A Guarda cónvertese na capital gastronómica galega cunha nova edición da Festa da Langosta

Todo está disposto para que, esta fin de semana, os días 5, 6 e 7 de xullo, a Guarda convértase na capital da gastronomía galega cunha nova edición, a vixésimo novena, da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. A afamada calidade da gastronomía guardesa fixo ampliar a oferta de pratos mariñeiros e así todos os visitantes poderán coñecer os excelentes produtos do mar e, como non, o bo facer dos restauradores guardeses.

Dende o ano 2007 a Festa da Langosta converteuse na Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira adquirindo unha nova dimensión ao ofrecer diferentes pratos mariñeiros e conseguindo achegarse a tódolos gustos do público e revalorizar a festa. A festa celébrase na explanada do Porto baixo unha carpa de 1.000 metros cadrados. Dende hai varias edicións os comensais poden degustar a langosta e demais produtos comodamente en mesas e cadeiras. Os restaurantes e demais expositores ocupan postos diferenciados na carpa.

Tres restaurantes ofrecerán a langosta cocida ou á prancha. E como en edicións anteriores a langosta continua sendo a protagonista entre máis de 20 produtos e pratos mariñeiros. Dende a primeira edición a sobremesa estrela que acompaña a langosta é a rosca de xema, sobremesa típica guardesa creada en 1953 por un pasteleiro guardés. Outros produtos son as filloas, tartas, etc.

Un ano máis entregarase o prato conmemorativo da festa (ata fin de existencias) a todos aqueles que degusten a langosta e deste xeito dispor dun recordo da agradable xornada no porto da Guarda celebrando a XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.

festa da langosta 2019

Moncho Borrajo, un pregoeiro de luxo
Nesta edición contase cun pregoeiro de gran prestixio como Moncho Borrajo. Actor, humorista e showman nacido en Ourense. Arquitecto técnico e licenciado en Bellas Artes, pasouse aos escenarios hai uns 50 anos cunha destacada presencia na pantalla e no teatro amosando sempre o seu característico humor. Destaca as súas inquietudes coma literatura, tamén exerce coma escritor e dramaturgo.

O primeiro acto da festa é a lectura do pregón que terá lugar a noitiña do venres 5 de xullo na Praza do Reló ás 21:00 h. Coa lectura do pregón convídase a todos os veciños da Guarda e da comarca e, como non, os visitantes e turistas que nos visitan nos seus días de vacacións. Grazas á excelente habilidade humorística de Moncho Borrajo está asegurado que o seu pregón fará as delicias das autoridades e público en xeral.

Tralo pregón a festa trasládase ao Porto da Guarda coa apertura da carpa na explanada e os interesados xa poderán degustar da gastronomía guardesa.

Doutra banda, Mocho Borrajo actuará ante o público da carpa ás 22:30 h co seu último espectáculo Borrajo Perdido, monólogo cheo de historia, humor, tenrura e un pouco de retranca galega onde interactuará co público e amosará porque el é o rei da improvisación.

Máis humor: Luis Zahera
Os pratos fortes desta edición da Festa son a langosta e o humor. Seguindo a Moncho Borrajo, o sábado ás 21:00 h na carpa actuará Luis Zahera, recoñecido actor galego que foi premiado este ano co Goya ao Mellor actor de reparto. Moitos galegos o coñecimos como Petróleo en Mareas vivas.

Luis Zahera confesase co seu espectáculo Chungo xa que ofrece as súas vivencias vitais que o levaron a interpretar papeis raros ou de pouco listo. Farto da vida, da crise, de non ligar e, sobre todo, de todos os papeis de chungo.

A música, gran protagonista
Como ven sendo habitual a música galega estará presente co grupo tradicional O Trebón dos Xidos que anunciará a festa durante as mañás e fará a apertura da carpa. Para amenizar a quenda do xantar contarase cos concertos acústicos dos grupos pop Os Nenos Rebeldes –que actuará o sábado– mentres que a quenda do domingo resérvase para Awen.

As noites están reservadas á música como ven sendo habitual. A noite do venres estará amenizada co tradicional Serán Mariñeiro onde máis de 10 grupos tradicionais e pandereteiras actuarán a partir das 23:30 h.

O sábado a partir das 23:00 h poderase asistir ao concerto do grupo Vudú. Belém Trajes, exvocalista de Luar na Lubre, e Maritxinha son as voces deste grupo recoñecido como unha das propostas máis representativas do talento feminino no ámbito da música galega actual. O público poderá gozar do seu no disco Vudú Vol. III onde fusionan sons tradicionais, blues e soul.

E como é habitual para o peche da festa, o domingo terá lugar ás 20:30 h a Noite do Fado coa actuación de Os Meninos nova proposta chegada dende Galicia cun claro ollar ao país veciño. É o idioma e a riqueza musical que ofrece este país a base a respecto da cal, Os Meninos, desenvolven toda a sua creatividade e sensibilidade. Tradición e modernidade, o fado e o jazz, o flamenco, o tango ou o reggea, danse a man para colorear creacións propias e cancións da música portuguesa

Entretemento
Durante a fin de semana, a festa contará coa recoñecida Feira de Artesanía na rúa do Porto e coa apertura da Rede de Museos: Museo do Mar, Castelo de Santa Cruz e o Monte Santa Trega. Tamén haberá espazo para o deporte co Campionato de Balonmán Praia que terá lugar a fin de semana na área deportiva do Codesal, a uns 800 metros do embarcadoiro do transbordador. Este ano repítense os inchables acuáticos no porto polo que é preciso traer bañador e toalla.

Ademais para o entretemento haberá actividades para os nenos e as familias pero destacan tres eventos especiais e diferentes que sorprenderán aos asistentes:
• Sábado, 19:30 h: Espectáculo de maxia Rivel.
• Domingo, 12:00 h: Pasarrúas musical na carpa onde os nenos poderán gozar da música onde a gamela, a embarcación tradicional guardesa, terá un gran protagonismo.
• Domingo, 19:30 h: Concerto infantil de Pako Pakolas co seu espectáculo <contos, cores="" e="" rock’n’roll="">. A música acompaña aos contos e historias da man de Pakolas e Laura Romero que porá as cores e debuxos en directo.

Campaña Agresión Off
A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi declarada de Interese Turístico polo que contará coa Campaña Agresión OFF 'Eu digo non á violencia sexual' da Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia. No interior da carpa está instalado un punto de información sobre as agresións sexuais e tamén contará con accións de dinamización e sensibilización ao longo da fin de semana.