A Guarda inaugura unha exposición fotográfica sobre as alfombras florais

O pasado venres, 7 de xuño, a Casa dos Alonsos da Guarda acolleu a inauguración da Exposición fotográfica 'Alfombras Florais na Guarda', unha mostra que recolle a través de varias fotografías a historia desta arraigada tradición na Guarda, xunto con explicacións sobre como é este traballo. No acto de inauguración interviron o alcalde en funcións, Antonio Lomba e a presidenta da Asociación Cultural Alfombras da Guarda, Mª Emilia Baz, contando coa presenza de numerosas persoas que participan cada ano na elaboración das Alfombras Florais na Guarda.

A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus no pobo da Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.

'Alfombras Florais da Guarda', estará na Casa dos Alonsos ata o domingo 23 de xuño en horario de 11:00 h a 13:30 h e de 18:00 h a 21:00h.

A mostra é un percorrido pola tradición da creación de alfombras elaboradas con flores e outros ornamentos naturais para engalanar as rúas da vila en datas especiais. Trátase dunha costume cunha longa traxectoria na vila e cunha importante bagaxe cultural vinculada inicialmente ó ámbito relixioso e que forma parte sen dúbida do patrimonio cultural da vila guardesa. A Exposición tamén recolle o proceso da súa elaboración, co esfollado do verde, o corte da flor, o marcado do deseño, o perfilado a elaboración e os detalles finais.

Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.

Dende esta exposición abordase a temática desde tres puntos de vista, por unha banda o aspecto histórico, repasando os antecedentes e datas sinaladas sen os cales non se entendería a grandeza desta festividade, por outra banda o Organizativo, amosando como se organizan e elaboran as alfombras e xa para finalizar o aspecto dos percorridos, representando as rúas onde se realizan as alfombras, os rezos e bendicións e demais celebracións asociadas a este evento.