A Deputación inugura, en Covelo, as 'DEPOrte Escolas' de Taekwondo

Máis de oitenta nenos e nenas da provincia participarán nas 'DEPOrte Escolas' de taekwondo que foron inauguradas pola deputada de Deportes, Chelo Besada, no CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo. Os nenas e nenos de Covelo, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos, serán os que se beneficien desta iniciativa.

Por parte da Deputación espérase que, en vindeiras datas, outras das “DEPOrte Escolas” de taekwondo solicitadas por outros concellos poidan chegar ao mínimo de alumnos e alumnas requirido e polo tanto se incorporen paulativamente ao cadro de escolas en activo.

Este ano, como novidade principal ademais do cambio de imaxe e denominación das escolas deportivas para convertelas nas “DEPOrteEscolas”, mudou o seu funcionamento co obxectivo de dotalas de transparencia e unha maior participación, respectando á vez a autonomía municipal ao non competir coas escolas deportivas xa postas en marcha nos concellos da provincia.

Este renovado programa busca a implantación igualitaria e equilibrada no territorio, a promoción do deporte base, un maior incremento da oferta de iniciación á práctica deportiva, a garantía de que cheguen aos concellos disciplinas deportivas sen oferta neles, que as nenas e nenos poidan acceder ao deporte e, finalmente, a consolidación de todas as escolas que se vaian creando nos distintos concellos.

Este esforzo por converter as escolas nunha iniciativa máis transparente e participativa, impulsando actuacións de comunicación coa finalidade de achegar a información sobre as escolas ás familias, ANPAS e concellos, xa está a dar os seus froitos. De feito, este curso 2016/2017 houbo catro solicitudes máis para pór en marcha “DEPOrteEscolas” de marcha que o ano pasado, sumando á de Covelo as de Gondomar, A Lama e Meis, o que supón un total de sete.

As “DEPOrteEscolas” da Deputación de Pontevedra ofertan as modalidades deportivas de balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, piragüismo e baloncesto. A súa implantación terá lugar de forma progresiva, a medida que a institución provincial teña a todas as nenas e nenos inscritos nas diferentes modalidades, de modo que se as solicitudes de “DEPOrte Escolas” de marcha de Ponteareas e Vigo chegasen ás 15 persoas inscritas se incorporarían á quenda. Ata o de agora, ademais das “DEPOrte Escolas” de taekwondo xa comezaron as de patinaxe, judo, rugby, fútbol e marcha.