Concentración Protesta contra a supresión dunha praza de médico en Covelo

O BNG de Covelo prepara unha Concentración Protesta ante a intención da Consellería de Sanidade de eliminar a praza do médico de atención primaria do Centro de Saúde de Covelo. O BNG anima á veciñanza do municipio a participar neste acto, convocado para o sábado dia 19 ás 19:00 horas na Praza do Mestre Cerviño de Covelo.

Os nacionalistas de Covelo queren que os veciños e veciñas de Covelo mostren, mediante esta Concentración, o seu rexeitamento ás políticas de recortes en prestacións de servizos leva facendo a Xunta de Galiza nos últimos anos, e que agora "fanse visibles de xeito dramático en Covelo", aseguran fontes dos nacionalistas.

O BNG asegura que a cidadanía de Covelo "ten o dereito a ser atendido no primeiro andar da sanidade publica de xeito digno, sen ter que esperar unha longa lista de espera, que nestas semanas esta chegando aos sete días". Os nosos maiores, afirman os nacionalistas, "non teñen porque facer kilometros e kilometros para ser atendidos".

Doutra banda, da conta o BNG de que "as urxencias vense mermadas, sendo desprazadas a outros centros e a atención a domicilio vese seriamente danada". Por todo isto o BNG convida á participación na Concentración de Protesta.