Os guardeses envórcanse co Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

A especial situación xeográfica da vila, entre Galicia e Portugal, as técnicas de pesca tradicionais da localidade e o tipo de embarcacións empregadas históricamente polos guardeses son, segundo explicou o alcalde Antonio Lomba, "tres características que marcan a sigularidade deste encontro, fronte aos celebrados en anteriores edicións". No acto de presentación do evento, celebrado na tarde de onte no Concello, o rexidor destacou tamén a implicación dos guardeses co Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Esa implicación amósase no feito de que a veciñanza decorou as fachadas de vivendas e escaparates de comercios con ornamentacións de temática mariñeira: "Deste xeito se estende o convite a toda a cidadanía para que esta XIV edición sexa todo un éxito" . Lomba rematou agradecendo o traballo de Culturmar e a inicitiva de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos para que A Guarda acollera o evento deste ano.

Pola súa banda, o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón, agradeceu o apoio do Concello desde o primeiro momento e avanzou que xa son máis de 70 as embarcacións inscritas nesta edición do encontro, "unha festa que pon en valor a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo" .

Sendón tamén destacou o gran traballo da Asociación Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos na construción do " volanteiro", unha embarcación tradicional que se cría perdida e que se recuperou agora con motivo do Encontro.

Os portavoces de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos, Joaquín Cadilla e Xosé Lois Villar, respectivamente, mostráronse agradecidos cos guardeses pola forma na que se envorcaron con este evento, á vez que destacaron a importancia de que un encontro destas características, "no que participan persoas de toda España e doutros países", teña lugar no Baixo Miño. Así mesmo, subliñaron que na cita guardesa estarán representadas toda a tipoloxía de embarcacións tradicionais que hai en Galicia".

Unha cita imprescindible do 11 ao 14 de xullo
A exhibición das embarcacións tradicionais de Galicia, xunto con algunhas doutras localidades españolas e mesmo algunha foránea, forma parte dun amplo programa de actividades culturais e lúdicas, organizado por Culturmar, Asociación Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Mar, Medio Ambiente e Cultura e Turismo.

Actuacións musicais, obradoiros, exposicións, gastronomía e navegacións a bordo destes barcos que forman parte do patrimonio cultural conforman a atractiva oferta da celebración que terá lugar na Guarda do 11 ao 14 de xullo. O volanteiro recuperado pola Asociación Piueiro terá un protagonismo especial na celebración. Un traballo que foi posible gracias á colaboración de organizacións, empresas e entidades financieiras de Galicia e mesmo de Andalucía.