a guarda 2019

A Guarda recibirá unha axuda para a mellora da eficiencia enerxética

O Concello da Guarda será beneficiario dunha axuda para a eficiencia enerxética a través do IDAE, o que permitirá a renovación dun total de 251 puntos de luz do municipio, adaptando os mesmos á nova tecnoloxía led, mellorando a eficiencia e acadando un aforro enerxético dun 74% e cun importe de 78.938,30 €. Estas novas luminarias instalaranse en diferentes rúas e espazos do municipio, destacando tamén a instalación en BIC's coma o Castelo de Santa Cruz (24 puntos de luz) ou o Monte Santa Trega (14 puntos de luz), cunha inversión total de 13.908,34 €.

Nesta subvención do IDAE contémplase tamén a instalación dunha caldeira de biomasa para o Centro Cultural da vila, o que permitirá un aforro nos gastos de combustible da actual caldeira de diésel, así coma unha eficiencia no mantemento do equipo. O importe total para a Caldeira de Biomasa é de 58.016,45 €.

Para estas actuacións A Guarda contará cunha inversión da cal un 80% corre a cargo do IDAE, un 15% a cargo da Deputación de Pontevedra e un 5% a cargo do Concello.