O Xulgado de Ponteareas conclúe a investigación sobre unha ducia de roubos na Cañiza

O titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Ponteareas emitiu un auto no que pon fin á investigación dunha ducia de roubos con forza cometidos en vivendas e establecementos comerciais da Cañiza entre xaneiro e abril de 2018. O xuíz considera que hai "indicios sumamente sólidos para crer responsables" aos tres detidos polos roubos, dos cales dous permanecen en prisión provisional.

Os dous investigados que están no cárcere eran, segundo consta no auto, "os encargados de entrar nas vivendas e/ou establecementos comerciais", mentres que o terceiro sospeitoso "se encargaba de axudar a desprazar os obxectos nos vehículos, acudindo a Vigo para vendelos, sen poder descartar que entrase nalgunha das vivendas".

No auto emitido o luns 15 de outubro, o xuíz dá traslado ao Ministerio fiscal e ás acusacións particulares para que no prazo de dez días presenten os seus escritos de cualificación e soliciten a apertura de xuízo oral ou reclamen o sobresemento da causa.