a guarda 2019

A Guarda pecha o Entroido cun divertido desfile logo de cinco días de foliada

Alumnado das Carmelitas no desfile de entroido Alumnado das Carmelitas no desfile de entroido

A Guarda puxo punto ao Entroido 2018, este pasado domingo 18 de febreiro, co tradicional desfile-concurso. Centos de persoas congregáronse ao longo das rúas entre a «esquina Famosa» e a Alameda para gozar da festa, na que participaron comparsas, carrozas e disfraces a nivel individual ou en grupo. Poñíase fin, desta forma, a cinco días de foliadas, nas que o bo humor, a sátira e a música foron os protagonistas.

desfile coles as solanas

Os pequenos súper heroes e súper heroínas de «As Solanas» en acción

O Entroido comezou o pasado xoves 15 de febreiro coa celebración do desfile dos colexios guardeses. O alumnado dos centros de educación infantil e primaria PP Somascos, Hermanas Carmelitas, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, A Gándara e a Escola Infantil Municipal percorreron as rúas da Guarda amosando os disfraces elaborados manualmente para a ocasión. Os deseños destacaron pola súa orixinalidade, dende as temáticas celta ou tribal ata disfraces de choiva e lume, bombeiros, botes de salsas variadas e personaxes clásicos de cómics.

 desfile coles sinde

Nenos e nenas do «Manuel Rodríguez Sinde», cos seus imaxinativos disfraces

A carpa situada na Alameda encheuse durante a noite do sábado co concerto de Rockin’ Gina & The Sentinels e DJ Guille, que mantiveron ao público bailando e gozando do mellor música rock e retro ata ben entrada a madrugada. Este foi, con todo, un dos grandes eventos musicais da programación deste Entroido, que continuou o domingo coa actuación da orquestra Abanico, tamén na Alameda. O chamado «domingo das familias» ofreceu á veciñanza e visitantes unha oportunidade de ocio para todos os públicos durante a tardiña e a noite.

entroido Rockin Gina

Rockin' Gina and The Sentinels en plena actuación

Xa o luns, centos de cativos e cativas atoparon un espazo de diversión e xogos na festa infantil da Alameda. Alí, animáronse a participar no baile de disfraces e a decorar as súas caras no obradoiro de maquillaxe, ademais de esgotar as filloas das que dispoñía o carriño larpeiro, situado no paseo para goce das familias.

A oferta gastronómica completouse co popular «Menú de Entroido», que atraeu a veciñas e veciños de toda a comarca para saborear o lacón con grelos e as sobremesas de Entroido en sete restaurantes guardeses. Os establecementos amosaron a súa satisfacción tras a boa acollida do menú, do que gozaron centos de persoas, especialmente en grandes grupos, nas comidas e ceas dos días 10, 11, 12 e 13 de febreiro.

Desfile-Concurso de Entroido
A culminación da festa chegou da man do tradicional desfile de Entroido. Inicialmente programado para o martes 13 de febreiro, o desfile celebrouse finalmente o domingo 18 de febreiro no seu percorrido habitual, isto é, dende a «esquina Famosa» ata a Alameda. O bo tempo acompañou os participantes e o numeroso público, que puideron gozar dunha xornada festiva caracterizada polo humor das compasas, as carrozas e os participantes individuais.

A batucada Bate no Cobre e a charanga Os Charamujas contribuíron ao ambiente festivo coa súa música durante o desfile e, unha vez na Alameda, animaron a espera ata a entrega de premios. Os galardóns repartíronse da seguinte maneira:

Na categoría individual infantil, logrou o primeiro premio «Centauro», seguido de «O corvo mensaxeiro do Rei» e «Vaiana e Te Fiti», en segundo e terceiro lugar, respectivamente.

Na categoría individual xuvenil e adulto, o primeiro premio foi para «Os marabillosos heroes do Entroido», o segundo para «O acordeón», e o terceiro para «Te Fiti». O cuarto e quinto galardón recollérono as «Princesas de Bouzó» e «Cisne Branco», nesta orde.

Na categoría de comparsas, o primeiro premio foi para «Os Rockeros», seguidos por «O México de Frida Kahlo» e «Tino Casal», en segundo e terceiro lugar, respectivamente. O cuarto premio foi para Os «Wally-fláuticos» e un quinto recoñecemento dirixiuse a «Fantasía Caribeña e Brasil». As carrozas «Spice Girls» e «Tu cara me suena» conseguiron o primeiro e segundo premio, nesa orde, coas súas divertidas creacións.

Amais destes recoñecementos, todas as comparsas e carrozas participantes recibiron 200 € en concepto de axuda polo traballo e esforzo realizado para a elaboración dos disfraces e a decoración. Todas as fotos do desfile de comparsas, pódense mirar nesta ligazon do Facebook do Concello da Guarda. O certo é que merece a pena pararse un pouco e gozar delas porque amosan o sentido do humor, e a capacidade creativa dos veciños e veciñas da Guarda.