a guarda 2019

Veciñanza da Guarda e Caminha realiza a 'Ruta da Pedra e da Auga'

O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos realízanse en Galicia e Portugal. As andainas iniciáronse no mes de febreiro e o pasado mércores día 1 de maio realizouse a ruta da 'Pedra e da Auga e do Río San Martiño'' e rematarán coa ruta do Sendeiro do 'Miradoiro de Matacás' o sábado 1 de xuño.

A PR-G171 Ruta Da Pedra e da Auga e do Río San Martiño, transcorre polo concello de Meis, onde os participantes percorreron un total de 20 km de distancia comezando e rematando a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira.

A andaina estivo composta en realidade de dúas rutas. A da Pedra e da Auga con numerosos muíños restaurados que salpicados polas beiras do río Armenteira e a Ruta polo Río San Martiño. Nos arredores de Barrantes iniciouse a ruta polo río San Martiño que permitíu aos asistentes contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidas paisaxes da ría de Arousa.

O programa continuará o vindeiro 1 de xuño, coa ruta do Sendeiro do Mirador de Matacás, na localidade ourensá de Castro Caldelas, unha ruta andaina de 16,5 km que terá a súa saída ás 9 horas dende a explanada da Sangriña, na Guarda e con hora de chegada aproximada de novo á Guarda ás 20 horas.

 É a andaina de maior esixencia física das realizadas neste ano polo desnivel acumulado de subida de 1.141 m. Trátase dunha ruta homologada no 2018 (PR-G 237) na Ribeira Sacra ourensá, no concello de Castro Caldelas. No percorrido se poden contemplar viñedos, soutos e sobreiras centenarias así como a espectacular panorámica sobre o Canón do Sil desde as Penas de Matacás.