A Guarda recibe tres selos SICTED na III Gala Anual de Turismo Rías Baixas

O pasado martes día 12 de marzo celebrouse na cidade olívica a terceira edición da Gala Anual de Turismo Rías Baixas, evento no que se realiza un recoñecemento ao turismo da provincia coa entrega dos certificados SICTED, o distintivo que premia a excelencia e a profesionalidade de empresas e servizos turísticos.

A este evento acudiron en representación municipal o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a concelleira de Turismo Montserrat Magallanes, onde recolleron os diplomas e carteis do distintivo SICTED para a Oficina de Turismo Municipal da Guarda e as praias do Muíño e Area Grande.

O Concello da Guarda integra ao destino turístico 'Provincia de Pontevedra-Rías Baixas' e leva traballando dende o 2009 na implantación do distintivo SICTED. E dende 2010 a Oficina de Turismo Municipal e as praias de Area Grande e O Muíño conta con este recoñecemento que ven acompañado dun plan de mellora continua e novas medidas dirixidas a incrementar a calidade do servizo, polo que os establecementos e servizos deben continuar traballando en prol do desenvolvemento turístico e a satisfacción dos clientes.

selos sicted turismo aguarda02

Na actualidade, A Guarda conta con 9 empresas e servizos co distintivo de calidade e compromiso turístico SICTED. Aquelas empresas e servizos que desexen adherirse ao proxecto poderán recibir asesoramento na Oficina de Turismo Municipal do Concello da Guarda.

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SET) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.

A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha avaliación anual de seguimento.