A Guarda mellora a seguridade dos seus maiores coa entrega de detectores de fume

O Concello da Guarda a través da Concellería de Emerxencias fixo entrega na mañá deste mércores dos primeiros 50 detectores de fume destinados prioritariamente aos maiores de 65 anos do municipio, un segmento da poboación máis propenso a sufrir accidentes vencellados ao lume nas súas vivendas.

Segundo explicou o concelleiro de Emerxencias, Miguel Español, un total de 200 destes aparellos están a disposición de quen os precise para repartir dende o consistorio, preferiblemente entre os maiores de 65 anos que vivan sos, para evitar situacións de risco de incendio e detectar de xeito rápido os fumes no interior das vivendas. O reparto realizase a través do Concello e en colaboración con colectivos que traballan na vila con persoas maiores.

aguarda detectores fume 02

Este aparello, que funciona con baterías de 9v, ten un mantemento mínimo, colócase de xeito moi sinxelo e ven acompañado dunha guía e consellos onde se explica de xeito moi fácil como hai que colocalos, preferiblemente nas cociñas dos fogares, por ser o lugar onde é máis doado ter un incendio.

Na mañá deste mércores o Concelleiro de Emerxencias, Miguel Español e o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, fixeron a entrega dos primeiros 50 detectores, pero aínda hai máis dun cento deles para repartir entre as persoas que os soliciten. As persoas interesadas en obter este aparato de detección de fume deberán dirixirse as oficinas municipais (Alcaldía) de luns a venres en horario de 9.00h a 14.00h e xa se lles entregarán nese mesmo momento.

aguarda detectores fume 03

A entrega destes detectores é froito dun convenio coa Axencia Galega de Emerxencias e a Deputación de Pontevedra, dentro do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e baixo os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional “unha Maneira de facer Europa”.