse para obras en viarios, asistencias técnicas para proxectos, rozas e limpezas de estradas, pintados de viarios, sinalización e actuacións do Plan Móvese.