a guarda 2019

A Guarda mellora o camiño e o lavadoiro do Aloque

A Guarda ven de adxudicar por 11.960,10 € o proxecto para a Mellora do Camiño e do Lavadoiro do Aloque no barrio de Saa en Camposancos, un ben patrimonial enmarcado no Camiño Portugués da Costa. Estas actuacións levaranse a cabo a través dunha subvención para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.

A fonte e lavadoiro do Aloque é un ben patrimonial da Guarda cunha antigüidade de, cando menos o 1918, segundo os datos que se conservan nas pedras da súa construción. Un ben que se porá en valor cunha actuación específica para a súa recuperación e rehabilitación integral que consistirá na mellora do inicio do camiño do Aloque co camiño de Saa, a recuperación do solado co enlousado primitivo e orixinal deste camiño, a eliminación dos engadidos de morteiro alleos ao manancial e lavadoiro do Aloque, reconstrución de muros, reposición dos pavimentos, recuperación da pía, abrevadeiro e canles de condución de auga, entre outros.

Unha actuación que pretende manter e fomentar parte do patrimonio arquitectónico local, como son os lavadoiros, antigos puntos de traballo e sociabilización dos veciños e que ultimamente constitúe un lugar de paso obrigatorio para os peregrinos de todo o mundo que percorren o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda.