Antonio Lomba opta á reelección cun proxecto xurdido "das inquedanzas e voces da veciñanza"

O Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolleu na noite deste venres a presentación da candidatura do PSdG-PSOE da Guarda, encabezada por Antonio Lomba, actual alcalde e candidato á reelección. Lomba comezou a súa intervención agradecendo o apoio amosado polo pobo da Guarda, un apoio que lle permitiu a oportunidade de gañar as pasadas eleccións e demostrar o seu compromiso “coas miñas raíces guardesas, coas nosas tradicións, coa nosa cultura e, por suposto, a miña grande atracción polo noso mar”.

O candidato socialista á reelección, amosouse unha vez máis coma “un namorado da Guarda, esta vila que tanto queremos”. O actual alcalde clarexou que por parte do equipo de goberno entregouse ilusión, traballo e constancia; “os resultados están aí. Foron moitos os proxectos que puxemos en marcha e tamén moitos os obxectivos conseguidos”. Neste sentido agradeceu á Deputación de Pontevedra a súa implicación coa Guarda, na que investiu máis de 7 millóns de euros, respectando sempre a autonomía municipal.

O candidato valorou todas as obras levadas a cabo nos pasados catro anos, obras efectuadas baixo os criterios de accesibilidade, mobilidade sostible, seguridade viaria, estética, de promoción do patrimonio, medioambientais, deportivas, educativas e de ocio.

“O noso proxecto, a nosa estratexia, está clara; xorde das inquietudes e das voces da veciñanza, dos intereses da sociedade guardesa, dos sectores económicos: o comercio, a hostalería, a pesca, o turismo... e tamén, por que non dicilo, da nosa maneira de facer e de pensar, de concibir a sociedade”, indicou Lomba. “Traballamos con visión de futuro”.

O actual alcalde e candidato á reelección estivo acompañado no acto polo secretario xeral provincial, David Regades, que puxo a Lomba como exemplo “da transformación á que sometemos as e os socialistas aos nosos pobos cando gobernamos no ámbito municipal”.

“Somos un partido cunha grande tradición de xestión en todos os ámbitos: desde as vilas máis pequenas ao Goberno do Estado”, continuou Regades, facendo un chamamento á mobilización “para que tanto nestas xerais como nas próximas municipais Pedro Sánchez e Antonio Lomba sigan a ser os nosos gobernantes, facendo política ao servizo da cidadanía e empurrando todas e todos xuntos para frear ás dereitas”.

Regades tamén quixo lembrar “a nefasta xestión na Atención Primaria” por parte de Goberno de Feijóo, un problema que tamén afecta á vila guardesa. “Canto tempo levamos así?”, preguntouse o máximo dirixente provincial. “As veciñas e veciños merecen unha atención sanitaria de calidade, e non este desgoberno ao que nos abocou a dereita”, sentenciou.

Pola súa banda, Montserrat Magallanes fixo un balance de todas as actuacións realizadas no último mandato na Guarda, actuacións que deben de ter continuidade cun goberno socialista, cun equipo cheo de ilusión, formado por persoas traballadoras, cunha vida profesional moi intensa e que participan activamente na vida pública da vila.

A secretaria xeral da agrupación local eloxiou a Lomba, “un home formado, capaz, con profundas raíces de defensa do ben común e que se preocupa por corrixir as desigualdades”. Destacou ademais que “fronte á parálise e inacción dalgúns, os socialistas da Guarda conta con ideas e proxectos para mellorar o futuro da nosa vila e da súa cidadanía”.