O Concello da Guarda instala cinco contedores de recollida de roupa usada

O servizo de recollida selectiva de roupa e téxtiles usados comezou hai uns días na Guarda coa instalación de cinco contedores en varias rúas do municipio. Esta medida tomouse dende a Concellería de Medio Ambiente ante o elevado número de quilos recollidos no punto limpo da Guarda deste tipo de materiais, o que motivou a facilitar aos veciños e veciñas desfacerse da roupa e téxtiles usados para a súa posterior reciclaxe.

Neste senso instaláronse un total de cinco contedores, emprazados no aparcamento da rúa Malteses do Porto da Guarda (O Rejiño), e nas rúas Donantes de Sangue, Puerto Rico, Manuel Álvarez e Julia Vaquero.

O Concello da Guarda considera que coa instalación destes contedores "mellorarase este servizo" e facilitarase tamén a reciclaxe destes materiais, tendo unha previsión de aumentar o número deste tipo de contedores a máis parroquias da vila proximamente, "dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular", apunta o concello guardés.

aguarda contedores roupa usada 03

Estes contedores están pensados para depositar roupa e téxtiles usados, así coma tamén zapatos, un servizo de recollida selectiva realizado pola empresa TEXLIMCA S.A., encargada da recuperación e reciclaxe deste tipo de materiais.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co PEMAR, Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos.