O BNG oponse á eliminación da praza do médico de familia en Covelo

O Bloque Nacionalista de Covelo, amosou hoxe o seu máis rotundo rexeitamento á eliminación da praza de medico de familia do municipio ao considerar, os nacionalistas, que a decisión do SERGAS está totalmente fora da realidade que vive a veciñanza do rural, en especial Covelo.

Explica o BNG de Covelo que no municipio é manifestamente insuficiente a presenza du só médico que ten que repartir a súa xornada entre dous centros de saúde, visitas domiciliadas e, a maiores, as urxencias que poidan xurdir. Os nacionalistas aseguran que o SERGAS descoñece a realidade dun municipio que ten un censo de 2.617 habitantes, unha forte diseminación da poboación, -a maior parte dela de idade avanzada-, con enfermidades crónicas e que precisan dunha atención continua.

O BNG considera necesario que o SERGAS recapacite na súa decisión, "que a día de hoxe é totalmente lesiva aos intereses da veciñanza e atenta gravemente á atención sanitaria que precisamos no noso municipio", afirman.

Os nacionalistas engaden que o Partido Popular de Covelo "non se pode esconder das decisións que toma o goberno da Xunta, dado que esta sustentado polo mesmo partido que tamén goberna Covelo". O BNG lembra que o Partido Popular de Covelo "fixo campaña e pediu o voto para un Goberno na Xunta de Galicia da súa mesma cor".

Remata o BNG de Covelo afirmando que o PP "leva aplicando políticas de recortes, entre eles na sanidade, que son especialmente lesivos para a veciñanza. Agora en Covelo estamos a sufrir estas políticas".