a guarda 2019

«No colo da esperanza» chega á Guarda para concienciar sobre a crise de refuxiados

O Concello da Guarda acollerá dende mañá, 18 de abril, a exposición fotográfica «No colo da esperanza», do fotoxornalista Felipe Carnotto. A mostra composte dunha ducia de fotografías en branco e negro tomadas no ano 2015 na coñecida como «ruta dos Balcáns», a través da que milleiros de persoas foxen da guerra en Siria á procura de refuxio en Europa.

As imaxes, cedidas temporalmente ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, pretenden pór o foco nas inxustizas responsables da crise migratoria e humanitaria na que milleiros de refuxiados e refuxiadas vense obrigadas a abandonar os seus fogares. A exposición poderá contemplarse na casa consistorial ata o vindeiro 4 de maio, en horario de 8:00 h a 15:00 h de luns a venres.

O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

O seu traballo oriéntase á realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.