Os Reis Magos visitaron a Residencia Monte Santa Tecla

O venres 4 de xaneiro as súas Maxestades de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar aproveitaron a súa chegada á vila da Guarda para visitar a Residencia para a Terceira Idade Monte Santa Tecla no día anterior á Cabalgata de Reis.

A media tarde as Súas Maxestades de Oriente, que foran recibidas previamente polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente e a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, acudiron á residencia para levar uns agasallos, visitar e escoitar aos homes e mulleres que quixeron intercambiar unhas palabras con eles.

Ademais, a tarde estivo amenizada pola Charanga Vaia Panda e o Grupo Do Luco ó Fusco, que acompañaron aos Reis Magos durante a súa visita e animaron a tódolos presentes a bailar e gozar da música nunha tarde chea de ilusión, diversión e alegría.