A Guarda publica as bases para o Desfile-Concurso de Comparsas do Entroido 2019

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura,  vén de facer públicas as bases que rexerán o Desfile-Concurso de Entroido 2019, unha iniciativa que busca manter viva a tradición local a través da participación de tódolos veciños e asociacións da localidade. As bases contemplan ata cinco categorías –Carrozas, Comparsas, Grupos, Individual-Parellas adulto e infantil)– na modalidade de concurso cunha ampla variedade de premios, e unha modalidade de axudas para as Carrozas e Comparsas.

Todos/as interesados/as en participar poden ampliar a información nas bases dispoñibles na web www.aguarda.es. O prazo para anotarse estará aberto dende o 19 de febreiro ata o 26 de febreiro. Os/as interesados/as deberán entregar o formulario de inscrición e a documentación recollida na base 4ª no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica.

O Desfile realizarase o vindeiro 5 de marzo, Martes de Entroido, no percorrido habitual entre a Esquina Famosa (Esquina da Rúa San Bernardo ) e a Alameda da Guarda. O veredicto do xurado darase a coñecer, tralo desfile, na correspondente entrega de premios.

A Concellería de cultura quere animar á xente da vila da Guarda, con especial mención ós nosos nenos a participar no desfile de Entroido, aínda que non sexa na modalidade concurso.