A Guarda presenta a XXVI Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

O concello da Guarda elixiu este ano a cidade de Pontevedra, en concreto o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, para presentar a XXVI Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que terá lugar os vindeiros días 1,2 e 3 de xullo no porto da vila. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, explicaron a programación do evento e convidaron a todas as persoas a achegarse ao municipio para gozar de tres días dunha festa que dende 2014 xa está declarada coma Festa de Interese Turístico de Galicia.

Carmela Silva resaltou a calidade dos produtos do mar que dende sempre se poden encontrar na Guarda, pero sinalou que este concello non só é referencia para a gastronomía, senón que A Guarda tamén é paisaxe espectacular, cultura, historia, arte, patrimonio e xentes incansables que convidan a volver. “Temos que ir á Festa da Langosta para presumir da Guarda e da provincia, xa que é un bo exemplo de que temos moito e moi bo que ofertar”, sinalou Silva.

A presidenta provincial resaltaba ademáis a colaboración activa entre Administración e empresariado da vila nesta Festa, o que fai posible que se oferten langosta e outros máis de vinte produtos de mar e sobremesas aos visitantes. “Está claro que o mundo privado e público traballando xuntos logramos moitos mellores resultados que cada un polo seu lado”, salientou.

Pola súa banda, o alcalde da Guarda destacou o seu municipio como unha “potencia na oferta gastronómica da langosta”, que queda patente nesta nova edición da festa. Con todo, Antonio Lomba explicou que os vindeiros 1, 2 e 3 de xullo haberá coma todos os anos unha oferta gastronómica incomparable, pero tamén haberá oferta deportiva, cultural e turística para todos os gustos. “Convidar a todos e todas a gozar con todos os sentidos do pedazo de paraíso que é A Guarda e o Monte Trega”, concluíu o alcalde.

festa da langosta

Durante os tres días de festa, a oferta gastronómica será ampla, coa posibilidade de tomar langosta, por suposto, pero tamén outros máis de 20 produtos de mar e sobremesas, como navallas, polbo, mexillóns ou a típica rosca de xema deste municipio do Baixo Miño. No apartado de música inclúense grupos de música tradicional, orquestras, unha noite de fado con artistas portugueses e tamén se lle dá espazo a dous grupos emerxentes de pop-rock da Guarda.

Simultaneamente á Festa da Langosta, tamén vai ter lugar a XXI Travesía a Nado no porto da Guarda, a Feira de Artesanía e a Exposición de Traxe Galego (na Casa dos Alonsos). Un tren turístico percorrerá as rúas da vila e tamén haberá visitas guiadas á rede de museos (Museo do Mar, Monte Santa Trega e Castelo de Santa Cruz).

Tanto a Presidenta da Deputación como o alcalde destacaron a importancia deste evento para promocionar A Guarda, xa que o turismo é un dos puntos fortes do municipio. Cómpre lembrar que na Guarda está un dos lugares máis visitados de Galicia, o Monte Santa Trega, que cada ano visitan unhas 200.000 persoas e que cada ano medra en número de visitas. Precisamente, para mellorar na mellora deste enclave, a Deputación ten en macha -xunto co Ministerio de Fomento- un protocolo para a posta en valor do Castro de Santa Trega. En concreto, trátase dun proxecto que abrangue unha serie de actuacións en 18 xacementos galaico-romanos de toda a provincia.