Continúa na Guarda a programación formativa de «Comercio Innova Plus»

O Concello da Guarda continúa neste mes de xaneiro as actividades do programa formativo “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila. Para o mes de xaneiro de 2019, están previstas tres novas sesións formativas que teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento.

A primeira destas accións formativas terá lugar o luns 14 de xaneiro de 15:00 h a 16:45 h baixo a temática de Novas tendencias en deseño de espazos comerciais, a segunda terá lugar o luns 21 de xaneiro de 15:00 h a 16:45 h con Innovación no cara a cara co cliente como tema e, xa para rematar, o luns 28 de xaneiro de 15:00 h a 16:45 h desenvolverase unha sesión formativa sobre Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe, todas elas realizaranse na Casa dos Alonsos.

O luns 14 de xaneiro celebrarase a segunda charla deste ciclo en horario de 15:00h a 16:45h e que versará sobre «Novas tendencias en deseño de espazos comerciais», nesta charla contarase coa presenza de Juan Morandeira Vázquez, CEO de Space-Indesign Interiorismo. Responsable de Imaxe de Marca de Caramelo durante 8 anos.

O luns 21 de xaneiro terá lugar a charla sobre «Innovación no cara a cara co cliente», unha charla que realizarase na Casa dos Alonsos da Guarda en horario de 15:00h a 16:45h. Neste caso a ponente será Fátima Rodríguez Marcos, Licenciada en Psicoloxía, formadora e desde fai 4 anos ao fronte de Talentea, unha consultora adicada, entre outros, ao deseño e execución de proxectos sobre dinamización comercial.

Para rematar a programación de «Comercio Innova Plus» o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonsos unha charla sobre «Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe» a cargo de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.

O «Comercio Innova Plus» busca ademáis continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.

Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.

No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización Práctica de Instagram», e «Utilización Práctica de Facebook», rematando con catro charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.

A campaña conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.